Investigadores do CINBIO lideran un proxecto para facer fronte á fármaco resistencia

O obxectivo é avaliar as proteínas diana de medicamentos do VIH-1 que conducen a un maior aguante contra os tratamentos

A aparición de mutacións fármaco resistentes constitúe un grave problema na loita contra os microorganismos patóxenos. Os métodos actuais, baseados na análise de resistencia xenotípica, non permiten predicir os cambios evolutivos, provocando a ineficacia dos tratamentos. Facer fronte á fármaco resistencia é precisamente o principal obxectivo do proxecto Preres (Predición das traxectorias evolutivas das proteínas cara á resistencia aos tratamentos antirretrovirais). A investigación posdoutoral conta co apoio do programa europeo Marie Skłodowska-Curie Actions, sendo a Universidade de Vigo a única institución beneficiaria cun orzamento de 181.150 euros.

Liderado por Valeria Zoni, investigadora do grupo de Evolución Molecular Computacional do CINBIO, o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo, e coa supervisión do investigador Miguel Arenas, o proxecto pretende acadar un pioneiro método preditivo que aproveite a evolución molecular e a bioloxía computacional para predicir a evolución de dianas farmacolóxicas do VIH-1 e mellorar así a selección de terapias. Arrancaron o pasado mes de setembro e por diante quédanlle dous anos de intenso traballo.

Publicidade

Predición da resistencia aos tratamentos antirretrovirais

O obxectivo principal de Preres é aplicar técnicas de evolución molecular e bioloxía estrutural computacional para avaliar as traxectorias evolutivas das proteínas diana de fármacos do VIH-1 que conducen á resistencia contra os tratamentos antirretrovirais habituais. “Esta investigación ten o potencial de mellorar a selección de terapias para patóxenos ao proporcionar ferramentas de predición que teñan en conta a dinámica evolutiva molecular destes microorganismos”, explica a investigadora responsable do proxecto, quen tamén subliña que os resultados poderían supoñer avances no campo da evolución molecular, pois “esta metodoloxía tamén podería aplicarse ao estado evolutivo doutros patóxenos”. 

Rozando os 200.000 euros, trátase dun proxecto con financiamento europeo altamente competitivo. “É moi satisfactorio saber que a nosa proposta foi avaliada de maneira tan positiva e seleccionada para recibir este apoio”, comenta o persoal investigador do grupo CME do CINBIO, pertencente á rede Cigus. Segundo Valeria Zoni, “esta investigación podería axudar a facer fronte á fármaco resistencia, o que sería un avance substancial nos estudos de evolución molecular”. “Para min é un privilexio formar parte desta proposta, pois a Unión Europea tamén promove numerosas iniciativas de formación e apoio destinadas a fortalecer o desenvolvemento profesional de investigadores financiados con fondos europeos”.

Publicidade


Podes ler o artigo completo do DUVI aquí.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha investigación galega propón un tratamento contra a artrose que ataca o envellecemento celular

O proxecto SENPAD desenvólvese no marco da convocatoria Ignicia Proba de Concepto articulada pola Axencia Galega de Innovación

Do CINBIO a Sudáfrica para estudar a recombinación da covid: historia dunha viaxe

O grupo CME da UVigo leva anos estudando a evolución dos virus a través da bioinformática e centra parte dos seus estudos na monitorización do SARS-CoV-2

María Mayán capta 100.000 euros para impulsar unha nova inmunoterapia contra o cancro de mama

A investigadora do Cinbio recibe unha Bolsa FERO para desenvolver un proxecto sobre as terapias celulares CAR-NK, moi prometedoras en medicina personalizada

Un científico galego revela que os virus máis agresivos actúan como ‘aceleradores’ do envellecemento

O equipo no que traballa Rubén González no Instituto Pasteur de París realizou un experimento en moscas da froita e demostrou que a idade biolóxica dos insectos permaneceu elevada pese á eliminación do patóxeno