Estragan unha alvariza de máis de 200 anos en Vimianzo: este é o antes e o despois

As estruturas tradicionais para protexer as colmeas das abellas forman parte dun patrimonio único na Costa da Morte

O monte Faro rematou esta fin de semana con parte do seu patrimonio estragado. Esa foi a consecuencia para unha singular alvariza tras a actividade dun madeireiro pola zona, segundo apuntan desde a Policía Local de Vimianzo. Os danos descubríronse despois de que unha persoa pasase pola zona, temendo o peor tras a actividade que se estaba a desenvolver no lugar. E, efectivamente, así foi.

O antes e despois é claro, cunha sección moi afectada por eses danos. “Vense as rodeiras dos tractores“, destaca Carme Toba, socia fundadora da Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego (Apatrigal). Parte da estrutura cedeu ante o paso da maquinaria.

Publicidade

As alvarizas en cuestión son unha estrutura de aproximadamente 70 metros de lonxitude. A estrutura está ancorada no terreo e pasaba no carón do río. Non están catalogadas oficialmente, pero é unha zona coñecida e que formaba parte dunha ruta realizada polo Concello de Vimianzo denominada a ruta das Alvarizas. Como parte do patrimonio ten unha protección básica establecida por lei, pero ao non estar catalogadas non todo o mundo sabe onde está, explica Toba. A ruta pasa por unha parcela privada, teñen o permiso do dono para o seu paso, o cal agora se compromete a arranxala.

Un patrimonio único de máis de 200 anos

Visita nas alvarizas do monte do Faro en Viimianzo antes dos danos.
Visita nas alvarizas do monte do Faro en Vimianzo antes dos danos.

As alvarizas forman parte dun patrimonio único na Costa da Morte. Son estruturas que serven para protexer as colmeas. “Igual que noutros lugares como no Courel protexían as colmeas con teitos de palla o de lousa, aquí protexíanse co que a terra lles daba: ca lousa de pedra”, explica Toba. A tamén escritora de “A cultura do mel na Costa da Morte” explica que as metían debaixo desta e que as abellas traballaban aí, protexidas das inclemencias do tempo como as choivas e as xeadas. Tamén serve como guarida doutros animais, por exemplo.

Publicidade

Sobre a datación deste patrimonio non hai un ano exacto, pero Toba explica que o no catastro do Marqués da Ensenada (1702-1781) xa aparecen referencias de estruturas da Costa da Morte como “currais de abellas“. Aínda que non se pode dar un dato exacto, Toba estima que deben ter, como mínimo, máis de 200 anos. Un patrimonio que agora queda danado coma noutros casos, como o do banco ao carón dun petróglifo en Noia, unha churrasqueira nunha mámoa en Lousame e outra esmagada polo paso de maquinaria pesada en Baleira. Exemplos que poñen en valor a necesidade de protexer mellor o patrimonio histórico galego.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O longo periplo de mosaicos e torques: un estudo reconstrúe as viaxes dos bens culturais fóra de Galicia

A tese de Erea Castro Alfonso analiza o papel do numismático tudense Ricardo Blanco-Cicerón no movemento de patrimonio artístico e histórico

Tes un ben cultural ao lado da casa? Este mapa interactivo de Galicia permíteche descubrilo

A aplicación desenvolvida polo divulgador Manuel Gago permite consultar máis de 75.000 pezas de patrimonio a través dun mapa interactivo e imaxes históricas

O Consello da Cultura Galega alerta da transferencia do control do patrimonio aos concellos

Un informe do órgano estatutario lamenta que se elimine a autorización previa da Consellería nas intervencións en bens catalogados e dubida da súa constitucionalidade

Desaparece a Pedra do Encanto, unha das xoias patrimoniais de Vimianzo

Segundo Apatrigal, o penedo carece de protección oficial e a súa ausencia evidencia a vulnerabilidade da herdanza natural non catalogada en Galicia