Venres 29 Marzo 2024

Chega a mellor época de cogomelos aos montes galegos: isto é o que debes saber

Unha introdución aos aspectos básicos a ter en conta nas primeiras saídas a apañar setas no bosque durante o outono

Chega novembro e, con el, arrinca o mellor mes do ano para apañar cogomelos nos montes galegos. Aínda que o outono e as súas choivas tardaron en chegar a Galicia, as temperaturas altas e a humidade proporcionada durante o mes de outubro será condición de posibilidade para que novembro sexa un grande mes para os micológos e as micólogas expertas e tamén principiantes. Porén, unha actuación incorrecta á hora de desenvolver esta práctica pode danar os ecosistemas e reducir a presenza dos fungos como elementos claves para a biodiversidade. Do mesmo xeito, e para evitar sorpresas inesperadas, cómpre coñecer algunhas dicas básicas para ir ao monte con seguridade para as persoas e para a contorna. Convén comezar polo equipamento.

O básico: botas, cesta e navalla

O primeiro que se debe ter en conta para calquea saída prolongada ao monte é ir preparado con calzado axeitado e roupa cómoda e abrigada, para estar protexido da humidade e o frío. Máis alá da roupa, cómpre revisar a lexislación vixente en todo o que ten que ver coa colleita de cogomelos. No contexto do Estado español, Galicia ten unha normativa bastante laxa polo de agora. Noutros lugares como Catalunya, Euskadi ou Navarra é de obrigado cumprimento sacar permisos diarios. No decreto 73/2020 da Xunta de Galicia, artéllanse as normativas sobre as que se fundamentan estas normas galegas. Indica que se debe levar unha navalla ou coitelo para axudarnos a extraer os cogomelos arrincándoos e non cortándoos, para favorecer a supervivencia do micelio. É dicir, o conxunto de filamentos (hifas) moi ramificados, de estrutura e composición variable que constitúe o aparello ou corpo vexetativo dos fungos.

Publicidade

Outro dos aspectos clave é o do recipiente destinado aos cogomelos. Cómpre levar unha cesta ou similar, para que as pezas que se recollan poidan ir espallando as esporas polo monte mentres se pasea. As bolsas de plástico están totalmente prohibidas, porque non se permite esa dispersión de esporas e estñase afectando á reprodución e supervivencia das especies de fungos. Ademais, nelas, os cogomelos machúcanse e poden chegar a fermentar, causando problemas gastrointestinais. A tecnoloxía tamén pode ser unha aliada neste proceso. A empresa MycoGalicia Plantae, empresa de base tecnolóxica da Universidade de Vigo vinculada ao laboratorio, lanzou a finais de 2019 unha aplicación móbil, Mycokey Galicia, que axuda a identificar as especies presentes no país.

Tamén hai límites nos montes

Unha excesiva recolección pode xerar problemas para a conservación destes organismos. Así se constatou coas experiencias que se observaron en zonas non reguladas, nas que a recolección masiva de cogomelos ameazou a frutificación de especies comestibles en zonas que anteriormente eran altamente produtivas, segundo investigacións realizadas nos últimos anos. En Galicia, a cantidade xa está limitada: no decreto vixente (e no anterior, 50/2014) indícase que a cantidade máxima permitida de cogomelos que podemos recoller os afeccionados é de dous kilos por persoa e por día. No Estado español as cantidades flutúan entre as diferentes comunidades autónomas entre os 2-6 kg de cogomelos por persoa e día.

O eterno debate: arrincar ou cortar?

Este é o debate sempiterno entre afeccionados á micoloxía. E ten o seu fundamento: “No pasado, moitos micólogos e afeccionados consideraban que ao arrincar o cogomelo estábase danando o micelio (o resto do fungo, que vive baixo a terra) e que por tanto o lóxico era cortar”, contextualizan dende o Laboratorio de Micoloxía da UVigo. Porén, actualmente, grazas a diferentes estudos que se foron publicando ao longo dos anos, sabemos que isto non é así, e que o micelio segue producindo cogomelos ano tras ano tanto se cortamos coma se arrincamos o fungo, sen ningún tipo de dano”, engaden.

Ábrese, con todo, unha cuestión. O lóxico sería preguntarse por que a lexislación galega obriga a arrincar, se non hai diferenza entre ambos métodos de extracción; e a resposta é sinxela: para identificar un cogomelo precisamos ter visibles tódalas súas características; ao cortar, estamos deixando unha parte do pé (e volva, se ten) no solo, o que podería ser clave para diferenciar unha especie tóxica dunha comestible.

3 COMENTÁRIOS

  1. O artigo é interesante e útil. Pero deberiades citar as vosas fontes, poñendo unha bibliografía ao final en todos os artigos que publicades. É unha norma de oro en calquera publicación que queira ser fiable, aínda que sexa só divulgativa, non científica, e ao lector sérvelle para distinguir o bo xornalismo do que non o é. Quero que sexa entendido isto como unha suxestión ou crítica construtiva. Un saúdo

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Estes son os 10 cogomelos máis raros que podes atopar en Galicia

Pola súa forma, ou polo seu tamaño, incluso os hai que brillan na escuridade. Recompilamos as especies máis peculiares dos montes galegos

O misterio do cogomelo único no mundo que se atopou en Vigo e non volveu aparecer

O micólogo afeccionado Jaime Diz atopou a 'Amanita porrinensis' no monte da Madroa a principios dos oitenta

Cal é a mellor época para coller cogomelos?

Un estudo da USC conclúe que os 'boletus' apañados entre outubro e decembro son recursos micolóxicos de primeira categoría

Que ten que ver a psicodélica Amanita muscaria coa lenda de Papá Noel?

Alucinacións con renos voladores, gnomos do folclore nórdico e supersticións: a descoñecida relación dun coñecido cogomelo co Nadal