Publicidade

Para que divulgar ciencia e, ademais, en galego?

Co gaio do seu décimo aniversario, os amigos de Gciencia pedíronme un artigo de opinión sobre a importancia de divulgar ciencia e de facelo en galego. Obviamente díxenlles que si, aínda que nun principio non tiña claro como facelo. Entón lembrei que, para divulgar, con frecuencia é útil recorrer a exemplos e iso é o que farei agora, empregando un exemplo que, como Gciencia, fai dez anos. Aconteceu na charla sobre a mina de ouro de Corcoesto que fixen en Carballo a petición do Instituto de Estudos Bergantiñáns. Naqueles intres había unha controversia a propósito do risco que podería supoñer o arsénico. A empresa dicía que o arsénico xa estaba alí nas rochas, unha verdade indiscutible coa que pretendían tranquilizar a poboación suxerindo que o risco non dependía da mina…, pero obviando interesadamente a importancia transcendental que para o risco tiñan o tamaño de partícula e a superficie específica.

O auditorio estaba cheo de público de todas as idades, profesións e niveis educativos. Como explicarlles que o arsénico era un problema sanitario e ambiental de primeira magnitude? A resposta só podía ser unha: cun exemplo, por suposto. Pero, cal? Había que buscar un símil cun paralelismo directo na vida cotiá dos asistentes. Daquela, que hai máis cotiá que o pan ou o café?

Publicidade

Imaxinade que lle pedides a un neno que vos prepare un café e vedes que comeza a poñer os grans directamente na cafeteira. Calquera de vós diríadeslle deseguida que non se fai así, senón que primeiro hai que moer o café para poder extraerlle o aroma e o sabor. Se queredes facer pan, sabedes que non podedes empregar directamente os grans de trigo, centeo ou millo, xa que non levedaría e por iso antes facemos a fariña. Do mesmo xeito, ata o tamaño da fariña queren moer as enormes rochas de Corcoesto para poder extraer o ouro… pero todo o que fagan para aumentar a solubilidade do ouro aumentará igualmente a solubilidade do arsénico. E hai que ter en conta que nas rochas de Corcoesto por cada gramo de ouro hai un cuarto quilo de arsénico! Ao moer as rochas para extraer o ouro, a mina incrementaría enormemente a solubilidade e, polo tanto, os riscos sanitarios e ambientais do arsénico.

Ao rematar a charla achegáronse a darme as gracias varias persoas. Unha delas, unha muller que se vería directamente afectada pola mina, díxome que uns días atrás asistira a unha reunión convocada pola empresa para explicarlles o proxecto aos veciños e que non entendera nada do que alí lle dixeran porque semellaba que falaban noutro idioma, pero que a min si que me entendera. Nunca esquecerei a súa cara de gratitude.

Publicidade

Velaquí a importancia de divulgar a ciencia, tamén a de facelo en galego. Parabéns e longa vida para Gciencia.

Serafín González Prieto
Serafín González Prieto
Biólogo no CSIC e presidente da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN).

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Dámaso I, o primeiro (e único) papa galego

O legado reformista e transformador de Francisco I contrasta cos cambios na Igrexa adoptados polo pontífice orixinario da Gallaecia

Da botánica á psiquiatría: o saber científico de Rosalía de Castro máis alá da súa poesía

A USC inaugura no Colexio de Fonseca unha exposición sobre o vínculo da autora galega coa ciencia e co pensamento ilustrado do século XIX

Esta aplicación de IA axudarache a mellorar o teu galego

LanguageTool é unha ferramenta informática que permite a corrección de textos en galego e noutros 30 idiomas.

A primeira infancia, clave para evitar estereotipos sobre as carreiras científicas

Os tópicos de xénero con respecto ás especialidades a estudar poden instalarse nas mentes infantís dende os seis anos