Novas liñas de acción e formatos innovadores incorpóranse ao plan ‘Ciencia de ida e volta’ na súa quinta edición

As actividades comezan este venres coa formación Comunica a túa ciencia

O plan Ciencia de ida e volta da Unidade de Cultura Científica (UCC+i) da UVigo acada a súa quinta edición cun programa que introduce novos formatos e contidos, pero cos mesmos obxectivos cos que foi creado: fomentar a cultura científica, impulsar vocacións e dar visibilidade á investigación que se realiza na UVigo. Co financiamento da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades, as actividades desta quinta edición do programa desenvolveranse entre os meses de outubro de 2025 e xuño de 2026 nos campus de Vigo, Ourense e Pontevedra. 

Na presentación do programa de actividades, celebrado este luns no edificio Redeiras, a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da UVigo, Mónica Valderrama, destacou as novas accións que se van desenvolver na programación deste ano e que van coincidir coa celebración de varias efemérides como o Día Mundial da Pesca: o do Teatro ou o da Diversidade Biolóxica. “Actividades nas que procuramos a implicación do noso persoal investigador”, dixo Valderrama, que tamén reiterou a importancia de crear vocacións científicas entre as e os máis pequenos.

Publicidade

Pola súa banda, as técnicas da UCC+i, Ana Costa e Elena Muiños, lembraron que foron máis de 10.000 persoas as que participaron nas actividades desenvolvidas durante a última edición do programa, ao tempo que destacaron algunhas das novidades da programa deste ano como o teatro inmersivo, un concurso de fotografía e un obradoiro de ilustración científiica.

O programa conta cun orzamento que supera os 121.000 euros, dos que 35.000 os achega a FECYT.

Publicidade

Conta atrás para o inicio da formación Comunica a túa ciencia

As actividades do plan inícianse esta semana, o venres 10 de outubro e continuará o 13, coa formación presencial dirixida á comunidade universitaria (PDI, PI, PTXAS e alumnado) Comunica a túa ciencia. O curso de 10 horas, aberto tamén a docentes e responsables de comunicación externos, inclúe sesións dedicadas a mellorar as habilidades de oratoria, aprender a comunicar ciencia en redes sociais, coñecer o potencial das ferramentas de intelixencia artificial aplicadas á divulgación e, como novidade, dous obradoiros de técnicas teatrais orientados a explorar novas formas de expresión e comunicación creativa.

As sesións estarán a cargo de Tamara Pazos Cordal, comunicadora científica especializada en neurociencia; Óscar Huertas Rosales, bioquímico e divulgador; e Constance Hurlé, directora e intérprete de artes escénicas, que guiará a parte teatral da formación. As persoas interesadas en realizar a formación deberán encher o formulario habilitado na Secretaría Virtual e o número de prazas é de 40, que se cubrirán por rigorosa orde de inscrición.

Novas temáticas e formatos

Coincidindo coa celebración do seu quinto aniversario, o plan incorpora novas liñas de acción centradas nos grandes desafíos do noso tempo, como o cambio climático, a contaminación e a perda de biodiversidade. Así mesmo, introdúcense formatos innovadores que enriquecerán a programación, entre eles xornadas de teatro inmersivo, exposicións temáticas ou enquisas de percepción social, que permitirán coñecer mellor a relación da cidadanía coa ciencia.

As actividades do plan continuarán a principios do mes de novembro co gallo Día da Ciencia en Galego (4 de novembro), que celebrará a súa segunda edición co obxectivo de poñer en valor a investigación e a divulgación na lingua propia de Galicia. Desta volta, publicarase un novo volume da Escolma de Termos Científicos, que incluirá terminoloxía dos campos da informática, da criobioloxía e da xestión pública, continuando así coa aposta por enriquecer o vocabulario científico-técnico en galego e facilitar o seu uso tanto na comunidade universitaria como nos centros educativos.

Ao fío da celebración do Día Mundial da Pesca (21 de novembro), o plan desenvolverá actividades arredor do mar e dos recursos mariños, e manteranse as accións do 11 de febreiro, Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, en colaboración coa Unidade de Igualdade. A programación inclúe ademais entre os meses de marzo e abril, arredor da celebración do Día Mundial do Teatro, unha homenaxe a Agatha Christie, de cuxo falecemento se cumpren 50 anos en 2026. Baixo o suxestivo título Misterio na biblioteca, a actividade unirá ciencia, literatura e artes escénicas nunha experiencia con vocación multidisciplinar que integrará grupos de investigación de diversos ámbitos. 

A oferta complétase con proxectos arredor da sustentabilidade e a redución de residuos, como Resto cero, e coa iniciativa A beleza do natural, no mes de maio, que permitirá descubrir e poñer en valor a ciencia vinculada ao medio natural. A feira científica A ciencia que vén, no mes de maio, con talleres e demostracións abertas á cidadanía a cargo de grupos de investigación da UVigo, e o programa Embaixadoras e embaixadores da ciencia e do coñecemento, en xuño, en colaboración co alumnado do Programa Universitario de Maiores (PUM), completan unha programación que combina actividades consolidadas con outras máis innovadoras.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O alumnado sénior da UVigo convértese en embaixador da ciencia en cafetarías de Pontevedra, Vigo e Ourense

Estudantes do Programa Universitario de Maiores impartirán charlas divulgativas en locais de encontro das tres cidades galegas

Percepción do piropo entre a mocidade galega: só o 25% dos rapaces se sente mal cando o emite

Unha tese doutoral investiga a obxectivización do corpo das muller a través desta antiga práctica en 232 adolescentes de Pontevedra e Ourense

María Mayán capta 100.000 euros para impulsar unha nova inmunoterapia contra o cancro de mama

A investigadora do Cinbio recibe unha Bolsa FERO para desenvolver un proxecto sobre as terapias celulares CAR-NK, moi prometedoras en medicina personalizada

Premiados sete investigadores e investigadoras mozos pola súa contribución ao avance científico galego

Verónica Bolón, Laura Castro, María Barreiro, Manuel Souto, Ismael González, Lucía Díaz e Rubén Lado reciben os galardóns organizados pola RAGC-UIE