Queirugas, uces e piornos adornan o exterior de vellas estruturas de pedra. Vacas e cabalos pasean pola zona: os seus habitantes. Ao fondo, completa a vista un parque eólico que, ás veces, pode facernos esquecer que é terra de lendas, pastoreo, e moita historia. Aínda hoxe, a serra do Suído amosa parte desta. Para afondar nela, o Instituto de Ciencias do Patrimonio do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) realizou ata o pasado 24 de maio unha nova campaña arqueolóxica relacionada co estudo das orixes da gandaría tradicional.
Este é o segundo proxecto arqueolóxico realizado na zona polos investigadores, do que aínda se teñen que analizar a fondo os resultados obtidos. De momento, o equipo xa atopou pezas que, segundo os primeiros indicios, poderían ser “de moitos séculos atrás”. Iso si, as investigacións neste senso aínda son moi iniciais e non permiten ter unha confirmación ou cronoloxía exacta destas. A diversidade de patrimonio histórico que hai na zona, desde pezas de hai 300 anos ata mámoas megalíticas, abre a porta a moitos descubrimentos.
O equipo tamén presentou algúns dos datos do ano pasado. Entre eles, indican que algúns dos chozos escavados pertencerían ao século XVIII. Noutros, os expertos estiman que poden ser do século XVI. Os chozos son uns dos protagonistas destas análises. Con paredes e teitos completamente de pedra, servían como fogar temporal para os gandeiros da zona.
Unha investigación esencial para a súa protección
Estes edificios, que se poden visitar a través de sendeiros da zona, están vinculados neste caso á transhumancia, un tipo de pastoreo nos que se pasa por diferentes zonas para aproveitar mellor os pastos. Neste caso, é de tipo estacional ou de pouco percorrido: os pastores pasaban parte do ano nos pobos e, cando se achegaba o verán, subían ás montañas co gando. “É unha práctica ancestral que hai practicamente por todo o Mediterráneo e, podemos dicir, en case toda Europa”, explica David García, investigador posdoutoral do Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC.
A importancia destes descubrimentos é crucial para conformar un patrimonio arqueolóxico que poida ser identificado. “Hai moito interese pola comunidade de montes e polos veciños porque agora mesmo é patrimonio que está sen protección”, avisa García. O recoñecemento deste pode implicar novos niveis de medidas para a súa preservación. De feito, ademais do financiamento da Xunta de Galicia, conta co apoio da Comunidade de Montes A Laxe. “A implicación dos veciños foi fundamental”, asegura o investigador e coordinador do proxecto. Para eles e outras persoas interesadas, realizáronse actividades a pasada semana.
Son especialmente destacados os foxos para lobos. Estes eran estruturas de pedras que se facían, pouco a pouco, máis estreitas. Cando os gandeiros asustaban a estes animais, os lobos corrían cara a ese lado, atrapados pouco a pouco polos muros ata que caían nestas fondas escavacións e morrían. A serra do Suído conserva algúns que, xunto a outras estruturas, foron coidadas e, nalgúns casos, recuperadas nos últimos anos.
Acubillo de foraxidos?
Hai diversas lendas e historias vinculadas a estas terras. Un estudo recolleu algunhas delas. Por exemplo, a do cruceiro do Neto. Esta, teríase feito en memoria dun neno falecido. Desde ese lugar, as persoas tirarían pedras á cruz para ter máis sorte na vida.
Outra vinculada á zona é a da pontella de Casariños, na que un home descubría un tesouro debaixo dunha pasarela. Outras, como as de San Xoán, conta que a mocidade subía ao Coto de Abelenda na noite do 24 de xuño para facer fogueiras.
Unha das máis destacadas é o mencionado Coto dos Ladróns, punto de reunión para os bandoleiros. Un dos debates é a presenza (e a propia existencia) de Pepa A Loba. As lendas aseguran que, a finais do século XIX, a foraxida asaltaba camiños e roubaba a caciques e a outras autoridades de riqueza. Para algúns expertos, é simplemente unha especie de Robin Hood galega, que nunca existiu pero que se mantivo na tradición oral. Para outros, Pepiña deu nome a todas as posibles mulleres bandoleiras da zona naquela época.
Porén, unha cuestión que pon na mesa a súa existencia real é que a propia Concepción Arenal fai unha mención á delincuente, tras unha visita á cárcere da Coruña. Sería, segundo estas tradicións, tras unha falsa acusación de matar ao seu tío. O seu ánimo de vinganza foi o que desencadearía os seus actos contra os homes que cometesen crimes, roubos ou asaltos. Iso si, de momento e ao igual que coa historia da serra do Suído, aínda queda moito por descubrir.














