O químico Fernando Calvet (Vilafranca del Penedés, Barcelona, 1903 – Barcelona, 1988) vén de ser nomeado como Científico galego do ano 2025 pola Real Academia Galega de Ciencias (RACG). Profesor da Universidade de Santiago (USC) na década dos anos trinta do século pasado, o investigador foi un piar fundamental na modernización da química na institución galega. Para afondar nesta figura, o doutor en Historia pola USC Ricardo Gurriarán explica algúns dos aspectos máis relevantes da súa vida. Ademais das numerosas achegas á bioquímica nacional, instalou o primeiro laboratorio de química orgánica na Facultade de Ciencias compostelá, foi represaliado e preso no cárcere e apostou pola presenza das mulleres nas súas clases.
—Como definiría vostede a Fernando Calvet?

—Foi un home moi versátil, tanto de actitude vital humana como formativa e ideolóxica. Nado nun contexto de familia culta e musical, Calvet tocaba o piano. Estudou ciencias químicas e foi un piar clave na modernización desta disciplina na Universidade de Santiago, mais tamén na península ibérica. Relacionouse con catro Premios Nobel ao longo da súa vida e foi un socio moi importante do Seminario de Estudos Galegos, entre outros moitos fitos.
—Após estudar en Barcelona e en Oxford consegue a súa cátedra en Química Orgánica na Facultade de Ciencias da Universidade de Santiago con tan só 26 anos.
—O seu período de formación foi moi importante. Acadou a carreira con 20 anos e en Oxford traballou co doutor F. D. Chattaway, un investigador da rama das sínteses orgánicas dos máis importantes naquel momento. Após acadar cátedra en Santiago en 1929 recibiu unha bolsa que lle permitiu ampliar os seus coñecementos en Múnic xunto ao investigador, profesor e Premio Nobel de 1927, Henrich Wieland.
—Despois volveu a Galicia e impartiu clases na Facultade de Ciencias da Universidade de Santiago a partir de 1930. É neste período onde resaltan as súas achegas á modernización da institución. Cales considera vostede que son as máis destacadas?
—O primeiro labor que Calvet levou a cabo foi a montaxe de laboratorios de química orgánica e investigación na Facultade de Ciencias. El, que era de formación e metodoloxía pegada ao laboratorio, vía que había insuficiencias grandes en Santiago para a investigación. Despois chegou o período de modernización.
No momento en que chegou a Santiago —rematando a ditadura de Primo de Rivera e comezando a Segunda República— coincidiu cun piar fundamental para a modernización da Universidade: o reitor Alejandro Rodríguez Cadarso. Ata daquelas era unha institución do século XIX, excesivamente vertical e incluso de herdanza familiar. Eles dous foron pezas fundamentais para poñer “en orde” a entidade. Nesta década foi cando se crearon institucións de relevancia como o Instituto de Estudos Portugués ou o Seminario de Estudos Galegos, entre outros.
Por outra banda, Calvet foi un personaxe moi significativo no Santiago da época. Ademais de ser un gran divulgador do deporte e da ximnasia sueca, algo novo nunha universidade que só coñecía o fútbol, deixou de empregar a gravata para dar clase e quitou o estrado da aula para pórse á altura dos alumnos. Ademais, realizaba unha formación dinámica, con saídas co alumnado ao exterior, impulsando a formación de equipos de traballo para dar continuidade á posta en marcha de cadros de persoal na facultade.
Tamén cabe destacar o papel de Fernando Calvet, xunto a Isidro Parga Pondal, na integración feminina. Ata catro mulleres foron axudantes de clases prácticas na propia Facultade de Ciencias. Non houbo catro mulleres na facultade de Santiago practicamente ata os anos sesenta. A institución chegou a ter unha das porcentaxes de mulleres máis elevada en toda a península ibérica naquela época.

—A década dos trinta foi unha época de evolución para Calvet ata que chegou 1936.
—Así é. Nese ano abríronlle un expediente de depuración. Daquelas vivía en Vigo, onde fundou —xunto o médico Ramón Obella e o farmacéutico Francisco Ruvira— o Instituto Bioquímico Miguel Servet, do que foi o seu director científico. Durante ese verán tivo algúns enfrontamentos con exalumnos e xente da extrema dereita, polo que decide marchar a Estocolmo cunha bolsa de estudos e formarse con Hans Von Euler, outro químico moi relevante naquel momento que tamén foi Premio Nobel.
—Mais dous anos despois volve a Galicia.
—As autoridades dun bando e doutro presionárono para volver. Malia que tentou negociar que non houbese represalias, xunto ao seu amigo Obella, cando chegou a Tui foi detido e metido no cárcere. Aquí un exalumno seu foi “benevolente” e axudouno a saír após 12 ou 15 días de prisión.
Eu mesmo puiden manexar o seu expediente de depuración, que está no arquivo xeral da Administración en Alcalá de Henares. Nel hai cartas de xente, exalumnos, cregos, falanxistas e militares dando información sobre el. Unha das moitas cargas que se lle atribúen —como galeguista, independentista ou mesmo amigo de Azaña— hai unha que ata resulta curiosa. Despois da histórica folga de Asturias de 1933 din que ía de loito ás clases, cousa que foi desmentida por moita xente.

Dende o ano 1939 moitas persoas pediron a revisión do seu expediente de depuración, pero algúns dos seus ex compañeiros miraron cara ao outro lado. Este non chega a resolverse ata o ano 1944.
—É durante esta época que chega a Zeltia e acada grandes logros na industria
—Estivo cinco anos nesta empresa do Porriño, cun papel moi relevante na produción farmaco-química da época, xa que era un alumno avantaxado. Entre as achegas máis relevantes de todos os medicamentos que puxeron en marcha e as sínteses orgánicas que realizaron a partir da flora natural galega, cabe destacar o seu famoso mata insectos, émulo do DDT, coñecido como ZZ.
—A última etapa da súa vida tampouco foi sinxela.
—Probablemente tivo mala sorte no seu itinerario. Foi un home ao que se lle interrompeu o seu labor persoal, tanto na docencia como na investigación. Cabe destacar que unha vez trasladado a súa Cataluña natal, quen foi o pai da bioquímica na península tivo que presentarse a unhas novas oposicións para ser catedrático de Bioquímica, case con 60 anos. Con 70 xubilouse, pero nunca perdeu o contacto con Galicia.














