Que está a pasar esta tempada micolóxica? “Se non chove, os cogomelos non saen”

A falta de chuvias, a escaseza de humidade e as altas temperaturas atrasan a aparición das especies máis comúns nos montes de Galicia

Unha diminución no número de recollidas de cogomelos é un dos sinais de que algo está a cambiar nesta tempada micolóxica en Galicia. O atraso na chegada das chuvias e as temperaturas suaves que se manteñen ata novembro, condicións propias de veráns cada vez máis longos, están a deixar a súa pegada nos montes galegos. “Está a haber algún tipo de cambio, e iso nótase”, explica Nicanor Floro Andrés Rodríguez, doutor en Farmacia e membro do Grupo Micolóxico Galego.

As novas condicións climáticas afectan directamente ao ciclo vital e natural dos fungos, que se prolonga ao longo de todo o ano. Aínda que a frutificación de cada especie depende da estación, existen algunhas que poden aparecer en calquera momento. Segundo Floro Andrés, en certas zonas de montaña con temperaturas máis baixas ou en áreas húmidas próximas xa se poden atopar cogomelos, pero “non coa abundancia que estabamos acostumados noutras épocas”.

Publicidade

“Se non chove, os cogomelos non saen”, subliña o doutor. A falta de precipitacións, a escasa humidade e as temperaturas elevadas impiden que o fungo frutifique correctamente. Esta combinación de factores está detrás da escaseza que comentan agora os micólogos, e que, ademais, altera o ciclo vital dos cogomelos.

Un 98% de auga

Segundo explica Floro Andrés, os cogomelos necesitan unha elevada humidade para poder medrar. O micelio, o conxunto de filamentos ramificados que constitúe o aparello vexetativo dos fungos, require desta humidade para formar o corpo do cogomelo. “O cogomelo é entre un 95 e un 98% auga“, indica o micólogo, polo que precisa unha gran dispoñibilidade hídrica para xerar a frutificación. Se non hai auga no subsolo, resulta imposible que o cogomelo se desenvolva.

Publicidade

“Para que os cogomelos de outono poidan frutificar de maneira ampla e notable é necesaria unha combinación de humidade e baixada de temperatura“, explica. Porén, isto non significa que o frío intenso ou as xeadas sexan beneficiosas, xa que tamén poden acortar o período de frutificación dos fungos.

Na actualidade, os cogomelos que adoitan frutificar a finais de setembro atopan un escenario con temperaturas moi elevadas e longos períodos de seca. “Cando comeza a chover en novembro, é posible que estes cogomelos xa frutifiquen menos“, sinala o experto. Tampouco están a aparecer os cogomelos típicos do verán, como a raíña (Amanita caesarea) ou o madeiro do verán (Boletus aestivalis).

Que clima precisan os cogomelos?

“As condicións óptimas son as que comezamos a ter agora”, indica Floro Andrés. Os cogomelos benefícianse de chuvias frecuentes, aínda que non excesivas, e dunha lixeira baixada das temperaturas, situadas arredor dos 18 e 20 graos.

Con todo, existen especies que se están adaptando mellor ao cambio climático, acostumadas a temperaturas máis altas e menos humidade. “Algunhas destas especies están a introducirse cara a Galicia”, explica o micólogo, debido a que as novas condicións climáticas resultan cada vez máis favorables para o seu desenvolvemento.

O experto sinala que, cando unha especie atopa condicións propicias, tende a medrar e ampliar o seu territorio. Pola contra, aquelas que se atopan en ambientes cada vez menos favorables comezan a reducir a súa presenza e poden chegar a desaparecer. “Iso é o que provoca que xurdan especies ameazadas“, comenta Floro Andrés, ou que outras que antes eran moi abundantes agora sexan moito máis difíciles de atopar. “Está a producirse un desprazamento; a natureza é así”, indica.

As dinámicas están cambiando

A raíz das transformacións derivadas do cambio climático, están a observarse modificacións nas especies de cogomelos que medran en Galicia. Entre as que comezan a aparecer con maior frecuencia atópase a Amanita caesarea. Antes era unha especie restrinxida ao leste de Galicia, pero agora está a expandirse cara á costa.

O mesmo ocorre co gurumelo (Amanita ponderosa), unha especie tradicionalmente asociada a Andalucía e Extremadura, que xa comeza a rexistrarse en territorio galego, segundo explica Floro Andrés.

  • lactarius deliciosus
  • Tricholoma equestre
  • tricholoma colossus

Pola contra, o micólogo sinala algunhas especies que parecen estar en retroceso. Dende a súa experiencia, menciona o níscalo (Lactarius deliciosus), o tortullo amarelo (Tricholoma equestre) e o tortullo grande (Tricholoma colossus). “Deixeinas de atopar”, comenta, reflectindo así o impacto que estas novas condicións climáticas están a ter sobre a diversidade micolóxica galega.

Que pasará coas rutas micolóxicas?

O cambio climático tamén está a influír, de maneira indirecta, no desenvolvemento das rutas micolóxicas. “As xornadas das asociacións micolóxicas están a atrasarse“, explica Floro Andrés. Mentres que antes se celebraban a comezos de outubro, agora non teñen lugar ata novembro.

As rutas e xornadas micolóxicas deste 2025, de feito, están previstas entre novembro e decembro. “A temporada se alonga nese sentido”, conclúe o experto.

Esta nova realidade obriga a afeccionados e organizadores a adaptarse a un calendario cambiante, no que a natureza marca o ritmo.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O científico galego César de la Fuente lidera a creación dunha IA para deseñar antibióticos máis eficaces

A ferramenta ApexGO permite optimizar moléculas e acelerar a obtención de tratamentos fronte a patóxenos resistentes

Os mapas dos temporais máis extremos de Galicia: Copernicus reconstrúe 80 anos de datos atmosféricos

A ferramenta europea Weather Replay permite analizar episodios históricos mediante simulacións meteorolóxicas interactivas

A Xunta publica o novo mapa das zonas de baño de Galicia: estas son as 42 praias non aptas

A Coruña é a provincia con máis áreas nas que está prohibido mergullarse, como no areal urbano da Virxe do Camiño, no concello de Muros

Galicia rexistra o terceiro gromo de sarna norueguesa en 15 días, unha variante máis rara e contaxiosa

O Servizo de Axuda no Fogar do concello pontevedrés de Vila de Cruces concentra varios positivos da enfermidade cutánea