De refuxios climáticos a créditos de carbono: o que non coñeces da Lei do Clima de Galicia

A Xunta planea acadar a neutralidade de gases de efecto invernadoiro en 2040 con medidas como novos incentivos fiscais e contratación verde

Unha DINA en Valencia, un inverno máis cálido do habitual e unha Galicia arrasada polos incendios. Cos efectos do cambio climático cada vez máis á orde do día, a Xunta aprobou o proxecto da primeira Lei do Clima na comunidade, segundo informou en rolda de prensa o seu presidente, Alfonso Rueda. Entre elas, hai propostas moi comentadas, como a creación dun marco que permita admitir as competencias relacionadas coas alertas meteorolóxicas. Con todo, tamén hai medidas destacables que pasan máis desapercibidas.

Unha das máis relevantes é a creación dun plan para identificar tanto os refuxios climáticos actuais (espazos con áreas máis frescas e verdes empregadas pola poboación) como as illas de calor (lugares coas temperaturas máis altas). Para isto precisarán da utilización duns dispositivos portátiles que capturan a temperatura e a humidade relativa. Este sistema estase a traballar de forma pioneira en Ourense e en colaboración coa Universidade de Vigo e a administración local. De momento, os técnicos seguen a recoller os datos precisos.

Publicidade

A intención é a creación dunha aplicación pola cal a cidadanía poida acceder e ver cales son as zonas máis perigosas durante días de calor excesivo. Isto pode evitar golpes de calor e situacións de vulnerabilidade ante as altas temperaturas. A plataforma será de xestión autonómica, malia que precisará da colaboración e dos datos recollidos en todos os concellos nos que se poña en marcha.

Novos refuxios climáticos

Xunto con estas, tamén se avanza a proposta de promover a creación de novos refuxios climáticos. Desde a administración autonómica aseguran que buscarán solucións baseadas na natureza naqueles puntos que sexan analizados e considerados óptimos. Neste proceso, filtraranse aqueles que sexan compatibles coa preservación da biodiversidade.

Publicidade

A terceira das decisións máis inadvertidas é a implantación dun modelo para favorecer proxectos e actividades vinculadas á absorción de CO₂. Este consistirá na posta en marcha dun sistema voluntario de créditos de carbono da Xunta, segundo o proxecto de lei. Desta forma, as empresas, as organizacións e a cidadanía poderán compensar as súas emisións comprando créditos doutros proxectos que as reduzan. Por exemplo, con iniciativas para recuperar e conservar os bosques, vinculados á acuicultura ou ás enerxías renovables.

Perspectiva verde na contratación

A cuarta medida é que todos os plans que poidan implicar a xeración de gases de efecto invernadoiro e sometidos á autorización ambiental estratéxica incluirán, como mínimo, unha avaliación do seu impacto. Tamén medidas para compensar, minimizar ou adaptar o territorio para estes efectos. Os gases de efecto invernadoiro seguen a afectar con brutais consecuencias. Por exemplo, un estudo vincula o aumento das temperaturas nas últimas décadas coa aparición das condicións que favorecen os incendios vividos o pasado agosto.

O proxecto tamén establece que o sector público deberá integrar unha perspectiva climática. Desta forma, tanto na elaboración dos seus plans e programas sectoriais ou na preparación dos contratos públicos deberán ter en conta a cuestión climática. Desde a Xunta apuntan a que estas regulacións estarán listas o próximo ano. Isto implica, por exemplo, que acadará importancia o criterio de proximidade dos produtos ou a formalización de contratos que fomenten a eficiencia enerxética.

Rexistro de persoas promotoras da neutralidade climática

A quinta son cambios na fiscalidade, así como a obrigación de crear plans de acción polo clima. Estes deberán realizalos os concellos de máis de 20.000 habitantes. Actualmente, 17 dos 23 deses territorios galegos xa teñen ese futuro requirimento.

A sexta trata dunha creación dun Rexistro galego de persoas promotoras da neutralidade climática. Será voluntario e servirá para recoller os compromisos ambientais que poidan asumir as organizacións públicas ou privadas.

A máis vistosa das medidas é a intención de reforzar os sistemas de información meteorolóxica e climatolóxica. Para iso, a idea é mellorar as redes de observación e control da calidade do aire. Inclúese neste paquete de medidas a xestión dos riscos derivados do cambio climático. Nos últimos meses, a Xunta intensificou as súas peticións ao Goberno central de obter as competencias neste ámbito.

Neutralidade climática en 2040

O obxectivo desta lei a medio prazo é reducir nun 75% as emisións contaminantes para o ano 2030. Ademais, búscase acadar a neutralidade climática no ano 2040, dez anos antes que o que se recolle dende a Unión Europea. O proxecto será enviado ao Parlamento coa intención de que se aprobe antes de 2026, algo que, dada a maioría parlamentaria que ten o Goberno autonómico, é moi probable.

“A transición ecolóxica debe ser xusta, sostible pero tamén xeradora de emprego verde”, asegurou Ángeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático. Desde a Xunta destacan que é unha das comunidades cunha maior redución das emisións de gases de efecto invernadoiro desde os noventa. Concretamente, afirman que son a primeira en canto a emisións netas e a terceira en brutas, segundo o último Inventario Nacional. Tamén recalcan que a temperatura media subiu 0,2 graos por década, menos que os 0,25 rexistrados a nivel nacional.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Que revelan 11.000 anos de sedimentos sobre as chuvias de Galicia? Así o investigan dende a UDC

Un estudo liderado polo CICA analiza as ceras vexetais preservadas nun lago portugués para reconstruír a evolución da humidade no oeste peninsular

A Xunta declara a situación de seca prolongada nos sistemas do Ulla-Tambre e no da Costa Norte

A falta de precipitacións reduce os recursos hídricos e eleva a vixilancia en 74 concellos, mantendo a alerta nas concas do Lérez e do Anllóns

O novo acordo lingüístico permitirá impartir Matemáticas, Tecnoloxías e Física e Química en galego

Os centros educativos poderán decidir a repartición das materias na ESO, respectando o equilibrio do 50% entre os dous idiomas

Unha masa de aire marítima tumba as temperaturas ata 10 graos en Galicia no inicio do outono

Unha fronte traerá precipitacións á comunidade a partir do sábado, unha situación que podería continuar a próxima semana