Cales son os riscos climatolóxicos da túa zona? Consúltao neste mapa

Un proxecto alemán mide o estado de 44 indicadores como secas, incendios forestais, violencia local, malestar popular e dependencia económica

Cal é o risco climatolóxico de Galicia? E de conflitos armados? Canto de vulnerable é o noso territorio a vivir desigualdade económica ou social? Estas cuestións, entre outras moitas, son respondidas nun mapa interactivo que, a través da análise de diversidade de datos públicos, crea un índice que mide o estado actual dun total de 44 indicadores como secas, incendios forestais, violencia local, malestar popular ou a dependencia da economía da agricultura a nivel mundial.

“Os perigos crean riscos só en combinación coa exposición e vulnerabilidade”. Baixo este lema créase o proxecto ‘Índice de vulnerabilidade, conflito e clima’, encargado polo Ministerio Federal de Asuntos Exteriores de Alemaña, co obxectivo final de entender e axudar a xestionar e mitigar os impactos adversos das ameazas climáticas e armadas a través da información que se reflicte neste mapa interactivo mundial.

Publicidade

Categorizado en tres cores, amarelo para a temática climática, vermello para conflitos e azul para vulnerabilidade, o mapa ―que se actualiza trimestralmente― permite visualizar o risco nestes tres eidos, subdivididos nun total de 44 indicadores, a través dun índice que vai do 1 ao 10, sendo o 10 a máxima gravidade, e representado por puntos que cobren áreas de 55 kilómetros cadrados.

Así, pódese ver que no relacionado coa climatoloxía de Galicia destacan parámetros como a exposición a riscos deste ámbito, que varía entre niveis de 2 a 5 dependendo da zona da comunidade, sendo o máis alto no suroeste de Pontevedra. Case cos mesmos números se representa neste mapa o índice sobre o perigo de cambios nas condicións climatolóxicas a longo prazo, sendo máis elevado na zona de Compostela, na comarca do Baixo Miño e nas de Verín e Viana.

Publicidade

De conflitos a vulnerabilidade

No eido dos conflictos, este proxecto aleman avalía con 1 e 2 a intensidade do malestar popular no territorio galego que aumenta a 4 no que se refire á persistencia do mesmo, sendo máis notorio nas áreas das cidades da Coruña, Santiago e Vigo. Estes dous parámetros teñen en conta as manifestacións públicas de insatisfacción e as queixas, como protestas e disturbios, que “poden ser un sinal de tensións existentes na sociedade e pode derivar nun conflito violento no futuro”, segundo indican na súa web. Pola contra, o perigo a conflito armado é cifrado cun 0 no territorio galego.

Por último, no que se refire a vulnerabilidade, dende este mapa interactivo avalían cun 3 sobre 10 a desigualdade económica que vive Galicia, e cun 2 a vulnerabilidade dun pobo desarraigado, tendo en conta que “as poboacións desprazadas, que tenden a estar marxinadas na sociedade e non contan co apoio público adecuado, viven en condicións precarias e cun acceso limitado aos servizos, o que os deixa nunha situación máis comprometida que nos seus países de orixe”.

Gloria Montenegro
Gloria Montenegro
Graduada en Xornalismo pola Universidade de Valladolid. Comezou a súa andaina profesional en Faro de Vigo e Si Radio de Galicia. A súa experiencia profesional levouna polas redaccións de Nós Diario e Metropolitano.gal, mais tamén pola comunicación de festivais como Revenidas ou de grupos como Banda Crebinsky. Sempre cunha cámara de fotografía na man, retratou artistas como Rodrigo Cuevas ou Tanxugueiras.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como de sostible é o teu concello segundo os obxectivos para 2030? Compróbao neste mapa interactivo

A UVigo desenvolve unha plataforma aberta que avalía o grao de cumprimento dos 17 ODS a partir de 69 indicadores

Investigadores analizan macroalgas verdes mariñas para impulsar a súa valorización en Galicia

Un equipo da UVigo estuda os polisacáridos do xénero Codium da costa galega como fonte de novos ingredientes funcionais

Unha tese identifica unha Escola Galega de Percusión con ritmos e técnicas propias

A investigación de Cristian Silva Bóveda na USC recupera a historia dos intérpretes relegados e descifra os patróns de gravacións do século XX

Galicia está entre as zonas cun maior declive de polinizadores de Europa

Entre os anos 1921 e 2020, na rexión atlántica diminuíu un 42% a ocupación das especies de abellas e nun 32% a dos sírfidos