De Altri a Ence: os oito conflitos ambientais en Galicia dos que alerta un mapa europeo

Unha ferramenta interactiva ofrece información detallada sobre a loita social contra proxectos polémicos como os eólicos

Altri, Ence, os parques eólicos ou o Prestige son algúns dos moitos conflitos ambientais que afectan ou afectaron a Galicia. Grazas ao mapa interactivo EJAtlas, creado dentro do proxecto da Unión Europea sobre Organizacións, Responsabilidades e Comercio no Ámbito da Xustiza Medioambiental (EJOLT), agora é posible consultar con detalle algúns dos casos máis soados do territorio galego, como o proxecto de reapertura da mina de Touro ou o de extracción de minerais raros no Monte do Galiñeiro, así como tamén outros a nivel nacional, europeo e mundial. 

Creado polo profesor Joan Martínez Alier e a doutora Leah Temper e coordinado coa investigadora Daniela del Bene, o mapa interactivo considera conflito medioambiental aquelas “mobilizacións contenciosas da sociedade nas que se realizan reclamacións socioambientais explícitas contra un proxecto ou actividade económica específicas que perseguen actores estatais, empresariais ou tamén ilícitos”. 

Publicidade

O proxecto conta coa achega de “centos de colaboradores” procedentes o mundo académico, comités, oenegués e outros grupos activistas que “levan anos documentando a inxustiza medioambiental e social e a apoiando as comunidade sobre o terreo”, destaca o proxecto na súa páxina web.

Dende a orixe ata as repercusións

Esta colaboración de diferentes axentes sociais permite que o EJAtlas conte na súa base de datos con información sobre os impulsores dos proxectos e as súas repercusións, os inversores ou a orixe. Ademais, tamén expón diversos detalles como a mobilización social, resultado ou investigacións académicas dos mesmos. Todo isto, presentado nun mapa interactivo con 10 categorías principais como nuclear, xestión da auga, extracción de minerais e construción ou conflitos sobre a conservación da biodiversidade, entre outros. 

Publicidade

O EJAtlas, que contempla casos de todo o mundo, rexistra en Galicia un total de oito conflitos medioambientais: a vertedura do Prestige, as industrias de Ence e Elnosa na ría de Pontevedra, o proxecto de Altri en Palas de Rei, o plan de reapertura da mina de cobre en Touro e O Pino, a intención de crear tres parques eólicos ao redor do Monte Castelo e Alcaian, o proxecto da mina de ouro en Corcoesto e o propósito da extracción de terras raras no monte Galiñeiro.

Fábrica de celulosa de Altri en Palas do Rei

Dentro do mapa interactivo pódese atopar un detallado resumo do caso Altri. O proxecto da fábrica de celulosa en Palas do Rei, dirixido polo consorcio da multinacional portuguesa de pasta de eucalipto Altri e a empresa galega Greenalia, “está considerado polos críticos como unha sentenza de morte” para a zona, segundo destaca o EJAtlas na súa web.

A contaminación prevista na auga, no solo e no aire, os problemas de biodiversidade e posibles repercusións na saúde pública e nos medios de vida rurais tradicionais son os motivos polos que esta iniciativa, que conta co apoio da Xunta de Galicia e que solicitou 250 millóns de euros aos fondos NextGeneration da Unión Europea, está “suscitando unha ampla oposición pública”. Ao longo deste 2024 foron diversas as manifestacións e accións que se realizaron en contra do macroproxecto, que conta con 23.000 obxeccións presentadas formalmente. 

As industrias de Ence e Elnosa na ría de Pontevedra

Outro dos conflitos medioambientais que rexistra o mapa interactivo é a contaminación na ría de Pontevedra provocada por dúas industrias: a produtora de pasta de papel e enerxía de biomasa ENCE; e Elnosa, a empresa química que produce cloro e derivados.

Sobre este caso, a web de EJAtlas detalla o enfrontamento xudicial e nas rúas que os opositores da macrocelulosa foron realizando dende que no ano 2006, cando Ence recoñecera que contaminara a ría pontevedresa.

A marea negra do Prestige en Galicia

Tampouco falta no mapa interactivo un dos maiores conflitos medioambientais que sufriu Galicia na súa historia recente, a marea negra do Prestige. O 19 de novembro de 2002, cun cargamento de 77.000 toneladas, o petroleiro afundiu fronte ás costas galegas contaminando o leito mariño e litoral e afectando non só a diversidade ecolóxica da zona, senón tamén a industria pesqueira.

No EJAtlas detállanse as consecuencias do desastre ecolóxico como a creación da Plataforma Nunca Máis, a marea branca que limpou o ‘chapapote’ ou as medidas políticas e xudiciais que se tomaron tempo despois.

Terras raras no Galiñeiro de Vigo e Gondomar

O mapa interactivo tamén destaca o conflito medioambiental existente no Monte O Galiñeiro, situado entre os concellos de Vigo e Gondomar. Dende os anos 1960 identificáronse indicios da presenza de terras raras —necesarias para a construción de móbiles, coches ou cables de fibra óptica, entre outros moitos usos— e, segundo sinalan na web de EJAtlas, o lugar podería conter recursos para unha extracción de ata 3.000 toneladas de terras raras ao ano.

Pese a ser un proxecto no que a Unión Europea estaría interesada, para así reducir a dependencia con outros países como China sobre estes recursos, dende a Plataforma en Defensa do Galiñeiro ven “impensable” a opción de abrir unha mina desas dimensións tan preto dunha poboación de 70.000 persoas, ademais dos riscos que suporía para o medio ambiente, o turismo e o patrimonio cultural do lugar.

A mina de cobre de Touro 

Outro do conflitos medioambientais é a reapertura da mina de cobre entre os municipios de Touro e O Pino. Explotada entre os anos 1973 e 1986 este proxecto xa “provocou a contaminación ambiental na zona e probablemente empeorará cando se volvan levar a cabo as operacións mineiras”, destacan na información do mapa interactivo.

Ademais dos perigos potenciais asociados á mina, como as verteduras químicas, colisións e corrementos de terra, este plan, cualificado pola Xunta de Galicia como Proxecto Industrial Estratéxico polo que se lle asignou 200 millóns de euros de apoio, tamén afecta a terreos de explotación gandeira e agraria e a industria turística que rodea o Camiño de Santiago.

A lei de expansión da acuicultura en Galicia

Un caso de conflito medioambiental no que a reacción da sociedade tivo o seu impacto na política tivo lugar no ano 2015, co proxecto da nova lexislación para a expansión da acuicultura en Galicia.

No seu momento, máis de 20 organizacións e mariñeiros, reunidos na Plataforma da Defensa da Ría de Arousa, esixiron a retirada desta lei, xa que aseguraban que esta expansión favorecía as corporacións multinacionais e conducirían á contaminación da auga e ao desemprego.

Os parques eólicos de Monte Castelo e Alcaian

Segundo relata o EJAtlas, a empresa galega Greenalia barallou crear tres parques eólicos ao redor do Monte Castelo e Alcaian, nos municipios coruñeses de Coristanco, Santa Comba, Carballo e Tordoia, principais hábitats da flor Centauria ultreia, tamén coñecida como Silvia Pando. Os grupos ambientais loitaron para que non se desenvolvesen estes plans, que porían en perigo de extinción esta especie vexetal, alén doutros posibles impactos na saúde e na biodiversidade da zona.

A mina de ouro de Corcoesto

A empresa canadense Edgewater solicitou en 2011 un permiso para explotar unha mina de ouro de 700 hectáreas que afectaría os municipios coruñeses de Cabana de Bergantiños, Coristanco e Ponteceso. O proxecto a ceo aberto, que prevía funcionar durante 13 anos e extraer máis dun millón de onzas de ouro, tivo un gran rexeitamento social debido ás consecuencias ambientais e sociais que se prevían desta explotación.

Pese a que en 2012 a Xunta de Galicia considerou a iniciativa mineira como un proxecto industrial estratéxico, en xullo de 2013 decidiu que o plan non reunía os requisitos técnicos nin económicos para ser aprobado no momento. Segundo destacan no mapa interactivo: “Algúns activistas cren que se cancelou, en parte, debido á caída do valor do ouro pero podería reiniciarse se o prezo sobe”.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O informe de Sonia Villapol sobre Altri: “Os contaminantes chegarán a máis de 100 kms”

A neurocientífica galega explica que os tóxicos que emitirá a macrocelulosa poderán aumentar o risco de enfermidades respiratorias, cardiovasculares e neurolóxicas

O eucalipto desborda Galicia: a súa presenza multiplicouse por 11 en 50 anos

A fábrica de Altri incrementará a demanda dunha especie que se disparou nas últimas décadas ata máis de 400.000 hectáreas de superficie

Duro informe do Consello da Cultura sobre Altri: “Produciría unha grave fractura no territorio”

Unha decena de expertos en diferentes ámbitos analizan os riscos da instalación da fábrica de celulosa en Palas de Rei