A Asociación de Amigos da Casa das Ciencias festexa 30 anos de coñecemento compartido

O seu presidente, Julio Casal, reivindica o compromiso coa divulgación científica para achegar información de calidade á sociedade

A Asociación de Amigos da Casa das Ciencias celebra este ano o seu 30 aniversario cunha clara mensaxe. “Somos unha asociación aberta ao público xeral, dende os comezos temos un claro compromiso coa divulgación científica”, afirma o actual presidente da asociación, Julio Casal. Teñen unha clara misión de compromiso cos Museos Científicos Coruñeses e coa divulgación científica, achegar coñecemento de calidade á sociedade é un dos propósitos que motivaron á fundación da asociación.

Nestes trinta anos houbo moitos cambios no eido da asociación pero quizais o que nunca mudou foron os obxectivos que se plantexaron ao principio e que seguen a ser os mesmos. Un dos principais propósitos era servir de apoio para os Museos Científicos Coruñeses, dende a incorporación da Casa das Ciencias, seguida da Domus e do Aquarium Finisterrae ata a última incorporación, o Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía (MUNCYT); e, tamén, unha das finalidades era realizar actividades para os socios.

Publicidade

Dentro das actividades que organizan a máis relevante é o Día da Ciencia na Rúa, a maior feira científica en España. “É unha actividade que se ven realizando desde a entrada de Javier Novelle como presidente e que esperamos que se siga a realizar moitos anos máis” di orgulloso Julio Casal. Ademais de ser unha gran feria científica, ten moito interese porque quizais sexa o claro espello dos seu propósitos: a divulgación científica e achegar a ciencia a toda a cidadanía. “Temos como asociados a moitos colexios e ese día eles son os protagonistas, nós ofrecemos o marco no que poden organizar este evento” conta o presidente.

Actividades que organizan dende a asociación

En xeral, na asociación tratan de organizar moitas actividades que lle poidan interesar aos asociados. Dende rutas polo bosque para coñecer, da man de expertos en botánica e bosques, os espacios naturais; excursións polo litoral; ou por calquera espacio natural en Galicia, xa que agora mesmo teñen o propósito de coñecer todos os parques e espazos naturais en Galicia.

Publicidade

Estas excursións poden ser na localidade pero ás veces tamén organizan viaxes longas a outras cidades. Para Casal é importante centrarse non só no “ámbito científico”, alega que están “abertos a outros mundos”. É por iso que desde a asociación organizan excursións a cidades con grande interese cultural ou excursións que mesturen ciencia e arte, por exemplo. Tamén teñen un compromiso coa cultura e a ciencia galega polo que organizan visitas para coñecer museos máis pequenos de actividades que teñen un forte arraigamento cultural coa nosa terra. Iso permite “achegar unha ollada distinta ás persoas que forman parte da Asociación” remarca Casal.

Con motivo do 30 aniversario decidiron organizar unha serie de actividades que intentan mesturas as dúas grandes institucións que destacan na cidade e que son referencia nacional. Por unha banda, temos os Museos Científicos Coruñeses mais a MUNCYT; e, pola outra, o Palacio da Ópera. Neste contexto, mesturar ciencia e música trae como resultado un concerto dedicado á Asociación de Amigos da Casa das Ciencias que ofrecerá a Orquesta Sinfónica de Galicia (OSG) o próximo día 17 de novembro. O concerto estará dedicado á asociación pero tamén poderá recibir público xeral, ademais dos socios. Tamén, seguindo a liña de música máis ciencia, organizarán dúas conferencias que versarán sobre as interaccións entre estes dous ámbitos.

Concerto da OSG polo 30 aniversario da asociación. Foto: Asociación de Amigos da Casa das Ciencias
Concerto da OSG polo 30 aniversario da asociación. Foto: Asociación de Amigos da Casa das Ciencias

Os Museos Científicos Coruñeses

Para Casal é difícil definir o tipo de relación que teñen cos Museos Científicos Coruñeses, xa que é unha relación moi fluída e ambos seguen unha ruta de traballo que vai estreitamente relacionada. “Axudámoslles coa búsqueda de conferenciantes, na organización de eventos ou na creación dos mellores talleres”, explican dende a asociación. “Tratamos de brindar a nosa axuda en todo o que sexa posible”. Os socios da asociación ademais teñen múltiples beneficios desta estreita relación, como a oportunidade de poder acceder gratuitamente a todos os museos e ter acceso a diferentes talleres. Neste sentido, Julio Casal remarca a recente incorporación de moitas parellas novas e os seus fillos, e asegura que é unha moi boa opción para achegar os máis cativos á ciencia dunha forma moi doada.

Coruña, cidade científica

O compromiso da cidade e, en concreto, da asociación coa divulgación científica, é moi grande. A día de hoxe os avances científicos e tecnolóxicos avanzan a un ritmo asoballante, “temos un compromiso coa cidadanía xa que canto maior sexa o coñecemento, maior será o nivel de cultura e, por tanto, mellores serán as decisións que tomen na súa vida privada”, asegura o representante da asociación. Buscan ser foco da divulgación científica de calidade e tratan de dar unha información enriquecida que chegue ao maior número de persoas posible.

Museo Domus. Foto: Museos Científicos Coruñeses
Museo Domus. Foto: Museos Científicos Coruñeses

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Cantas persoas naceron o mesmo día ca ti? Compróbao nesta aplicación

O Instituto Nacional de Estatística ofrece unha ferramenta interactiva que permite descubrir canta xente está de aniversario en España nun día, mes e ano concretos

O centenario da mecánica cuántica protagoniza a Semana da Ciencia do IGFAE

O centro organiza dende o 8 ao 14 de novembro un amplo programa con conferencias, obradoiros e xornada de portas abertas entre as actividades ofertadas

Os Museos Científicos Coruñeses celebran este sábado unha xornada de portas abertas

A Casa das Ciencias, o Aquarium Finisterrae e a Domus festexan o Día dos Museos con entrada libre e gratuíta ás súas salas e actividades

De peixes mutantes a súper quenllas: os 14 obradoiros cos que o acuario da Coruña celebra a Feira Isabel Zendal

Profesorado da Universidade da Coruña impartirá diversos talleres sobre saúde, bioloxía e os animais máis característicos do museo