O Día da Ciencia en Galicia homenaxea o químico Fernando Calvet

No acto da Academia de Ciencias entregáronse as Medallas de Investigación a cinco científicos e científicas galegos, referentes internacionais nos seus campos

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou este mércores 8 de outubro en Santiago, no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, o acto do Día da Ciencia en Galicia, no que se homenaxeou ao químico Fernando Calvet i Prats (Vilafranca del Penedès, Barcelona, 1903 – Barcelona, 1988) como Científico Galego 2025.

O presidente da Academia Juan Lema destacou que “Fernando Calvet encarna a Galicia que investiga, innova e crea riqueza dende o coñecemento e o compromiso co país. O seu exemplo amósanos que a ciencia non pode permanecer illada; debe dialogar co territorio e cos sectores produtivos, poñerse ao servizo do país”. Explica que o químico tiña a capacidade de transformar o coñecemento en innovación e a innovación en desenvolvemento. Xa nos anos trinta, indica que Calvet formulaba propostas que anticipaban conceptos actuais como a economía circular, convencido de que Galicia podía aproveitar os seus recursos naturais para crear valor engadido. Nesta liña, destacou que “nun mundo marcado polos conflitos e a polarización, a ciencia debe seguir sendo un espazo de razón, diálogo e defensa da dignidade humana”.

Publicidade

En relación á entrega das Medallas de Investigación da RAGC, o presidente da RAGC salientou que “son os premios máis prestixiosos da ciencia en Galicia“. Segundo Lema, o seu valor vén dado pola excelencia, a humanidade e o compromiso dos premiados, que proxectan a ciencia galega no mundo.

Durante o evento proxectouse un vídeo no que se aborda a traxectoria vital e profesional do homenaxeado. Ademais, presentouse a revista da Academia A Ciencia en Galicia, dedicada neste número a Fernando Calvet e que está producida por GCiencia. Ao mesmo tempo recolle a principal actividade da organización e os fitos científicos máis relevantes no último ano na comunidade.

Publicidade

Manuel Freire: “Foi o pioneiro da biotecnoloxía en Galicia”

Manuel Freire, catedrático de Bioquímica e Bioloxía Molecular da USC e académico da RAGC, impartiu unha conferencia, na que se referiu ao homenaxeado como “pioneiro da bioquímica en España e promotor da biotecnoloxía en Galicia”, onde permaneceu dende 1929 ata 1945. Lembrou que en xaneiro de 1929, con 26 anos, gaña a cátedra de Química Orgánica e Bioquímica da facultade de Ciencias da Universidade de Santiago. Dotou o seu laboratorio dun equipo para realizar análises elementais de moléculas orgánicas, un instrumento do que poucas universidades en España dispoñían, o que lle permitiu realizar traballos para outros laboratorios.

“O fito que marcaría o futuro do seu labor científico en Galicia foi a súa relación co Instituto Bioquímico Miguel Servet de Vigo, dedicado á obtención de produtos farmacéuticos a partir de extractos vexetais e de tecidos animais“, destaca. Naqueles anos, o instituto estaba interesado na obtención de alcaloides a partir do cornizó do centeo, un fungo parasito da espiga dese cereal. O extracto deste fungo contiña unha mestura de alcaloides de interese para o control de hemorraxias e para tratar a xaqueca. “Fernando Calvet puxo a punto o procedemento para obter estes alcaloides, o que supón o nacemento da biotecnoloxía en Galicia“, manifestou Freire.

Ademais, explicou que “logo de pasar polo cárcere durante a Guerra Civil, incorporouse ao recén creado complexo biotecnolóxico de Zeltia no Porriño”. En palabras do catedrático da USC, o período no que foi o seu director científico, de 1939 a 1945, é cando se pode considerar que naceu a biotecnoloxía de interese farmacolóxico en Galicia. Os tecidos animais procedentes dos matadoiros, así como de diferentes plantas da flora galega, serían utilizados nos procesos de obtención e purificación dos compoñentes de interese farmacéutico, con protocolos deseñados por Calvet e os seus colaboradores nos laboratorios de Zeltia. Destaca o caso da insulina, obtida do páncreas do porco.

Entrega das Medallas de Investigación de Galicia

No evento entregáronse as Medallas de Investigación de Galicia que concede a RAGC. As persoas distinguidas este ano foron, en Bioloxía e Ciencias da Saúde, Francisco J. Blanco, referente internacional no campo da Reumatoloxía, catedrático da Universidade da Coruña e investigador do CICA (Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía da UDC). Foi recoñecido por aplicar tecnoloxías computacionais avanzadas para personalizar o diagnóstico e o tratamento das doenzas reumáticas.

Laura Carballo, catedrática de Dereito Internacional Privado da Universidade de Vigo e decana da facultade de Relacións Internacionais, especialista en Dereito laboral marítimo internacional, recibiu a medalla da sección de Ciencias Económicas e Sociais, en recoñecemento ao seu compromiso coa mellora das condicións dos traballadores do mar.

Juan María Pou, catedrático de Física Aplicada da UVigo, centrado na aplicación do láser na industria, a saúde e a sostibilidade, foi o galardoado en Ciencias Técnicas.

Científicos e científicas premiados coas Medallas de Investigación da RAGC. De esquerda a dereita: Francisco J. Blanco García, Laura Carballo, Mª Carmen Veiga, Nieves Rodríguez e Juan Mª Pou.
Científicos e científicas premiados coas Medallas de Investigación da RAGC. De esquerda a dereita: Francisco J. Blanco García, Laura Carballo, Mª Carmen Veiga, Nieves Rodríguez e Juan Mª Pou. Foto: RAGC

Nieves R. Brisaboa, catedrática de Ciencias da Computación da UDC, descada investigadora do CITIC (Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións da UDC), experta en algoritmos e no procesamento de grandes volumes de datos, foi recoñecida no eido das Matemáticas, Física e Ciencias da Computación.

Mª Carmen Veiga, catedrática de Enxeñaría Química da UDC e investigadora do CICA, foi recoñecida na sección de Química e Xeoloxía polos seus traballos no tratamento de augas residuais, valorización de residuos sólidos e depuración de efluentes gasosos mediante procesos biotecnolóxicos sostibles. 

O Día da Ciencia en Galicia

Ao evento, presidido polo reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, asistiron o presidente da RAGC, Juan Lema; a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; o secretario xeral da Lingua, Valentín García; a directora de Gain, Carmen Cotelo; o director da Axencia Galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), Antonio Fernández-Campa; o subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde; o reitor da Universidade de Vigo, Manuel J. Reigosa; o reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao; a secretaria do Consello da Cultura Galega, Elena Vázquez; a delegada do CSIC en Galicia, Carmen González; o presidente da Real Academia de Farmacia de Galicia, Ángel Concheiro; así como académicas e académicos da RAGC e representantes de diversas institucións políticas, científicas, educativas, culturais e de investigación galegas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Dous bens da Coruña elevan a 91 os elementos galegos incluídos na Lista Vermella do Patrimonio

A antiga igrexa barroca de Vimianzo e a Casa Grande do Ribeiro colocan a Galicia no sexto posto nacional por número de inmobles incluídos

As Rías Baixas gardan a maior pegada toponímica da antiga presenza de focas en Galicia

Un estudo identifica 43 talasónimos asociados a estes animais mariños e reconstrúe a súa distribución histórica, con especial concentración na ría de Arousa

O mar acada os 22 graos en Galicia: as claves dun quecemento inusual para maio

Os sistemas de observación detectan valores moi superiores á media habitual para maio, provocados pola acumulación de calor asociada a episodios persistentes

Documentado por primeira vez un gorgoncéfalo vivo en augas galegas

Investigadores do IEO localizan un exemplar xuvenil na Ría de Arousa, o que amplía o límite norte coñecido da especie