Liberados 300 lumbrigantes xuvenís para incentivar a súa repoboación na ría de Vigo

Un equipo do CIM solta os exemplares nunha zona rochosa para facilitar o seu asentamento e supervivencia

Un equipo do Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo (UVigo) e da Universidade de Alacante liberou este martes á zona intermareal da Estación das Ciencias Mariñas de Toralla (Ecimat) 300 exemplares de lumbrigantes xuvenís (Homarus gammarus) de entre 4 e 8 centímetros de lonxitude. Esta acción está dirixida a iniciar a restauración e repoboación desta especie na ría de Vigo. Trátase dunha iniciativa posta en marcha ao abeiro do proxecto Climarest, un traballo —financiado pola Unión Europea con 8,5 millóns de euros— dirixido á creación de ferramentas e posta en marcha de experiencias que contribúan á restauración dos ecosistemas costeiros nunha área que abrangue desde Svalbard, no océano Ártico, ata a illa de Madeira.

A liberación, realizada coa colaboración do Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa), levouse a cabo durante a marea baixa nunha contorna rochosa con múltiples fendas, “ideal para o asentamento dos xuvenís”. Así o indicou o equipo de investigadores que participan nesta experiencia baixo a dirección do catedrático Jesús Souza Troncoso, do grupo de investigación de Ecoloxía Costeira do CIM.

Publicidade

A elección desta contorna, próxima á Ecimat, facilitará, así mesmo, o seguimento posterior dos xuvenís, ao tempo que ofrece oportunidades educativas e de comunicación científica. Nesta liña, os responsables na UVigo deste proxecto recalcan que este espazo intermareal rochoso, “con abundancia de fendas”, favorece claramente a súa supervivencia. “Ademais, a implicación dunha trintena de alumnas e alumnos de Igafa neste proceso non só fomenta a súa formación en repoboacións e conservación mariña, senón que tamén promove a divulgación científica e o seguimento cidadán”, indican. Por outra banda, a accesibilidade do lugar facilita a realización de observacións periódicas coas que poder avaliar o éxito da restauración, “contribuíndo á conservación e ao manexo da especie”.

Exemplo para futuros proxectos de restauración mariña

O principal obxectivo desta iniciativa é contribuír á recuperación das poboacións locais de lumbrigantes. Para conseguilo vixiarase o comportamento dos xuvenís tras a súa liberación, analizando a súa capacidade para utilizar a contorna rochosa, incluíndo a busca de refuxios nas fendas, o que axudará a determinar a idoneidade deste hábitat para futuras repoboacións. “Trátase de probar e documentar unha metodoloxía de repoboación e seguimento de xuvenís que poida ser aplicada en futuros proxectos de restauración mariña, tanto en Galicia como noutras áreas costeiras”, salientan desde o proxecto.

Publicidade

Os exemplares liberados foron criados no Igafa en cestas comerciais mergulladas baixo instalacións de cultivo de bivalvos durante un período de 6 a 14 meses, alcanzando unha lonxitude total de 4 a 6 cm. Neste senso, o equipo científico do CIM explica que a xenética dos xuvenís liberados provén de exemplares adultos das Rías Baixas, “o que asegura a súa adaptabilidade e compatibilidade ecolóxica coa contorna da liberación”. Este enfoque permite manter a continuidade xenética local e garantir unha maior resiliencia no seu proceso de asentamento.

Debido ao reducido tamaño dos lumbrigantes liberados, o seguimento a longo prazo realizarase mediante observacións visuais directas, sempre que as condicións climáticas e loxísticas o permitan. O obxectivo deste seguimento será recompilar datos sobre a súa adaptación á contorna, avaliando a súa capacidade para atopar refuxio nas fendas. Ademais, porase especial atención en observar o seu comportamento nas primeiras horas e días posteriores á liberación, polo que se realizarán visitas periódicas para verificar a súa presenza e progresión.

Un proxecto no que participan sete países europeos

No proxecto Climarest participan case unha vintena de institucións de sete países europeos: Noruega, Francia, Dinamarca, Irlanda, Italia, Portugal e España. Desde decembro de 2022 e ata novembro de 2025 traballan de maneira coordinada no desenvolvemento de ferramentas deseñadas para servir de guía cara á restauración dos ecosistemas e o aumento da resiliencia nos climas costeiros.

Desde España participan no proxecto a UVigo, a través do grupo Ecocost do CIM, con Jesús Souza Troncoso como investigador responsable; e as universidades de Málaga e Alacante. Esta experiencia de repoboación de lumbrigantes correu a cargo dun equipo de persoal investigador e técnico composto polos investigadores da UnVigo Jesús Souza Troncoso e Paula Dabán Losada, xunto con Laura Leyva Díaz, Pablo Sánchez Jerez e Estela Carbonell Garzón, da Universidade de Alacante.


Podes ler a noticia do DUVI na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Abono ecolóxico a base de insectos? O estudo da UVigo para mellorar a fertilidade do solo

A investigadora María Gómez Brandón avalía o uso de larvas de mosca soldado negra para crear produtos con baixo impacto ambiental

Os cambios climáticos do pasado, e non os actuais, explican a diversidade dos mamíferos

Tres investigadoras da UVigo analizan datos dos últimos 5 millóns de anos e técnicas avanzadas de análise estatística

Daniel Rey, director do CIM: “Queremos atraer as mellores científicas e científicos do mundo”

O centro vigués sitúase entre os mellores organismos de investigación oceanográfica internacional

O CIM impulsa a súa presenza na investigación mariña europea

O centro vigués busca converterse nun referente establecendo colaboracións con persoal investigador e institucións internacionais