Outra gran borrasca achégase a Galicia esta fin de semana con chuvias máis intensas que Ciarán

Activada a alerta vermella en todo o litoral galego, agás a Mariña lucense, por ondas que poderán superar os oito metros

A borrasca Ciarán deixou unha longa lista de incidencias en toda Galicia durante as últimas horas. Máis alá das árbores caídas e dos cortes de luz, canceláronse varios voos e interrumpiuse a circulación de tren nalgúns traxectos. Os efectos do tamén denominado “ciclón bomba”, situado sobre as illas británicas, continuarán este xoves con alerta vermella en todo o litoral galego, agás a Mariña lucense, por ondas que poderán superar os oito metros. Tamén se rexistrarán refachos de vento superiores aos 100 km/h e precipitacións intensas, con acumulados superiores aos 40 l/m2 en tan só 12 horas. Pero este escenario adverso está lonxe de remitir e, segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), o episodio prolongarase ata o domingo. Malia que Ciarán perderá forza este venres, o sábado entrará outra profunda borrasca, que aínda non está nomeada, e que poderá deixar precipitacións aínda máis intensas.

Dende Meteogalicia confirman a chegada deste sistema que se situará entre Irlanda e Galicia, deixando un novo episodio de temporal e vento similar ao de Ciarán. Está previsto que as precipitacións sexan máis intensas durante as primeiras e derradeiras horas do día. De novo, o vento soprará con intensidade, con refachos moi fortes tanto no litoral como no interior. No que respecta ás temperaturas, experimentarán un lixeiro ascenso, dado que a entrada dunha masa de aire frío polos efectos de Ciarán deixarán entre xoves e venres os valores entre 13 e 15 graos de máxima na meirande parte de Galicia.

Publicidade

Segundo explica o divulgador Víctor González nun artigo publicado en Meteored, a borrasca que se achegará o sábado a Galicia vai completar o seu proceso de cicloxénese explosiva na metade do Atlántico. Iso significará que os efectos que terá en Francia e nas Illas Británicas serán previsiblemente menos intensos que os de Ciarán, e que terá un núcleo menos intenso. Porén, os efectos sobre Galicia serán moi semellantes ao “ciclón bomba” que nos está a afectar. De feito, os refachos de vento tamén poderán acadar os 100 km/h e incluso poderán superarse nas zonas de montaña e de costa. O que pode ser “potencialmente máis adverso” que con Ciarán serán as precipitacións. “Volverán acumularse cantidades que poden exceder os 50 l/m2 en 12 horas en zonas de montaña do oeste peninsular”, apunta González. A maiores, vaise fundir boa parte da neve que deixou Ciarán, o que aumentará considerablemente o caudal dos ríos en Galicia.

Temporal marítimo en Caión, na Laracha, causado pola borrasca Ciarán.

Canto rematará este episodio?

Os efectos de Ciarán serán especialmente adversos este xoves, cun “temporal marítimo duro” no litoral de Galicia, segundo informan dende Meteogalicia. O venres as chuvias, o vento e a oleaxe non serán tan intensos como o xoves, pero o mar seguirá en mal estado. E tanto o sábado como o domingo a chegada dunha nova e profunda borrasca atlántica volverá causar un tempo adverso, moi semellante ao que deixou Ciarán ao seu paso. Dende a AEMET confirman que é “bastante probable” que durante o domingo a nova borrasca se afaste polo mar do Norte, polo que se daría rematado este episodio adverso. Segundo González, a situación non remitirá totalmente ata as primeiras horas do luns.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo arqueolóxico revela o papel esencial das mulleres na construción histórica do rural galego

A investigación pon de manifesto a importancia do traballo produtivo, doméstico e de coidados, así como o papel na transmisión de saberes

Unha investigación galega afonda no dó dos arroaces: que fan as nais cando morre unha cría?

Unha análise da CEMMA documenta os comportamentos das femias e identifica nos cachorros falecidos marcas asociadas ao seu acompañamento

Setembro pecha con sete mortes por afogamento en Galicia

É a cuarta comunidade autónoma con máis falecementos, só superada por Canarias, Cataluña e Andalucía

Galicia, a segunda comunidade con maior taxa de mortes atribuíbles ao consumo de alcol

O último informe do ISCIII rexistra 40 casos por cada 100.000 habitantes entre 2010 e 2021, nun podio que lidera xunto a Asturias e Ceuta e Melilla