O misterio do cogomelo único no mundo que se atopou en Vigo e non volveu aparecer

O micólogo afeccionado Jaime Diz atopou a 'Amanita porrinensis' no monte da Madroa a principios dos oitenta

“Non como cogomelos”, sentencia Jaime Diz ao outro lado do teléfono. É difícil non sorprenderse cando a afirmación vén de alguén que leva sendo micólogo afeccionado máis de 40 anos. “Só me gusta atopalas e estudalas”, continúa coa seguridade dunha persoa de 85 anos que, pese ás dificultades de mobilidade, segue asistindo a todas as exposicións micolóxicas que pode. A súa é a voz da experiencia e os seus, os recordos máis claros dun explorador incesante dos montes galegos. A súa paixón pola micoloxía levouno a atopar na década dos 80 un cogomelo único no mundo, o denominado Amanita porrinensis, nomeado así en honor ao Porriño, onde vive. “Nunca vira unha igual, nin na natureza nin nos libros”, lembra. Colleu un exemplar e contactou cos científicos Marisa Castro e Luis Freire, que tempo despois corroboraron dende a Universidade de Vigo que se trataba dun cogomelo que nunca fora descrito nos libros. O máis curioso de todo é que non volveu aparecer.

A Amanita porrinensis é, dende aquela, todo un misterio. Non se atopou nunca máis no monte da Madroa, nin tampouco en ningún outro lugar do mundo. Segundo a Guía de setas da Comunidade de Madrid, os estudos moleculares sobre o cogomelo atopado en Vigo determinaron que non é unha especie, senón unha forma de Amanita phalloides. Polo tanto, o seu nome correcto sería Amanita paholloides f. porrinensis. Ao ser unha derivación desta especie, considérase tóxica e, polo tanto, non comercializable. “A Amanita phalloides é a causante do 90% de intoxicación e mortes derivadas do consumo de cogomelos”, apunta Diz. O fungo nomeado en honor a Porriño non volveu aparecer, talvez polas casas que se construíron enriba do lugar no que o atopou inicialmente o micólogo.

Publicidade

“A Amanita porrinensis é un cogomelo normal, blanquiño, cun sombreiro cónico”, describe Diz, que bota da man da modestia e asegura que el, o que é descubrir, non descubriu nada. “Tan só fun ao monte e atopeina”, di cunha voz sincera. Porén, se non fose polo seu achado, o cogomelo da Madroa nin sequera estaría catalogado e o máis probable é que tampouco se coñecese a súa existencia. Talvez a modestia de Diz derive de que é un micólogo afeccionado, malia que leva preto de 60 anos sentindo fascinación polos cogomelos. A comezos dos sesenta fixo un curso de micoloxía en Vigo, onde residía daquela, que comezou a espertar un interese real pola disciplina. En realidade, a curiosidade por coñecer, estudar e analizar os fungos xa nacera cando era pequeno e percorría o monte preguntándose que cogomelo era cada cal. Isto tamén o levou a identificar a Amanita caesarea, moi difícil de atopar en Galicia.

Os estudos moleculares determinaron que non é unha especie, senón unha forma de Amanita phalloides

“Un compañeiro de traballo tróuxome un exemplar e preguntoume se sabía identificalo. Eu decateime de cal era a especie e falei co micólogo Carlos Valencia, que impartía os cursos aos que eu asistía. Non o podía crer”, lembra Diz. Isto aconteceu a finais dos 70 e dende aquela volveron aparecer, tamén na zona de Mondariz. Aínda así, é máis habitual do sur da península, dado que prefire solos calcarios e os galegos son moi ácidos. O único lugar do país no que é habitual é no Courel. O micólogo do Porriño sabe dunha fraga na que se dan especialmente ben as Amanitas caesarea pero el nunca as colle. “Teñen millóns de esporas que soltan para reproducirse. Se as arrincamos e non as depositan nos pouco sitios nos que as hai, acaban desaparecendo”, explica Diz. Isto, que ben se pode aplicar a calquera outra especie de cogomelo, talvez sexa outro dos motivos polos que Diz sente interese, case fascinación, por estes fungos, aínda que renuncie a comelos.

Publicidade

  • Membros do grupo cos cogomelos de 'poliespán' Foto: Cedida por Iago Leirós
  • Os cogomelos de 'poliespan' e globos de helio. Foto: Cedida por Iago Leirós
  • Exposición micolóxica no Porriño cos cogomelos sobre os toros de madeira. Foto: Cedida por Iago Leirós
  • Exposición micolóxica no Porriño organizada polo Grupo Micolóxico CRC. Foto: Cedida por Iago Leirós
  • Membros do Grupo Micolóxico CRC. Foto: Cedida por Iago Leirós

Un grupo de amigos… E de afeccionados

Todo o esforzo de Diz encádranse dentro dun contexto importante: o Grupo Micolóxico CRC. “Xuntámonos uns amigos no outono do 81. Como eu asistira a un curso de micoloxía en Vigo, ocorréusenos saír ao monte a buscar cogomelos”, lembra. O que era un pasatempo, converteuse en algo máis: aquel equipo vinculado pola amizade acabou sendo pioneiro en Galicia en moitos aspectos. Foi o primeiro grupo en facer varias exposicións micolóxicas nunha mesma tempada e, tamén, os primeiros en presentar os cogomelos en toros de madeira, de modo que non había que deixalos no chan, senón que podían manterse erguidos. E tamén foi a única vila pequena que celebrou a Semana Micolóxica Galega. O deseño de xogos infantís sobre micoloxía e o espectáculo con cogomelos de poliespan e globos de helio —que chegaron incluso a Lalín— súmanse á longa nómina de fitos do Grupo Micolóxico CRC.

Pese á longa historia do equipo de afeccionados, o grupo disolveuse hai uns anos. Segundo explica Diz, pola idade avanzada dos compoñentes e a falta de transmisión xeracional. Dos fillos dos membros, tan só sentiu a mesma paixón pola micoloxía Iago Leirós, un dos organizadores do “Outono Vivo”, unha programación do Círculo Recreativo Cultural do Porriño dedicada á micoloxía e na que a pasada fin de semana homenaxearon aos integrantes daquel grupo pioneiro. Aínda que xa non están en activo, algúns membros como Jaime Diz continúan dándolle continuidade ao seu amor polos cogomelos. Sen a actividade de antes, dado que xa lles resulta difícil saír ao monte a recollelos, buscan alternativas para manter viva a súa paixón. A de Jaime é, sen dúbida, a dun esforzo encomiable.

Voo dos cogomelos de polispán con globos de helio.

A extensa hemeroteca de Jaime

Dende que o micólogo asistiu ao seu primeiro curso en Vigo, a afección comezou a medrar cada vez máis. Fóra das saídas ao monte, ocorréuselle levar o seu pasatempo por outros derroteiros: “Empecei a recoller todas as noticias que había na prensa relativas á micoloxía. Fíxenme unha hemeroteca que hoxe debe ser a máis importante de Galicia”, apunta Diz. Nas carpetas e carpetas que conserva na súa casa do Porriño ten información de case todos os concellos. Tan só hai un 13,1% dos que non hai constancia. É case imposible imaxinar o volume da súa hemeroteca despois de décadas e décadas recompilando información. Como el ben lembra, isto foi posible grazas a unha biblioteca pública que lle cedía os exemplares de meses anteriores. E así, paseniño, Diz ía compilando o que hoxe é unha inmensa colección. Outro fito máis para o currículo daquel rapaz que comezou a sentir un amor inconmensurable pola micoloxía paseando polos montes da Galicia dos anos 40.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Descubertas dúas especies de cogomelos inéditas en Galicia

Un estudo da Federación Galega de Micoloxía e impulsado pola Deputación da Coruña identifica os exemplares no Pazo de Mariñán, no concello de Bergondo

Que está a pasar esta tempada micolóxica? “Se non chove, os cogomelos non saen”

A falta de chuvias, a escaseza de humidade e as altas temperaturas atrasan a aparición das especies máis comúns nos montes de Galicia

Tres cogomelos velenosos que debes aprender a identificar este outono en Galicia

Ao inicio da tempada de rutas micolóxicas cómpre coñecer as características e efectos dos fungos máis perigosos dos bosques galegos

O extraordinario e pequeno mundo dos mixomicetos de Galicia

Investigadores do Grupo Micolóxico Galego elaboran a primeira guía da Península Ibérica sobre estes organismos, con base na zona do noroeste peninsular, a partir de estudos propios que abranguen case 20 anos