Fernando Calvet i Prats. Un pioneiro da bioquímica e un promotor da biotecnoloxía en Galicia

Fernando Calvet, un químico nado en Vilafranca del Penedès en 1903, foi nomeado pola RAGC Científico Galego do Ano, en razón do seu mérito como pioneiro no estudo da bioquímica e como promotor da biotecnoloxía en Galicia. Presentamos aquí a súa personalidade científica.

Licenciado en Química pola Universidade de Barcelona en 1923. En 1925 viaxa á Universidade de Oxford (Inglaterra) para realizar a súa tese de doutoramento baixo a dirección do profesor F.D Chattway. Alí traballou na síntese de plásticos duros: as baquelitas.

Publicidade

Presenta a súa tese en 1928, e nese ano volve a Barcelona como profesor axudante de Química.

Entre os anos 1928 e 1929, Calvet revalida o título de doutor pola Universidade de Madrid e prepara a oposición para conseguir unha praza de catedrático de universidade. En xaneiro de 1929 conséguea o departamento de Química Orgánica e Bioquímica da Universidade de Santiago. Despois da toma de posesión, é autorizado para ir a Múnic cunha 5 bolsa do Instituto Rockefeller para incorporarse ao laboratorio do profesor Heindrech Otto Wieland (Premio Nobel en 1927). Esta estadía dota a Calvet de experiencia no illamento e análise estrutural de alcaloides obtidos de extractos de vexetais. Era a súa introdución á biotecnoloxía.

Publicidade

En marzo de 1930 Fernando Calvet volve á súa cátedra en Santiago.

Fernando Calvet en Santiago

Ao longo de seis anos leva a cabo unha innovadora actividade docente en Química Orgánica e Bioquímica na Facultade de Ciencias e no curso preparatorio común para as licenciaturas de Medicina e de Farmacia. Unha docencia na que propiciaba a participación do alumnado, e que alternaba con seminarios de facultade sobre a actualidade científica.

Crea dous laboratorios, un para a docencia práctica e outro para a investigación. Este laboratorio acolleu un entusiasta grupo de homes e mulleres, motivados pola afección de Calvet á investigación, e que van traballar en síntese e purificación de moléculas orgánicas, na fronteira entre a Química Orgánica e a Bioquímica.

Moi innovadora foi a dotación no seu laboratorio dun equipo de Análise Elemental, esencial para a caracterización de moléculas orgánicas, que prestou servizo a moitos laboratorios no ámbito nacional.

En marzo de 1930 Fernando Calvet volve á súa cátedra en Santiago.

Un fito moi importante para a actividade científica de Calvet e para o desenvolvemento da Biotecnoloxía en Galicia foi a súa relación co Instituto de Bioquímica Miguel Servet de Vigo, acabado de construír en 1935.

Este instituto fundado polo médico e empresario Ramón Obella Vidal e polo farmacéutico Francisco Rubira Fariña tiña como finalidade obter produtos de interese farmacolóxico de extractos de tecidos animais e vexetais. Para tal cometido era fundamental contar coa participación de Fernando Calvet. A súa experiencia púxose en práctica na preparación do coñecido “pan de Ergot”, unha mestura de alcaloides obtidos do caruncho, un fungo parasito do centeo. O “pan de Ergot” era un fármaco moi utilizado polo seu efecto vasoconstritor para conter hemorraxias, especialmente en partos.

Os acontecementos do verán de 1936 viñeron a truncar a súa actividade científica, ao ser separado da súa cátedra. Parece que a súa relación co nacionalismo galego foi un dos motivos desta represalia. Este castigo, non obstante, non lle impediu saír de España, de maneira que cunha bolsa da Fundación Rockefeller permitíuselle marchar rumbo a Suecia.

O exilio en Estocolmo e Edimburgo

Fernando Calvet en Estocolmo.
Fernando Calvet en Estocolmo.

Calvet chega a Estocolmo no ano 1936 para incorporarse ao laboratorio de Hans von Euler (premio Nobel en 1929). Neste laboratorio produciuse o seu acercamento á investigación bioquímica. Estuda as reaccións que permiten a síntese de ATP, molécula que capta a enerxía liberada na fermentación da glicosa: a glicólise.

Rematada a bolsa da Fundación Rockfeller, ao ano seguinte é contratado pola Universidade de Edimburgo (Escocia) como profesor da Facultade de Medicina. Alí, no laboratorio do profesor George Barger, ten a oportunidade de continuar os seus traballos sobre o estudo de alcaloides. Rematado este contrato en 1938, Calvet trata de volver a España. Estraña decisión dadas as circunstancias nas que se atopaba o país. Con todo, regresa e entra por Lisboa para viaxar a Galicia.

Zeltia e a promoción da biotecnoloxía

Fernando Calvet entra en España por Tui. É detido e encarcerado. Na súa liberación, despois de 21 días, debeu de xogar un papel importante a mediación de Francisco Meis, alcalde de Tui e exalumno de Calvet.

Instálase en Vigo coa súa muller Elena Quer e a súa filla Nuria. A súa chegada coincide coa creación do complexo biotecnolóxico de Zeltia, nacido dun proxecto de Ramón Obella, que deixa o Instituto Miguel Servet, e dos irmáns José e Antonio Fernández López. O complexo localízase no Porriño, na proximidade dos matadoiros dos irmáns Fernández e cunha contorna de fincas, deles e do propio Obella, nas que cultivar centeo para obter o caruncho. Neste proxecto mantíñase a finalidade do Instituto Servet: obter fármacos de vexetais e animais para ser comercializados. Para este propósito era fundamental contar coa participación de Calvet, que acepta e asume a dirección científica de Zeltia.

Vista aérea do complexo industrial Zeltia (1950).
Vista aérea do complexo industrial Zeltia (1950).

De 1939 a 1945 Fernando Calvet leva a cabo un extraordinario labor de posta a punto de procesos biotecnolóxicos para obter fármacos, que aínda perdura na metodoloxía experimental de Zeltia, transformada en Pharmamar en 2005.

O caruncho do centeo, tecidos animais procedentes dos matadoiros dos irmáns Fernández e plantas da flora galega foron utilizados para obter unha serie de importantes fármacos dos que mencionaremos algúns dos máis importantes: pan de Ergot, nomeado por Zeltia como “Purpuripan”; insulina dixitalina; efedrina; vitaminas; e un pesticida derivado do DDT e denominado ZZ, entre outros.

En 1945 termina a colaboración de Calvet con Zeltia, xa que é restaurado na súa cátedra e destinado á Universidade de Salamanca.

Breve estadía en Salamanca e viaxe a Nova York

Apenas dous anos despois da súa estadía en Salamanca viaxa a Nova York cunha bolsa do Ministerio de Asuntos Exteriores, coa intención de mellorar a súa formación bioquímica. Primeiro ao Polytecnic Institute en Brooklyn onde estuda as proteínas nucleares usando a microscopía electrónica. Seis meses máis tarde, trasládase ao laboratorio de Alfred Marshak na University College of Medicine da Universidade de Nova York, onde estuda o metabolismo hepático.

Desde Nova York, en 1948, solicita o traslado da súa cátedra en Salamanca á Universidade de Oviedo, que lle serviría para solicitar, un ano más tarde, o seu traslado definitivo á Universidade de Barcelona.

En Barcelona

En 1950 Calvet volve a Barcelona como agregado da Facultade de Ciencias, e en 1952 é nomeado catedrático de Química Técnica, cátedra afastada da súa área de coñecemento. Ata 1967 non logra Calvet a cátedra de Bioquímica da Facultade de Ciencias da Universidade de Barcelona.

O período do 1950 o 1967 correspóndese cunha fase sombriza na actividade científica de Fernando Calvet. Privado da posibilidade de continuar coas súas liñas de investigación, afastouse da oportunidade de integrarse nos niveis que a investigación bioquímica estaba acadando nesa época. Con todo, Calvet tivo tempo de consolidar un grupo de investigación aplicado a estudos de enzimoloxía.

Contribuíu á creación da Sociedade Española de Bioquímica, fundada en Santiago de Compostela no ano 1963 por un grupo no que, con el, estaba Severo Ochoa e Alberto Sols, entre outros.

Hei de resaltar, tamén, a súa faceta literaria publicando a obra Bioquímica para Médicos y Farmacéuticos en 1956, e traducindo o libro Bioquímica de Albert L. Lehniger en 1979, coa colaboración do seu discípulo Jorge Bozal.

Nos últimos anos da súa vida rexurdiu a súa implicación coa biotecnoloxía colaborando cos laboratorios farmacéuticos Peuya en Molins de Rei, e co laboratorio “Faustino Cordón de Investigación Alimentaria y Energética”.

Fernando Calvet i Prats morreu en Barcelona o 16 de xuño de 1988.

Manuel Freire Rama
Manuel Freire Rama
Catedrático de Bioquímica e Bioloxía Molecular. Membro de Número da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Premiados sete investigadores e investigadoras mozos pola súa contribución ao avance científico galego

Verónica Bolón, Laura Castro, María Barreiro, Manuel Souto, Ismael González, Lucía Díaz e Rubén Lado reciben os galardóns organizados pola RAGC-UIE

Gumersindo Feijoo: “Os nosos fillos e netos vivirán menos se abandonan a dieta atlántica”

O catedrático de Química da USC e director científico do CRETUS ingresa na Real Academia Galega de Ciencias

Xurxo Mariño recibe o Premio de Divulgación da RAGC: “A cultura científica contribúe nunha cidadanía crítica”

O galardón recoñece o labor do investigador da Universidade da Coruña, que leva máis de tres décadas difundindo coñecemento científico dende Galicia

Consecuencias da invasión

A ameaza dunha alga asiática que xa está en Galicia