Así se modernizaron as colmeas empregadas en apicultura durante os últimos séculos

*Un artigo de Logo The Conversation

As abellas melíferas son fundamentais na polinización. O seu manexo permite obter diferentes produtos como o mel, a cera, o pole e o propóleo. Na actualidade a apicultura é unha actividade económica vinculada co mundo rural moi relevante. Concretamente, na Unión Europea hai máis de 20 millóns de colmeas, sendo España o Estado membro cun maior número.

Publicidade

As colmeas usadas en apicultura que observamos maioritariamente hoxe en día son moi diferentes das que predominaban a finais do século XIX. O manexo das abellas por parte dos seres humanos experimentou importantes transformacións que, iniciadas ao redor de 1850, fóronse difundindo paulatinamente. Estas innovacións motivaron o progresivo paso das colmeas tradicionais ás modernas, as que contan con cadros móbiles.

A importancia desta actividade e o seu patrimonio asociado é tal que, en España, o Consello de Ministros declarouna recentemente como Manifestación Representativa do Patrimonio Cultural Inmaterial.

Publicidade

Colmeas tradicionais e colmeas modernas

A apicultura tradicional vincúlase co sistema fixista. A súa denominación vén derivada do feito de que os panais de cera están fixos nas colmeas e non se poden mover. Neste modelo as abellas teñen que dedicar maiores esforzos á produción de cera, o produto apícola máis apreciado en determinados momentos históricos.

Colmea tradicional en Albacete. Foto: Ángel Aroca Escámez/Wikimedia Commons, CC BY-SA

De feito, ao redor da apicultura fixista e das colmeas tradicionais existía un singular patrimonio material e inmaterial, entre o que se atopa a industria apícola cereira. Esta actividade, que foi moi relevante en determinadas áreas xeográficas, contaba con infraestruturas específicas como as prensas de cera, entre as que destacaban os lagares de cera de prensa de viga.

Podemos atopar algúns exemplos de interese destas infraestruturas en diferentes puntos do sur de Europa, como España ou Portugal.

As colmeas fixistas aínda se poden ver nas áreas rurais, pero son cada vez máis escasas. Elabóranse a partir de diferentes materiais, en función dos recursos locais existentes. Así, úsanse cortiza, esparto, palla de centeo, táboas, barro cocido, etc. Este sistema apícola cos panais fixos no interior das colmeas organízase a partir dos ciclos naturais e nel resulta moito máis complexa a interacción dentro da colmea. Conta con menores producións de mel, obténdose máis produción de cera.

Pola contra, na apicultura moderna ou mobilista colócanse cadros móbiles no interior das colmeas, con cera das abellas, que se poden retirar. Isto permite unha maior interacción e intervención na colmea, o que favorece unha maior intensificación produtiva enfocada cara á obtención de mel.

Innovación no coñecemento apícola

O proceso do paso da apicultura fixista á mobilista comeza cunha serie de innovacións a mediados do século XIX. Así, o reverendo norteamericano Lorenzo L. Langstroth descobre a existencia dun espazo mínimo entre os compoñentes da colmea que as abellas non encherán con propóleo nin con panal adicional. Esta innovación posibilitou o deseño de colmeas con cadros móbiles que se podían introducir e retirar nelas.

A partir deste descubrimento, aparecen diversos cambios tecnolóxicos asociados, como a cera estampada (lámina de cera na que están impresos os hexágonos que usan as abellas para a posta de ovos ou para almacenar o mel e o pole) ou o extractor de mel, que utiliza a forza centrífuga para obter o mel.

Deste xeito, establécese unha apicultura con colmeas e elementos tecnolóxicos homoxéneos e estandarizados. Estas colmeas mobilistas contan coa característica de poder incrementar o seu tamaño en función das necesidades de produción de mel derivadas das floracións existentes.

Por outra banda, neste sistema apícola resulta máis fácil forzar procesos produtivos para incrementar a recolección de mel. Isto pódese realizar a través do cambio de raíñas, da alimentación artificial ou da división forzada dos enxames, aínda que adicionalmente provocan maiores problemas de enfermidades.

Colmea moderna. Foto: KoS/Wikimedia Commons

Divulgación do cambio tecnolóxico

O proceso de cambio tecnolóxico foi avanzando, lentamente, a través da difusión dos novos coñecementos e da aplicación de diferentes políticas públicas.

Deste xeito, é posible atopar diversas publicacións das décadas finais do século XIX e da primeira parte do XX específicas sobre a apicultura moderna. Por exemplo, a revista apícola dedicada ao desenvolvemento e propagación da apicultura mobilista (sic) de finais do século XIX e o Cours complet d’apiculture de Layens e Bonnier, do ano 1900.

No mesmo sentido, establécense diferentes políticas públicas para o fomento da apicultura moderna. Realízase o ensino e a divulgación da apicultura de cadros móbiles en escolas específicas, en forma de ensino ambulante ou a través de cotos escolares apícolas. Tamén se aposta pola divulgación das innovacións en exposicións e concursos internacionais.

Este proceso de difusión das colmeas de cadros móbiles e de toda a armazón tecnolóxica asociada fai que paulatinamente as colmeas modernas foran substituíndo ás tradicionais e se converteran nas predominantes.

En definitiva, a apicultura experimentou un brusco cambio tecnolóxico e de manexo iniciado a mediados do século XIX en favor da produción intensiva e da obtención de mel. Este proceso modificou as colmeas nas que viven as abellas, pasando paulatinamente das tradicionais fixistas ás modernas con cadros móbiles.


Cláusula de divulgación: As persoas asinantes non son asalariadas, nin consultoras, nin posúen accións, nin reciben financiamento de ningunha compañía ou organización que poida obter beneficio deste artigo, e declararon carecer de vínculos relevantes máis alá do cargo académico citado anteriormente.

Damian Copena Rodríguez e María A. Ferreira Golpe
Damian Copena Rodríguez e María A. Ferreira Golpe
Damián Copena Rodríguez é profesor da área de Historia e Institucións Económicas da Universidade de Santiago (USC). María A. Ferreira Golpe é técnica superior de investigación na área de Economía Aplicada, tamén da USC.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O valor da amabilidade ou por que os lobos teñen problemas de extinción e os cans, non

A prosociabilidade evolutiva decisiva para cans e humanos. Por Jonathan Benito Sipos

Tres claves para coidar a microbiota… e durmir mellor

Reducir o estrés non só beneficia a nosa saúde mental, senón a nosa microbiota e a calidade do noso descanso. Por Sara Uceda Gutiérrez e Manuel Reiriz Rojas

A física Yolanda Prezado, premio Wonenburger 2026 polos seus estudos en radioterapia

A Unidade de Muller e Ciencia da Xunta concede por unanimidade o galardón á investigadora galega, considerada unha referencia europea en protonterapia

Da velutina aos meles de baixa calidade: os retos actuais da apicultura

A confluencia de varios factores ameazan á saúde da abella e do seu ecosistema. Por Damián Copena Rodríguez e María A. Ferreira Golpe