Unha tese da UDC propón unha alternativa para controlar a temperatura dos motores eléctricos

Unha investigación do CITENI estuda o uso de xemelgos dixitais co obxectivo de mellorar a súa seguridade e eficiencia

Os motores de imán permanente utilízanse sobre todo nos vehículos eléctricos, pola súa alta eficiencia, tamaño compacto e fiabilidade. Porén, un dos principais retos destes motores é a xestión térmica, xa que a acumulación de calor en puntos críticos pode elevar a temperatura por riba de límites seguros. Así, Jon García Urbieta propuxo o emprego de xemelgos dixitais, os cales combinan modelos teóricos con medicións reais de sensores, que si se poden instalar no motor.

García levou a cabo esta investigación baixo a dirección de Fran González Varela, do Laboratorio de Enxeñaría Mecánica (LIM) do Centro de Investigación en Tecnoloxías Navais e Industriais (CITENI) da Universidade da Coruña (UDC), e Sergio Armentia Cerio, da empresa GKN Automotive Zumaia. Alí traballa no desenvolvemento de transmisións eléctricas para vehículos.

Publicidade

O tribunal da defensa da súa tese de doutoramento industrial destacou a calidade e a relevancia do traballo presentado. A investigación de Jon García céntrase nos fenómenos térmicos que lles afectan aos motores durante o seu funcionamento e subliña a importancia de controlar a acumulación de calor en puntos críticos para evitar non só o desgaste, senón tamén danos irreversibles.

Mellorar a seguridade e a eficiencia

Dada a imposibilidade de medir directamente a temperatura en puntos vulnerables do motor, García pensou no uso de xemelgos dixitais. Isto permite facer unha estimación precisa da temperatura naqueles puntos críticos. Ademais, os xemelgos dixitais son capaces de adaptarse a cada motor concreto, ver a súa evolución e reflectir o seu avellentamento segundo os ciclos de uso.

Publicidade

Os métodos desenvolvidos foron validados en bancos de ensaios ciberfísicos onde se someteron motores reais a probas mediante a interacción con simulacións da dinámica do vehículo. Esta innovadora aproximación foi eloxiada polo tribunal, que valorou a aplicabilidade práctica e o potencial impacto nos motores eléctricos do traballo defendido.

A defensa da tese de Jon García Urbieta non só representa un avance significativo na investigación académica, senón tamén unha contribución clave ao desenvolvemento tecnolóxico no sector dos vehículos eléctricos. Este logro destaca a importancia das teses industriais: pescudas aplicadas realizadas en colaboración entre a academia e a industria para resolver problemas reais, co obxectivo de avanzar cara a un futuro máis sostible e eficiente.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un modelo da UDC simula como se comportará a rótula tras unha operación de prótese de xeonllo

A ferramenta desenvolvida no CITENI permite comparar diferentes escenarios cirúrxicos e adaptados ás características de cada paciente

Un congreso da UDC pon Galicia no mapa da física solar na semana da eclipse total

O astrofísico Martín Gómez Miguez explica como o valor do fenómeno cambiou co paso do tempo e a evolución das ferramentas de observación e medición.

Da cosmoloxía moderna á física solar: os congresos que marcarán a semana da eclipse na Coruña

A cidade reunirá durante catro días a investigadores de referencia internacional para abordar as grandes incógnitas do universo e os últimos avances da estrela

Como xerar máis electricidade coa calor residual da industria? Así o fan dende Ferrol

Persoal investigador do CITENI da UDC mellora o rendemento dos ciclos Rankine orgánicos mediante un algoritmo inspirado nos enxames de abellas