Tratar o estrés do exército con realidade virtual: a premiada tese dunha exmilitar

O proxecto, gañador na VII edición do XoveTIC, céntrase na brigada de operacións especiais do exército portugués e no seu entrenamento técnico, táctico e cognitivo

Unir dúas vocacións non é tarefa fácil. Con todo, a investigadora portuguesa Ana Vianez logrou combinar as súas paixóns: a ciencia e o exército. Dende 2021, grazas ao seu Máster e posterior doutoramento, a científica está levando adiante un proxecto centrado na prevención do estrés en militares de operacións especiais do exército portugués ubicadas en Lamego.

Este proxecto forma parte do seu Doutorado en Tecnoloxías da Información e a Comunicación na Universidade da Coruña, en colaboración co Instituto Politécnico de Oporto – Escola Superior de Saúde e o Laboratorio de Rehabilitación Psicosocial. Este foi un dos gañadores na VII edición do XoveTIC, celebrado polo Centro de Investigación en TIC da Universidade da Coruña (CITIC) os pasados 17 e 18 de outubro.

Publicidade

Empregando a realidade virtual, Ana Vianez procura recrear escenarios operativos que expoñan a estes militares a niveis de estrés similares aos que se enfrontarían no campo de batalla. A particularidade? O entorno seguro que ofrecen estas tecnoloxías inmersivas. 

Con sete anos de experiencia no exército luso, agora a investigadora ofrece aos seus compatriotas unha ferramenta para mellorar non só as súas técnicas e tácticas, senón para xestionar dun feito máis efectivo a súa carga cognitiva. “Non é só un traballo científico, senón que hai moitas emocións que quero demostrar”, afirma a portuguesa.

Publicidade

Unha solución ao estrés militar

O sistema de realidade virtual proporciona a esta unidade portuguesa composta “polos mellores dos mellores” unha ferramenta para previr o estrés. Incorporando mecanismos de biofeedback, tratan de rexistrar as respostas fisiolóxicas dos militares en tempo real: o seu ritmo cardíaco, niveis de estrés, a suor… Isto permite avalir se un militar está listo para avanzar. 

Traballando co Stress Inoculation Training (SIT) e o Stress Management Training (SMT), establecen estratexias de copying para enfrontar situacións extremas no campo de batalla. “Se nunha misión ulen o sangue, saberán como reaccionar porque xa o viviron nunha contorna controlada e saudable”, explica Vianez. O obxectivo é previr o estrés postraumático e avaliar tanto a capacidade física como emocional dos militares en escenarios de alta presión. 

Ao mesmo tempo, as gravacións en 360° tamén permiten analizar o rendemento dos soldados tras cada simulación, onde poden contemplar e avaliar os seus tempos. Deste xeito, traballan as súas técnicas e tácticas operacionais.

Realidade virtual: a ferramenta clave

“A forma que se atopou para previr estas patoloxías mentais é a realidade virtual”, asegura Ana Vianez. Estas tecnoloxías inmersivas recrean escenarios similares á realidade, deseñados con expertos do exército que viviron de preto guerras e misións. Tamén conta coa participación de militares de operacións especiais, o equipo multidisciplinar do laboratorio de Porto e psicólogos do exército. “Esta colaboración é o que vai dar a precisión cara os desafíos reais”, explica.

Imaxe de equipo no XoveTIC na Universidade da Coruña
Imaxe de equipo na VII edición do XoveTIC, na Universidade da Coruña. Foto: Ana Vianez

Desta maneira, os escenarios vanse crear de cero para adaptalos unicamente a esta unidade de elite. “Non se pode adaptar algo que xa existe para eles, senón que hai que ter en conta as súas necesidades”, explica. A cor da roupa, as armas ou o olor: todo detalle conta para que o seu cerebro estude unha copia dos escenarios, que aínda que non sexan a realidade, son moi similares.  

Mais a investigadora deixa algo claro: “O obxectivo non é a deshumanización”. O proxecto busca a xestión de situacións onde deben controlar o estrés e despois, enfrontarse á realidade “con habilidades de resiliencia”.

De militar a científica

En Portugal, existen dous tipos de contrato no exército: un de por vida, e outro que se prolonga durante seis ou sete anos. Este segundo foi o que escolleu Ana. Graduada en Traballo Social, coñecía o seu obxectivo: “Quería traballar na saúde mental dos militares”. Aínda que ela non pertencía a este equipo do exército, si que se relacionou con eles durante o seu servizo.  

“Non é difícil traballar con eles, pero si é un desafío debido ao compromiso e a esixencia que requiren, aínda que, ao ser militar, entendían ben o que quería lograr”, asegura sobre a súa vantaxe de pertencer á institución. A súa investigación comezou co Traballo Fin de Máster e desenvolveuse a través da realidade virtual, inicialmente enfocada en militares que sufrían estrés postraumático tras a guerra colonial de Portugal.

Coa experiencia de convivir con eles, comprendeu a importancia da prevención e orientou o seu sistema cara este fin. Polo tanto, como asegura a propia Vianez, “non cambiei de carreira, fusioneina”. Ela nunca deixou de traballar para o exército: agora, continúa ligada a el a través da súa carreira científica, adicando todo o seu proxecto de doutorado a eles.

O futuro da saúde mental no exército

O traballo no exército está cheo de situacións de alto risco. Os militares están sometidos a un estrés constante e expostos a traumas. A iniciativa de Ana Vianez busca ofrecer unha intervención eficaz e accesible para abordar os problemas de saúde mental que afectan tanto aos militares como ás súas familias e á institución. “A comunidade científica debe pensar sempre na promoción dunha cultura do benestar para unha saúde integral”, subliña. 

A solución que atopa a investigadora é a realidade virtual, que ofrece múltiples beneficios: mellora a calidade de vida dos militares, apoia ás familias e a Portugal, e reduce os custos asociados ao tratamento do estrés postraumático, “porque os militares non van telo”. Cun primeiro traballo enfocado na ética, a científica portuguesa asegura que “hai que seguir principios e consentimentos moi concretos, e os militares deben saber o que se quere facer” en investigacións como esta. Deste xeito, a metodoloxía poderá ser un exemplo para futuras réplicas. 

Así, constitúe unha ferramenta “moi valiosa” para preparar aos militares no aspecto físico, emocional e cognitivo, “traballando como un todo”. Este é un agasallo de Ana para os seus concidadáns: “Non podo saír da vida militar sen deixar unha ferramenta para as persoas que levan a nosa bandeira polo mundo”, conclúe, deixando claro os sentimentos que esconde detrás do seu proxecto.


Referencia: Virtual Reality Exposure Therapy for Armed Forces Veterans with Post-Traumatic Stress Disorder: A Systematic Review and Focus Group (Publicado en International Journal of Environmental Research and Public Health)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo galego propón o aceite de xirasol para extraer microplásticos da auga

Investigadores das universidades de Vigo e Porto deseñan un sistema con potencial para incorporarse ás plantas de tratamento

Premio internacional para Carballo, o modelo lingüístico de IA creado na USC

O sistema utilizou máis de 6.000 millóns de palabras entre o galego e o portugués, dando prioridade ás variedades lingüísticas pouco representadas nos actuais modelos multilingües

Manchas solares no ceo da Coruña entre a nube de fume procedente de Portugal

O transporte de partículas ocasionado polos incendios do país veciño deixan uns ceos vermellos en Galicia

Juan Picos: “O que está pasando cos incendios en Portugal ímolo ver en Galicia”

O enxeñeiro de montes prognostica vagas de lume extremas como as do país veciño debido á degración do solo e o cambio climático