Escoitar as bágoas permite a detección precoz unha doenza dexenerativa na vista

As bágoas poden adiantar o risco de padecer queratocono, unha enfermidade dexenerativa nos ollos que leva á perda de vista e unha merma da calidade de vida. É o froito da investigación feita polo grupo de Neurodexeneración corneal do IDIS baixo o liderado da doutora Isabel Lema, que conseguiron identificar biomarcadores clave para a detección precoz desta doenza en fillos de pacientes que a padecen.

O estudo, publicado recentemente en Investigative Ophtalmology & Visual Science, supón un grande avance na diagnose desta enfermidade da cornea, que se volve irregular como consecuencia dunha alteración do coláxeno. A investigación feita polo instituto santiagués consistiu na análise do perfil de proteínas no líquido lacrimal de persoas xoves sans con pais diagnosticados con queratocono.

Publicidade

A través de modelos de regresión, foron identificados tres paneis biomarcadores con alta sensibilidade e especificidade para detectar as alteracións biomecánicas corneais e a historia familiar de queratocono. Deste xeito, conseguiron delimitar 15 proteínas alteradas vinculadas ao estrés oxidativo, a adhesión celular e a estrutura da córnea.

“Estas alteracións aparecen antes mesmo de que os cambios clínicos sexan detectables polos métodos actuais”, explica a doutora Isabel Lema, que subliña que os achados do seu grupo revelan que o dano comeza moito antes de que a córnea amose signos de debilidade, o que abre a porta a poder previr o desenvolvemento da doenza.

Publicidade

O que din as bágoas

Porque, como resalta a profesora da área de Oftalmoloxía da Universidade santiaguesa, as nosas bágoas “non só protexen os nosos ollos”, senón que tamén “contan unha historia sobre o seu futuro”. Así, o achado que permite “escoitar” o que pode predicir as excrecións dos ollos permite adiantar os tratamentos da enfermidade, especialmente entre os fillos de pacientes que a sofren.

“Detectar a tempo ás persoas con maior risco permitirá intervir antes de que se produza un dano irreversible, e prantexa un novo enfoque preventivo baseado en biomarcadores lacrimais“, sinalan as investigadoras no seu estudo, que subliña a necesidade de controlar aos descendentes de afectados, malia que non amosen síntomas.

Na actualidade, a diagnose de queratocono faise cando xa existe unha alteración visual notable e unha dexeneración irreversible no tecido corneal. O estudo do IDIS é pioneiro en demostrar que a enfermidade empeza moito antes a nivel molecular e que as bágoas son a clave para anticiparse. “Aprendimos a escoitar as bágoas”, conclúen.


Referencia: Tear Proteomic Analysis From Offspring of Keratoconus Patients: New Insights Into Corneal Biomechanical Weakness and Disease Risk Stages (Publicado en Investigative Ophthalmology & Visual Science).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo galego propón novos criterios para identificar áreas de lonxevidade extrema

Investigadores do IDIS e da UVigo publican por primeira vez un marco metodolóxico que inclúe parámetros demográficos e epidemiolóxicos

Detrás do ‘biotech’ galego

Unha xornalista de GCiencia viaxa a Bilbao con motivo de BioSpain 2026. Por Andrea Veiga

Así é ImageDataSpace, a rede galega de imaxes médicas para acelerar a investigación e o diagnóstico

A iniciativa conecta centros, universidades e profesionais sanitarios para desenvolver novos algoritmos baseados en IA en cardioloxía, anatomía patolóxica e oftalmoloxía
00:06:28

Un microscopio feito a medida para estudar nanopartículas individuais

Investigadores do CINBIO incorporan un equipo hiperespectral de campo escuro sen equivalente comercial, capaz de medir moléculas que ata agora só se podían analizar en conxunto