Unha escavación arqueolóxica confirma que na época sueva as sociedades rurais traballaban con metais en Mondoñedo

A actividade estaba vinculada á vida cotiá das comunidades rurais dos séculos V e VI, con obxectos destinados ao coidado ou á cociña

Novas escavacións arqueolóxicas en San Vicente de Trigás (Mondoñedo) revelan que os suevos realizaron actividades metalúrxicas vinculadas á vida cotiá das comunidades rurais dos séculos V e VI. Os estudos preliminares da última campaña de escavación na aldea de Combarro sacan á luz novos datos sobre a vida no noroeste durante a época sueva. Os traballos desenvolvidos por un equipo da Universidade de Santiago (USC) en colaboración con Tempos Arqueólogos, inciden na existencia dunha clara produción doméstica, asociada tanto aos coidados e á cociña como á fabricación de obxectos metálicos.

O equipo non descarta que tamén se producise cerámica a nivel local, grazas á aparición de novos fragmentos que presentan fallos de cocción, o que suxire o inicio de centros produtivos na comarca. Segundo explica Celtia Rodríguez, directora da intervención arqueolóxica, “cada campaña imos sumando novas pezas a este crebacabezas, que nos mostra como estas comunidades rurais fabricaban os seus propios obxectos de uso cotiá”.

Publicidade

Erros de produción

A investigadora engade que “aínda que non podemos confirmar ao 100% a produción cerámica no xacemento, todo apunta a que estamos ante os primeiros obradoiros locais na contorna”. A experta considera que unha das probas é que os restos documentados amosan erros de produción que despois se aproveitaron para o consumo e cociña de alimentos para a comunidade da zona.

Un dos achados máis significativos foi un fondo de cubeta de escoura de ferro utilizado para a decantación de mineral. Este descubrimento confirma que en Combarro se producía ferro, probablemente para elaborar ferramentas de uso cotián, da mesma maneira que se facían labores agrícolas, gandeiros e alimentarios, segundo sinala Rodríguez. “Podemos pensar que hai unha reorganización da produción cara ao autoconsumo dos produtos elaborados, pero á vez manteñen contacto con Lugo”, afirma.

Publicidade

O director científico dos traballos, José Carlos Sánchez Pardo, destaca que “ata agora non se documentaran asentamentos altomedievais destas características con este tipo de produción no noroeste”. O profesor da USC considera que este caso supón a confirmación material dos estudos paleoambientais desenvolvidos no noroeste para os inicios da Alta Idade Media e que estas comunidades seguían usando produción de metal.

Na conferencia desenvolvida no Museo Provincial de Lugo o pasado domingo, á que asistiron especialistas en cerámica romana e posromana de Galicia, confirmouse a importancia dos achados de Combarro. Ante a mostra de materiais presentada durante a charla, os investigadores coincidiron en sinalar que se trata dun contexto datado nos séculos V e VI d.C., no que se documenta tanto a chegada de importacións procedentes de Lugo como un claro cambio na produción cerámica a nivel local.

Repercusión social 

Durante a campaña recibíronse visitas diarias de veciños e visitantes interesados na historia do rural galego. “Estase a escribir por vez primeira a historia das persoas que viviron no rural galego nos séculos escuros da Alta Idade Media”, sinala Miguel, propietario dos terreos. El insiste na importancia de continuar coas investigacións: “cómpre seguir afondando no seu estudo”.

Este estudo forma parte dunha colaboración científica asociada ao Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC) da USC, e está financiada pola Axencia Estatal de Investigación a través do proxecto ESNECON e de COIDARQ. A iniciativa tamén conta ca colaboración de Lumen Apartamentos e Bar O Castro, negocios de Mondoñedo que apostan pola cultura do seu municipio.
 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Dentro do ‘Odón de Buen’, o buque ‘vigués’ que navega cara á nova campaña científica na Antártida

O oceanográfico construído en Galicia participará por primeira vez nas operacións de apertura das bases españolas do polo sur

Galicia facilita o acceso a Lenzetto dende o estranxeiro ante o desabastemento do fármaco para a menopausa

A falta de tratamento indicado para tratar os síntomas da deficiencia de estróxeno tras a menopausa ten outras alternativas financiadas

Que é o efecto Fujiwhara? O fenómeno polo que un tren de borrascas regará Galicia

Unha fronte activa avanzará polo oeste peninsular e deixará choivas que se manterán canto menos ata o xoves

As emisións bioxénicas de CO2 aumentaron o 64% en Galicia dende 1990

Se se contabilizasen nos inventarios oficiais, elevarían nun 20% o balance galego de gases de efecto invernadoiro