A natureza está chea de pequenos e interesantes seres que moitas veces non chegamos a apreciar. Este é o caso dos mixomicetos, un grupo peculiar de protistas que se clasifican xunto con algúns tipos de amebas. Con todo, eran unha especie eran pouco estudada no contexto español, ata a chegada da guía “Mixomicetos de Galicia e norte de Portugal”, a primeira publicación deste tipo feita na Península Ibérica. Da man de dous autores galegos, Floro Andrés Rodríguez e Óscar Requejo Martínez, estudiosos do Grupo Micolóxico Galego, a sociedade pode chegar a coñecer un pouco máis sobre estes organismos.
Non hai en España ningunha guía destas características, que describa e axude a identificar mixomicetos de diferentes comunidades autónomas. Así, despois de case 20 anos traballando neste mundo, os autores conseguiron xuntar a información necesaria sobre distintos aspectos dos mixomicetos para poder constituír esta publicación: a súa bioloxía, as características macro e microscópicas, a súa distribución en Galicia e no norte de Portugal, e a presenza de novas especies no territorio son algunhas das dimensións que tratan.
“Un dos principais antecedentes do estudo micolóxico en Galicia foi Luis Cabo Rey, que faleceu en 2005″, informa Floro Andrés, e asegura que tanto Óscar Requejo como el inspiráronse e continuaron cos estudos que antes levara a cabo o doutor galego a partir de 2006. Levan cinco anos ás costas traballando nesta guía, interrompidos pola pandemia e por unha paréntese académica coa fin de publicar os avances no coñecemento destas pequenas criaturas. O libro está composto polas publicacións dos dous autores en revistas científicas, a través de estudos nos que conseguiron recompilar un gran número de especies. “Decidimos compilalas nun libro non só científico, senón de divulgación científica“, matiza.
A hábil procura dos mixomicetos
O Grupo Micolóxico Galego leva 32 anos investigando estes seres no contexto galego. “Nas nosas excursións saímos por toda Galicia e o norte de Portugal, como unha continuidade”, mentres recollen todo o que atopan. Nestas incursións buscan exemplares frescos, que poden medir tres ou catro milímetros: “Hai que ter boa vista”, asegura o investigador, pois “son moi difíciles de atopar”.
Con todo, non é o único xeito de facer unha procura destes organismos. O outro método trátase do cultivo en laboratorio empregando placa Petri, no que se recollen follas ou árbores caídas, e repóboanse. Non obstante, a recollida destas especies para o estudo non é un dos aspectos máis relevantes, senón a que reino pertencen.
Dende o comezo do seu estudo polos botánicos foron considerados fungos, buscándolles analoxías que permitiran clasificalos no reino Fungi. Dende 1998 incluíronse no filo Amoebozoa, formando parte do reino Protista, ao que tamén pertencen os protozoos. Os estudos máis recentes, apoiados en traballos nos que se analiza a secuencia xenética, inclúenlles no filo Eumycetozoa. Con todo, os resultados sobre os mixomicetos aínda se publican xunto cos fungos, que distan moito desta especie.
Pero, por que esta confusión? “A principal diferenza cos fungos, ademais da composición química, é o seu ciclo de vida“, xustifica Floro Andrés, pois adoptan tres formas en distintas fases. Inicialmente, teñen forma de ameba unicelular, denominada mixameba, dependente principalmente da cantidade de auga do medio. Estas mixamebas xúntanse e se transforman en plasmodios, a etapa na que se observa como mofo mucilaxinoso. “Móvese como unha ameba e vai nutríndose de hifas ou esporas doutros fungos”, aclara, pois na súa última etapa, o mofo desenvolve un corpo frutífero que forma esporas, similar ao que lles ocorre aos fungos. “É un modo de vida distinto”, razoa.
Seres de cores e formas
A día de hoxe, en base ao catálogo publicado sobre estes pequenos seres, hai citados 188 mixomicetos no ámbito do estudo, dos que arredor de 20-25 son de nova aparición. Estes puideron emerxer por primeira vez na Península Ibérica, ou ser de nova presenza en territorio galego-portugués, o escenario de investigación desta guía.
Deste xeito, no traballo de campo “atopáronse especies que contan con moi poucos exemplares no mundo“, asegura Floro Andrés. Así, no libro preséntase a cantidade de frecuencia, con algúns organismos moi pouco habituais que alcanzan tan só media ducia de citas. Uns exemplos disto son a Craterium atrolucens, ou a Diderma sauteri.




Sobre a súa conservación, expón que os mixomicetos “son pouco coñecidos, con ciclos moi curtos”. Deste xeito, aínda que non teñen perigo a causa da rapidez do seu modo de vida, é fundamental o mantemento do medio. O cientifico vigués certifica que manter os bosques, respectar os ciclos naturais e evitar as tallas masivas son accións que levan a que estes organismos poidan persistir. “Se coidamos a natureza, os mixomicetos manteranse nela e estarán esperando a ser atopados”, informa.
Con todo, a pesar do seu descoñecemento, valería a pena saber máis deles só pola súa aparencia. Nas imaxes pódense apreciar especies con cores chamativas e con variadas formas, que fan deste mundo un fogar para seres enigmáticos como os mixomicetos. Como explica o autor, “as cores dependen da composición química e da alimentación”, clarificando que tamén ten que ver coa cor das esporas e a presenza de calcio, que achégalles unha textura de nácara a algunhas especies. “O mundo da natureza ten esa maxia”, divaga.
Un mundo por descubrir
“É un mundo extraordinario, pequeniño e moi pouco estudado”, garante Floro Andrés. Antes, os mixomicetos nin se traballaban nin se estudaban. Con todo, “agora si que hai máis interese“, aclara o investigador, con teses de universidades españolas e estranxeiras en marcha que xiran arredor destes pequenos seres. Ademais do traballo das facultades, tamén é importante o traballo dos científicos. Andrés confirma que hai “bos investigadores” no Xardín Botánico, na Universidade de Alcalá de Henares, na Sociedade Ibérica de Micoloxía e en distintos museos de ciencias naturais do mundo, que están a incorporar estudos xenéticos para poder coñecer máis á especie.
Con todo, a pesar da creación dunha guía innovadora a nivel ibérico, os autores atoparon moitos desafíos no proceso. “Estruturala ben foi un reto”, afirma, pois o seu obxectivo era que resultara atractiva e accesible, mais sen perder o rigor científico, coa fin de que á persoa que queira consultar por mera curiosidade lle poida ser útil. Xunto a iso, engádeselle a dificultade de falar dun mundo moi pouco coñecido a nivel global.
Desta maneira, como anuncia Floro Andrés, “hai que estudar máis sobre fungos e mixomicetos“. No contexto galego, só o Grupo Micolóxico segue esta liña de investigación, pois as universidades non prestan demasiada atención ao tema. “Os especialistas en fungos vanse xubilando, e non hai renovación“, asegura, facendo un claro fincapé na perda de información que se vai con eles cando abandonan as institucións académicas. “Os mixomicetos deberían estudarse máis, non só fóra de Galicia”, conclúe un dos autores desta primeira guía que pon en valor aos pequenos seres que compoñen este extraordinario mundo cheo de cor.














