Luns 4 Novembro 2024

Crítica situación da cigala en Galicia: “O maior impacto foi a alta presión pesqueira”

A captura do crustáceo está prohibida dende Cedeira ata o Miño dende 2017 e avaliarase a súa reapertura en 2025

A cigala é un dos mariscos estrela da gastronomía galega. É considerada un manxar tan saboroso como cotizado. Dende 2017, a súa captura está prohibida en Galicia porque, máis alá do seu interese culinario, é unha especie en estado crítico en practicamente todo o litoral: dende Cedeira ata a desembocadura do Miño. “Os estudos científicos indican que é a zona con menor densidade de cigala do Atlántico Noreste”, aseguran fontes do Instituto Español de Oceanografía (IEO) da Coruña. Segundo as científicas Isabel González Herraiz e Yolanda Vila, ambas do IEO-CSIC, a situación límite na que se atopa a cigala galega débese a unha elevada presión pesqueira sostida durante moito tempo. Precisamente por isto está prohibida a súa captura ata, polo menos, o 2025.

Galicia, dividida en tres zonas

Malia que a situación da cigala no litoral galego é complicada, difire segundo as zonas. A primeira delas abrangue dende Cedeira ata Donosti, onde está permitida a súa captura porque o seu estado de conservación mellorou nos últimos anos. “A parte galega non é moi relevante ; onde se captura cigala é nas augas de Asturias e do País Vasco”, explica González Herraiz, que coordina os estudos sobre os stocks de cigala en boa parte do norte peninsular. A segunda zona, denominada “Unidade Funcional 25 Galicia Norte”, vai dende Cedeira ata Fisterra, onde o estado da cigala é extremadamente preocupante: “Dende 1975 a 2016, último ano coa pesquería aberta, as capturas diminuíron un 98%“, di Herraiz. Os datos avalan esta elevadísima porcentaxe, con 743 toneladas de cigala capturadas a mediados dos 70 ás tan só 13 que se rexistraron en 2016.

Publicidade

A terceira e última zona na que se divide Galicia chámase “Unidade Funcional 26 Galicia Oeste” e vai dende Fisterra ata o Miño, malia que se adoita estudar cunha parte do norte de Portugal. A coordinación desta área corre ao cargo da científica Yolanda Vila, adscrita ao IEO-CSIC de Cádiz. “A situación é crítica. O nivel de abundancia é moi baixo”, asevera a experta. Os datos referendan esta afirmación: nos anos 90 pescáronse 300 toneladas de cigala entre Fisterra e o Miño; unha cifra que descendeu ata menos dunha tonelada nos últimos períodos nos que estivo permitida a súa captura. Segundo Vila, aínda non se coñecen os datos da última campaña oceanográfica que se realizou na zona, mais non augura unha melloría. “Dos lances que se fixeron o ano pasado nesa área non se colleu ningunha cigala”, lamenta.

Unha televisión submarina para a cigala

Os datos de capturas por parte da frota pesqueira “son de gran valor”, mais poden ter certos nesgos. Segundo explica González Herraiz, a captura de cigala que se obtén da frota comercial pode variar moito dependendo da hora do día ou da época do ano no que se faga a pesca, das medidas de xestión pesqueira vixentes en cada momento ou de aspectos comerciais, como poden ser os prezos das distintas especies nas lonxas, entre outros factores. As cigalas viven en tobos e pasan a maior parte do tempo agochadas neles, saíndo só para alimentarse e, na época estival, para reproducirse. En augas someras a cigala refúxiase no tobo durante o día e en augas profundas durante a noite.

Publicidade

“É conveniente empregar un método de estimación da densidade de cigala que non dependa de que os individuos saian do tobo para ser pescados, da regulación vixente ou de factores comerciais”, di González Herraiz. É por iso que dende o IEO-CSIC da Coruña están a probar unha metodoloxía que se vén aplicando no norte de Europa dende mediados dos 90. Trátase de cámaras submarinas que captan imaxes do fondo do mar para cuantificar os tobos das cigalas. Por estudos de mergullo, sábese que en cada cova hai un só individuo, o que permite contar fácilmente o número de cigalas que se atopan nunha determinada zona.

Unha mostraxe de 5.900 km2

No IEO-CSIC da Coruña aplican esta metodoloxía en 5.900 km2 nos que establecen 80 estacións de mostraxe separadas entre elas por 4,7 millas náuticas. En cada un deses puntos, o barco oceanográfico baixa unha zorra na que están instaladas dúas cámaras —unha principal e outra auxiliar—. En tempo real, os científicos poden controlar o arrastre da zorra sobre o fondo mariño, que se move a unha baixa velocidade para gravar correctamente os tobos das cigalas. Normalmente son uns 10 minutos de gravación que un equipo de tres persoas revisa a posteriori para contabilizar o número de covas e, por tanto, de cigalas, que se rexistraron na área de mostraxe.

A zorra que o buque oceanográfico baixa ao fondo do mar ten instaladas dúas cámaras.

Deste exhaustivo estudo logran sacar o dato da densidade de cigalas por metro cadrado. Na Unidade Funcional 26 Galicia Norte, a área que vai dende Cedeira a Fisterra, é de 0,01 tobos/m2. Unha cifra extremadamente baixa en comparación con outros stocks do norte de Europa, como no leste de Escocia, onde se sitúa en 0,88 tobos/m2. “Deberiamos multiplicar por 30 a nosa densidade de cigalas por metro cadrado para chegar á media do Atlántico Noreste”, sostén Herraiz. Os datos avalan unha situación crítica, sobre todo cando a científica do IEO-CSIC da Coruña declara o seguinte: “A cigala desapareceu no 77% da área do stock”, lamenta. É dicir, en arredor dos 5.200 km2 entre Cedeira e Fisterra onde habita esta especie comercial.

O porqué desta situación

“A cigala é unha especie importante tanto a nivel comercial como gastronómico en Galicia. A presión pesqueira é o factor que máis impactou e determinou que ao longo destes anos os stock diminuíra”, valora Yolanda Vila. Unha declaración coa que concorda a súa compañeira Isabel González Herraiz, quen indica que a cigala, debido precisamente a este factor, está nunha situación “moi delicada”.

“Outras especies de vida corta como a sardiña, o xurelo, a xarda ou o bocarte poden recuperarse máis fácilmente, pero en especies de vida relativamente longa como é o caso da cigala é máis complicado e require de máis tempo e de medidas técnicas de conservación como poderían ser as vedas espaciais ou temporais. Na cigala de Galicia Norte o recrutamento foi baixando dende 1985 ata 2008. A presión pesqueira provocou que cada vez houbera menos individuos novos no stock, provocando que este se fixese cada vez máis fráxil”, matiza a investigadora do IEO-CISC da Coruña.

Cando se poderá reabrir o caladoiro?

Con todo, ambas científicas explican que se poden ver imaxes de capturas accidentais de cigalas, dado que no arrastre de fondo non distingue entre as especies, aínda que o seu obxectivo sexa a pescada ou o peixe sapo. Nese caso, os mariñeiros teñen a obriga de tirar as cigalas ao mar porque teñen unha alta supervivencia. Agora a súa captura intencional está totalmente prohibida: “Non estamos no punto de reabrir o caladoiro”. González Herraiz non se atreve a facer previsións de futuro: en 2025 avaliarase o stock de cigala nas distintas unidades funcionais das que consta Galicia e determinarase se se reabre a pesca ou non, malia que a situación, avanzan ambas científicas, é realmente crítica.

Vila cre que se está a experimentar un lixeiro aumento da poboación de cigalas na zona norte de Portugal aínda que a súa abundancia continúa a baixos niveis. “Pode que despois dun período no que non se fagan capturas, poidamos ter a probabilidade de que comece a aumentar a abundancia”, valora a científica do IEO-CSIC de Cádiz. Cre, ademais, que se deberían facer análises máis exhaustivas e valorar se se deberían establecer zonas de veda en áreas de alta concentración de cigalas. Talvez esa podería ser unha boa medida para evitar a presión pesqueira e a situación crítica que vive a especie en Galicia; un estado do que lle está custando recuperarse pero no que a ciencia ten postas todas as súas esperanzas.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Vives nun barrio inundable? Un mapa interactivo mide o risco en Galicia palmo a palmo

As áreas próximas á antiga lagoa de Antela e á desembocadura do Ulla son algunhas das zonas máis expostas a sufrir un asolagamento

A innovadora técnica dun equipo galego para detectar ineficiencias nas empresas

'InVerbis Analytics', que naceu como un proxecto de investigación da USC, é agora un servizo que permite optimizar as operacións doutras compañías grazas á minería de datos

Traxedia en Valencia con 62 mortos pola DINA: pode Galicia sufrir unha situación así?

O paso da gota fría deixa unha chea de municipios inundados e completamente estragados no Levante: o helicóptero galego Pesca 1 axudará nos labores de rescate

Cando ciencia e pesca van da man: premiado un barco galego pola recaptura dunha quenlla

O exemplar de 'Prionace glauca', identificado e marcado por primeira vez no 2016 en Terranova, foi recuperado polo buque 'Punta do Xuncos' na mesma rexión seis anos despois