O alumnado sénior da UVigo convértese en embaixador da ciencia en cafetarías de Pontevedra, Vigo e Ourense

Estudantes do Programa Universitario de Maiores impartirán charlas divulgativas en locais de encontro das tres cidades galegas

Exercer de embaixadores e embaixadoras da ciencia e do coñecemento. Esa será a misión de varios alumnos e alumnas do Programa Universitario de Maiores (PUM) da Universidade de Vigo nun novo ciclo de charlas divulgativas impulsado pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i). A iniciativa, que forma parte do plan anual Ciencia de Ida e Volta e conta co financiamento da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, trasladará o coñecemento máis aló das aulas para levalo a cafeterías e locais de encontro das cidades de Vigo, Pontevedra e Ourense.

O obxectivo é poñer en valor a experiencia, os coñecementos e as inquedanzas dun alumnado que, tras décadas de traxectoria profesional e persoal, continúa aprendendo e compartindo saberes. Para iso, os participantes asumirán o papel de divulgadores nun formato próximo e accesible, acompañados por persoal investigador da Universidade de Vigo que exercerá labores de mentoría e asesoramento.

Publicidade

As charlas arrancan na Gramola de Pontevedra

O ciclo arrancará este xoves ás 18.00 horas na cafetaría La Gramola, en Pontevedra. Nesta sesión, a estudante do PUM Coque Fariña actuará como embaixadora do coñecemento, acompañada pola profesora Luz Pérez Costas, como mentora, e pola investigadora Iris Machado de Oliveira, coordinadora do programa en Pontevedra. Cociñeira, divulgadora gastronómica e creadora de contido, Fariña desenvolveu unha intensa actividade vinculada á gastronomía, tanto nos medios de comunicación como a través das redes sociais, onde promove a cultura culinaria e os produtos galegos. Actualmente compaxina os seus proxectos profesionais cos estudos no Programa Universitario de Maiores.

En Vigo, no Vitruvia Café

A segunda cita terá lugar o 19 de xuño ás 18.00 horas no Vitruvia Café, en Vigo. Nela participará como embaixador Mauro González Bao, estudante do PUM e aprendiz permanente apaixonado pola artesanía. Na charla, titulada O milagre da miña zanfona, relatará o proceso de construción artesanal deste instrumento, combinando os coñecementos adquiridos no programa coa súa formación na Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo. A súa mentora será Carmen María Abreu Fernández, profesora da Escola de Enxeñería Industrial e coordinadora xeral do PUM.

Publicidade

En Ourense, no Café & Pop Torgal

A programación completarase cunha terceira actividade en Ourense o xoves 25 ás 18.00 horas no Café & Pop Torgal. O embaixador Celso Sánchez, acompañado pola súa mentora a profesora do PUM Marisol López, falaralle ás persoas asistentes do segredo da lonxevidade na cociña tradicional galega. Na cita tamén estará presente a coordinadora do programa en Ourense, Alma Gómez.

Gala final

O ciclo culminará o día 26 de xuño cun encontro final no edificio Redeiras, en Vigo. Este acto servirá como recoñecemento ao labor divulgativo desenvolvido polos embaixadores e embaixadoras e polo persoal mentor participante nas distintas edicións da iniciativa. A xornada contará coa participación do alumnado actual do PUM e incluirá a entrega de diplomas a todas as persoas participantes nas diferentes edicións. 

Con esta actividade, a UCC+i da Universidade de Vigo pecha o seu plan especial polo quinto aniversario de Ciencia de Ida e Volta (2025-2026). Esta edición dará paso a un novo plan de actividades, que a Unidade de Cultura Científica e da Innovación da UVigo anunciará ao longo dos vindeiros meses.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo galego propón novos criterios para identificar áreas de lonxevidade extrema

Investigadores do IDIS e da UVigo publican por primeira vez un marco metodolóxico que inclúe parámetros demográficos e epidemiolóxicos

Arden máis os espazos protexidos? Cando os datos non xustifican o relato

Os estudos dispoñibles non demostran que a protección aumente o risco de incendio nin que unha maior intervención sobre a vexetación sexa a resposta
00:06:28

Un microscopio feito a medida para estudar nanopartículas individuais

Investigadores do CINBIO incorporan un equipo hiperespectral de campo escuro sen equivalente comercial, capaz de medir moléculas que ata agora só se podían analizar en conxunto

Máis aló da madeira: o proxecto galego que busca novos aproveitamentos do monte dende Baroña

Multi-Forest, unha iniciativa impulsada dende Feuga, aplica imaxes satelitais para diversificar os usos do territorio, dende a micoloxía ata o certificado de calidade