Desaparece a Pedra do Encanto, unha das xoias patrimoniais de Vimianzo

Segundo Apatrigal, o penedo carece de protección oficial e a súa ausencia evidencia a vulnerabilidade da herdanza natural non catalogada en Galicia

O Concello de Vimianzo sufriu o luns 27 de outubro unha importante perda patrimonial: a Pedra do Encanto desapareceu do seu emprazamento orixinal. A ausencia foi descuberta por membros do club Moto Trial O Petouco, que visitaran o lugar en dúas ocasións na última semana para preparar unhas probas deportivas. Na segunda visita, decatáronse de que a pedra xa non estaba no sitio.

A coñecida Pedra do Encanto, tamén chamada Gran Laxe de Meadelo, é unha rocha con numerosos petróglifos situada na zona do Salgueiral. Está recollida na historiografía galega por eruditos como Fermín Bouza Brey e asociada a diversas lendas populares. Porén, segundo explica Carlos Henrique Fernández Coto, presidente da Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego (Apatrigal), “a pedra non está catalogada nin incluída en ningún inventario do patrimonio cultural”, o que implica que non conta con protección patrimonial.

Publicidade

Tras observar pegadas que apuntan a que a pedra, dunhas dúas toneladas, foi arrastrada, consideran que para a súa substracción se empregaron medios mecánicos especializados, como un camión con guindastre. En canto ás posibles motivacións, Fernández Coto suxire que alguén puido levala para colocala nun xardín privado: “Puido pensar que luciría na súa casa no canto de quedar no monte”.

Ao tratarse dun monte común, non existe propietario concreto que poida presentar denuncia pola desaparición. Por iso, nada máis coñecer o sucedido, Apatrigal difundiu o aviso nas súas redes sociais e informou á alcaldesa de Vimianzo. “Pouco máis se pode facer ao non estar catalogada, só darlle visibilidade ao caso“, sinala o presidente da asociación, confiando en que a pedra apareza e poida ser devolta ao seu lugar orixinal.

Publicidade

Un gran valor antropolóxico e cultural

En Galicia pódense atopar moitas pedras de grandes dimensións que presiden os montes e que, malia seren de orixe natural, forman parte esencial da paisaxe. A Pedra do Encanto, como outras similares, formouse a finais do Paleozoico, durante as últimas fases da oroxenia hercínica que modelou amplas zonas de Galicia hai arredor de trescentos millóns de anos. Dende entón, o vento e a chuvia continuaron esculpíndoa lentamente, dándolle a súa forma peculiar.

“Así ata acadar esa forma tan orixinal que parece tallada polo ser humano”, explica Carlos Henrique Fernández. O seu valor, engade, vai máis aló do arqueolóxico, pois tamén posúe unha gran relevancia antropolóxica e cultural. O mesmo ocorre con outros enclaves emblemáticos como a Porta do Alén (A Lama), os Penedos de Pasarela e Traba, os da Picaraña (Ponteareas) ou as Penas de Rodas (Outeiro de Rei).

Porén, este patrimonio natural e simbólico, parte inseparable da nosa historia, tamén foi vítima de desaparicións. No ano 2003, por exemplo, a Pedra do Oso, en Camariñas, foi trasladada á Coruña para ser usada como elemento decorativo nun edificio. A pesar de ser posteriormente foi localizada e devolta á praia de Reira, chegou danada, sen unha das súas patas.

“Por iso é tan importante a difusión das imaxes para o coñecemento do espolio e que retorne ao seu lugar”, subliña Carlos H. Fernández, quen cualifica a súa utilización como ornamento privado de “un vulgar acto de fetichismo, sen significado nin simbolismo”.

Protagonista de lendas

“Os penedos situados nas cimas dos montes e en lugares con ampla visión sobre a paisaxe sempre chamaron a atención das persoas”, explica o presidente de Apatrigal. Dende tempos moi antigos, estas formacións foron consideradas espazos de poder e de conexión co mundo espiritual, pola sensación de dominio que ofrecen sobre o territorio.

Nas culturas célticas e prerromanas de Galicia, atribuíaselles un valor sagrado: críase que neses puntos elevados habitaban as divindades, os espíritos da natureza ou as forzas que rexían a fertilidade da terra. “Moitos destes penedos convertéronse en lugares de culto, ofrendas e de reunión comunitaria“, explica Fernández Coto.

Mesmo coa expansión do cristianismo, estes espazos non perderon o seu prestixio simbólico. A Igrexa incorporou moitos deles ao seu propio imaxinario relixioso, substituíndo os antigos ritos por advocacións cristiás. Así, ao carón destes penedos erguéronse cruces, capelas e mesmo mosteiros, perpetuando o seu carácter sagrado.

“A xente de Vimianzo di dende sempre que esa pedra está encantada”, engade o presidente de Apatrigal. Segundo a tradición oral, baixo a Pedra do Encanto agóchase un tesouro gardado por unha moura, que só se deixa ver na noite de San Xoán ou na madrugada do domingo de Pascua, “cando os mundos se achegan e o encanto pode romperse”, relata.

Que medidas se tomarían?

A perda definitiva da Pedra do Encanto suporía tamén a desaparición dun símbolo de identidade e pertenza para Vimianzo. “Sen a Pedra do Encanto, o monte sería un monte máis”, lamenta Carlos H. Fernández, que considera o sucedido un roubo ao patrimonio dos vimianceses.

A principal vía para tentar recuperar a pedra é a difusión e o boca a boca. O obxectivo é encher o espazo virtual de imaxes, para que non pase desapercibida nin poida ser exhibida impunemente noutro lugar.

Porén, no caso de que a pedra fose finalmente recuperada, sería necesario adoptar medidas de protección: inventariala, catalogala e divulgar o seu valor histórico e cultural. “Hai figuras legais que poden amparala”, explica Fernández Coto, como a súa inclusión no plan urbanístico ou a súa declaración como Ben de Interese Cultural (BIC), o que faría que o seu traslado se considerase un delito contra o patrimonio.

Mentres tanto, queda unha reflexión necesaria: “A desaparición desta pedra pon de manifesto a vulnerabilidade do patrimonio natural e cultural non catalogado“, conclúe o presidente de Apatrigal.

Andrea Veiga
Andrea Veiga
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Santiago de Compostela, comezou a súa traxectoria profesional en GCiencia no ano 2024. Apaixonada pola redacción de reportaxes relacionados con animais, saúde e historia, tamén está interesada no ámbito das redes sociais, especialmente na creación de contido audiovisual para plataformas como TikTok.

2 COMENTÁRIOS

  1. Unha grandísima vergoña que poida acontecer algo así; isto é mui grave!.
    Que non estea catalogada, tendo as as referencias históricas que hai e de muita relevancia, é unha auténtica NEGLIXENCIA que se debe resolver: Patrimonio, da Xunta de Galicia máis tamén o Concello de Vimianzo, ou non conhece o patrimonio que tén na demarcación do seu concello?, e que ten facultades e deber de darlle protección… O monte mancomunal si que tén titular pra ponher en correntía calquer denuncia ( e que debería facela), que é a asociación que rexe a xestión do monte, como pode ser na fiscalía so xulgado que lle corresponda e que sería unha das vías máis recomedables, xa que de abrirse caso vía xudicial pódense facer certo tipo de pescudas que doutro xeito resulta imposibel.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un potente anticiclón chega a Galicia: estamos ante a primeira onda de calor do ano?

As temperaturas poderán ser as máis altas rexistradas para esta época do ano entre finais da semana e comezos da próxima

Dos ventos do sur aos eucaliptos vellos: os factores tras o primeiro grande incendio da tempada en Galicia

A combinación de factores no lume de Herbón-Padrón, con 350 hectáreas queimadas, confirma unha mudanza nos patróns de propagación

Crista subtropical sobre Galicia: os modelos europeos anticipan temperaturas extremas

A chegada dunha masa de aire cálida traerá unhas anomalías positivas de 6ºC no litoral galego e ata 10ºC no interior

Unha igrexa e un curtidoiro elevan a 93 os bens galegos na Lista Vermella

A Coruña concentra o maior número de monumentos en risco, con 34, seguida de Lugo, Pontevedra e Ourense