A importancia de divulgar ciencia en galego

Con motivo do décimo aniversario do xornal GCiencia, gustaríame dedicar unhas palabras para lembrar a importancia da divulgación das novidades e avances no mundo da ciencia e da tecnoloxía. 

Non podemos esquecer que da ciencia e da tecnoloxía dependen o desenvolvemento socioeconómico dun país e polo tanto o benestar das persoas e o resto de seres vivos que o habitan. Galicia ten unha enorme capacidade para contribuír neste desenvolvemento que está a ter lugar a nivel global.

Publicidade

Unha importante responsabilidade dos científicos é dar conta á sociedade do destino dos fondos públicos que recibe e contribuír ao desenvolvemento da cultura científica na sociedade da nosa contorna. Este achegamento da ciencia á sociedade conséguese principalmente grazas á divulgación científica. Pero divulgar ciencia non sempre é tarefa fácil xa que temos que ser capaces de converter a linguaxe técnica e ás veces complicada que usamos os investigadores para comunicarnos entre nós, en palabras axeitadas para que o coñecemento chegue á maior cantidade de persoas. Só así se conseguirá que os científicos sexamos máis valorados e que o público entenda como os grandes progresos alcanzados en diferentes ámbitos da ciencia inflúen na nosa forma de vivir, de relacionarnos cos demais e na sustentabilidade dos recursos naturais.

Divulgar en galego contribúe á conseguir proximidade e empatía entre o científico e o pobo

Aínda que podemos facer divulgación en calquera idioma, divulgar en galego contribúe non só á consolidación desta lingua na Ciencia senón tamén a conseguir proximidade e empatía entre o científico e o pobo galego, o cal son aspectos clave no proceso de comunicación científica e que sempre están presentes en GCiencia.

Publicidade

Hoxe en día, cos avances das tecnoloxías da comunicación é fácil atopar demasiada información científica, pero o importante é saber diferenciar Ciencia de “pseudociencia“. Por iso, non hai que esquecer o importante papel que xogan os xornais dedicados á divulgación, como é o caso de GCiencia, para que moitos dos coñecementos rigorosamente contrastados sexan alcanzables ao público, xa que é ben coñecido que unha sociedade ben informada é máis difícil que sexa manipulada.

Unha sociedade ben informada é máis difícil que sexa manipulada

A divulgación é fundamental tamén para fomentar vocacións científicas na mocidade. A través da divulgación debemos transmitir xa desde a infancia o importante que é manter o entusiasmo e ilusión ante os novos descubrimentos, así como fomentar a curiosidade, sorpresa, imaxinación e o sentido crítico ante o que se observa e ocorre ao redor. Desta maneira, as novas xeracións poderán chegar a ser todo o que se propoñan e terán capacidade de contribuír a facer un mundo un pouco mellor.

Por todo o dito, temos que felicitar ao xornal GCiencia e a todo o seu capital humano polo o seu décimo aniversario como medio líder de divulgación en galego tanto polos seus contidos xornalísticos escritos como tamén audiovisuais, en streaming ou formato pódcast. Desexo que o seu éxito como axente divulgador da ciencia en galego continúe polo menos durante dez anos máis.

Alicia Estévez Toranzo
Alicia Estévez Toranzo
Catedrática de Microbioloxía.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Sen voz pasiva nin frases longas: as pautas que propón unha tese para redactar textos sinxelos en galego

Cristina López Canabal elabora unha guía para facer máis comprensible a literatura mentres se afasta dos estigmas sociais en torno ás obras adaptadas

Galicia presenta no Parlamento Europeo unha ferramenta pioneira para avaliar o uso do galego na IA

O Proxecto Nós, impulsado pola USC, amosa os resultados iniciais de “Arena Nós”, que analiza como os grandes modelos comprenden, xeran e representan a lingua

Como revivir a lingua

Estas son as estratexias das marcas para recuperar o galego, dende o derbi galego ata Inditex. Por Andrea Veiga