Venres 11 Outubro 2024

A divulgación científica espállase polos campus da UVigo con máis de 15 actividades

Ao longo deste curso académico as actividades de divulgación científica da Universidade de Vigo espallaranse polos tres campus para implicar á cidadanía no traballo dos grupos de investigación da institución e visibilizar como as distintas liñas científicas tratan de responder ás necesidades da sociedade. En total, o Plan anual de actividades da UCC+i, bautizado como Ciencia de ida e volta, comprende máis de 15 propostas ata o vindeiro mes de xullo, como explicou nunha rolda de prensa este martes Mónica Valderrama, vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais.

O plan conta un orzamento de 129.000 euros, dos cales 30.000 son achegados pola Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología, FECYT, triplicando así a axuda respecto da edición anterior, o que a vicerreitora valora como “un selo de calidade, unha renovación da confianza” por parte do Ministerio de Ciencia e Innovación, “algo que non é doado, xa que se trata dunha convocatoria de concorrencia competitiva con moitos proxectos moi interesantes que quedan fóra”. O resto do orzamento corresponde a fondos propios da UVigo.

Publicidade

O programa, como explicou a vicerreitora, aséntase no concepto “ida e volta” xa que trata de exemplificar o movemento circular da ciencia e evidenciar “como as investigacións científicas achegan á sociedade coñecemento e avances, algo que quedou moi evidenciado na pandemia”, e como a sociedade pode propoñer novos retos, novas ideas ou axudar e complementar as investigacións. Ao longo dos próximos meses desenvolveranse unha serie de propostas diversas, pero todas de carácter experiencial, que van dende feiras científicas ata obradoiros, concursos, formacións, etc. adaptadas a públicos diferentes, dende escolares ata alumnado do Programa para Maiores, familias, persoal investigador e cidadanía en xeral.

Os obxectivos do programa pasan por aumentar o compromiso do persoal investigador coa divulgación científica e mellorar a súa formación neste eido; incrementar a cultura científica da cidadanía; promover e reforzar o interese pola ciencia entre colectivos sociais habitualmente afastados das accións de divulgación científica; establecer novas canles de participación e colaboración cidadá e xerar recursos para empregar como material didáctico ao servizo dos centros educativos.

Publicidade

Unha programación estable e consolidada

Para este curso académico 2023/2024 Ciencia de ida e volta presenta varias novidades, principalmente vencelladas cos Obxectivos do Desenvolvemento Sostible e coa celebración, por exemplo, do Día Mundial da Xustiza Social, o Día Mundial da Auga ou o Día Mundial da Saúde. Estas actividades acompañarán a aquelas que xa son parte da programación estable de Ciencia de ida e volta dende hai varios anos, como as que teñen lugar con motivo do Día Mundial da Muller e da Nena na Ciencia (11F) ou a expo-feira científica A ciencia que vén ten nome de muller. 

A programación 2023/2024 arrancou xa este mes co taller de astronomía Astrofamilias, cunha moi boa acollida que permitiu encher todas as prazas, e continuará entre os meses de novembro e decembro cunha formación para persoal investigador sobre divulgación científica.

Un dos eventos máis importantes da programación será a celebración do 11F, o Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia. Durante a primeira quincena de febreiro sucederanse unha serie de propostas, en colaboración coa Unidade de Igualdade, por exemplo, charlas en centros escolares por parte de investigadoras da UVigo, unha actividade que vén realizándose dende hai seis anos e que conta con grande aceptación por parte dos colexios e institutos (42 charlas en 2019, 41 en 2020, 58 en 2021, 58 en 2022 e 73 en 2023). Tamén dentro desta efeméride se celebrarán os obradoiros manipulativos e experienciais de ElasFanCienTec, unha iniciativa cunha longa traxectoria en colaboración coas escolas de Enxeñaría de Minas e Enerxía, Enxeñería Industrial, Enxeñaría de Telecomunicación, o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina (CINBIO) e co Centro de Apoio Científico-Tecnolóxico á Investigación (CACTI).

Na charla interxeracional participarán catro perfís distintos de mulleres investigadoras

Como explicaba a vicerreitora, está e unha experiencia moi exitosa, que se celebraba antes de que nacese o plan de Ciencia de ida e volta, “pero que incluímos na programación e que nos permite aproximarnos aos centros de secundaria e ensinarlles de xeito lúdico o que fan as investigadoras, darlles referentes femininos e, ao tempo, xerar vocacións científicas e tecnolóxicas entre nenas e mozas”. Tamén regresará a charla interxeracional, na que participarán catro perfís distintos de mulleres investigadoras en diferentes etapas da súa carreira para realizar unha posta en común sobre os problemas e retos aos que fixeron fronte por seren mulleres.

Tamén na primavera terá lugar unha nova edición da expo-feira científica A ciencia que vén ten nome de muller, na que haberá actividades manipulativas ligadas a varias ramas do coñecemento (tecnoloxía, medio ambiente, saúde e benestar, patrimonio e economía) da man dos centros de investigación da UVigo (atlanTTic, CINBIO, CIM, Cintecx e Ecobas). Outra das proposta que repiten nesta edición serán os embaixadores da ciencia e do coñecemento, unha actividade en colaboración co Programa de Maiores da UVigo que terá lugar na primavera e que permitirá alumnado, axudado por investigadores mentores preparen e expoñan un tema ante un público adulto non especializado nos tres campus. Tamén regresará o concurso de vídeos Youtubers científicos, con dúas modalidades, para persoal investigador e para alumnado de secundaria. 

Novidades vencelladas aos ODS

As principais novidades desta edición están relacionadas coa celebración de días internacionais e cos Obxectivos do Desenvolvemento Sostible. Así, de cara á conmemoración do Día Mundial da Xustiza Social, o 20 de febreiro, deseñáronse tres actividades divulgativas en colaboración co persoal investigador do grupo Ecosot do CIM, como a elaboración dun minidicionario de xustiza social, dirixido a alumnado de secundaria e FP; a creación dun vídeo divulgativo en colaboración con alumnado de secundaria, bacharelato e FP de distintos centros educativos; e unha xornada sobre xustiza social para combater a desigualdade no mercado laboral, que ademais incluirá un obradoiro de elaboración de Cv dirixido a persoas e colectivos en risco de exclusión social. 

Tamén se conmemorará o Día Mundial da Auga, o 22 de marzo, cunha serie de cinco pódcast para visibilizar o traballo do persoal investigador do Campus Auga e co concurso escolar de microrrelatos Auga = Vida: doce, limpa e potable, dirixido a alumnado de primaria, secundaria e bacharelato. 

Finalmente, o 7 de abril celebrarase o Día Mundial da Saúde, con actividades de concienciación sobre a prevención das enfermidades cardiovasculares, a través tamén dunha serie de cinco podcast con persoal dos grupos REMOSS e Xenómica e biomedicina e dos laboratorios de Endocrinoloxía (LabEndo), de Informática Aplicada e de Bioenxeñaría e Cronobioloxía e de charlas en centros de primaria e secundaria.
 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un evento climático extremo do pasado afectou ás fronteiras submarinas de Galicia

Investigadores da UVigo analizan por primeira vez a resposta a este fenómeno de alteracións ambientais no monte submarino Vigo e revelan que a presenza de árbores con froito deuse en Galicia antes que noutras zonas do planeta

Combinar exercicio e realidade virtual mellora os síntomas do párkinson

O proxecto ReViPark da UVigo avalía os efectos do exercicio feito con simulación en pacientes de párkinson

Intelixencia artificial para detectar TDAH nas aulas e outros proxectos de Galiciencia 2024

A feira científica reúne un centenar de traballos de alumnado de Secundaria, Bacharelato, FP e Primaria de toda a comunidade

500 minutos semanais de exercicio moderado reducen o risco de doenzas cardiovasculares 

O investigador da Universidade de Vigo Adriano Sánchez pon o foco na realización de actividade física en períodos curtos