As excepcionais condicións oceanográficas da ría de Vigo converteron este enclave nun dos grandes motores históricos do desenvolvemento marítimo de Galicia. Hoxe, esa mesma singularidade sustenta un ecosistema científico de referencia internacional que sitúa a cidade entre os principais polos europeos de investigación mariña. O décimo aniversario do Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo e o vixésimo aniversario da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (ECIMAT) ofrecen unha oportunidade para analizar o camiño percorrido e os desafíos que marcarán o futuro do océano.
Da ría que alimenta unha cidade ao laboratorio natural do Atlántico
O mar foi sempre parte da identidade de Vigo. O seu porto, a súa frota pesqueira, a súa potente industria transformadora e a súa histórica tradición de construción naval explican boa parte da evolución económica e social da cidade. Durante décadas, os estaleiros vigueses construíron embarcacións que navegaron por todo o mundo, mentres o porto se consolidaba como unha infraestrutura estratéxica para o comercio marítimo internacional e unha escala de referencia para grandes buques mercantes e transatlánticos.
A esta realidade histórica sumouse nas últimas décadas o desenvolvemento da acuicultura, e industrias transformadoras convertidas nun dos piares da economía mariña galega, así como a aparición de novas actividades vinculadas á chamada economía azul. O crecemento do turismo náutico-deportivo, arqueolóxico, do turismo de cruceiros e das iniciativas de turismo oceanográfico e de observación da natureza mariña reflicten unha relación cada vez máis diversa, innovadora e sostible coa contorna costeira.
Nada disto é casual. Todo este desenvolvemento ten a súa orixe nas excepcionais condicións oceanográficas e fisiográficas da ría de Vigo. A elevada produtividade biolóxica das súas augas, favorecida polos procesos de afloramento costeiro, a protección natural que ofrece a súa configuración xeográfica e a conexión privilexiada entre os ecosistemas costeiros e oceánicos converteron historicamente este espazo nun enclave singular para a actividade marítima.
Estas condicións ambientais excepcionais explican non só a relevancia da pesca, da acuicultura, da actividade portuaria e da industria naval, senón tamén a concentración actual de capacidades científicas, tecnolóxicas e formativas que sitúan Vigo entre os principais polos europeos de coñecemento mariño.
Pero nas últimas dúas décadas a cidade construíu tamén outra identidade menos visible para boa parte da cidadanía, aínda que cada vez máis relevante a escala internacional: a de referente en investigación mariña. Nun momento histórico no que os océanos ocupan un lugar central nos debates sobre o cambio climático, a seguridade alimentaria, a conservación da biodiversidade, a transición enerxética e o desenvolvemento sostible, Vigo consolidouse como un dos principais centros de xeración de coñecemento sobre os sistemas mariños do arco atlántico europeo.
Dúas décadas construíndo un ecosistema de coñecemento mariño
A creación da Estación de Ciencias Mariñas de Toralla (ECIMAT) en 2006 e do Centro de Investigación Mariña (CIM) en 2016 marcou un punto de inflexión na capacidade científica da Universidade de Vigo. O que inicialmente foi unha aposta por dotar a comunidade investigadora de infraestruturas avanzadas converteuse progresivamente nun ecosistema de coñecemento capaz de atraer talento internacional, financiamento competitivo e proxectos de alto impacto científico.
Se hai algo que cambiou nestes anos é que o océano pasou de ser un ámbito de estudo fundamentalmente científico a converterse nunha cuestión estratéxica para a sociedade. Hoxe sabemos que o que ocorre no océano afecta directamente o clima, a alimentación, a biodiversidade e a economía.

Na actualidade, o CIM constitúe unha das maiores estruturas de investigación mariña do sistema universitario español. Máis de 200 persoas entre persoal investigador, investigadores en formación e persoal técnico desenvolven a súa actividade en ámbitos que abranguen desde a ecoloxía mariña e a oceanografía ata a acuicultura, a biodiversidade, a contaminación mariña, a biotecnoloxía azul, a observación oceánica e as enerxías renovables mariñas.
Hai 20 anos, moitos dos temas que ocupan hoxe titulares apenas estaban presentes no debate público. Falabamos de biodiversidade ou de océanos, pero non coa urxencia coa que falamos agora de cambio climático, seguridade alimentaria ou adaptación dos ecosistemas.
O océano no centro dos grandes desafíos do século XXI
O contexto actual fai que esta investigación sexa máis necesaria ca nunca. O océano absorbe unha parte substancial do exceso de calor xerado polo quecemento global, regula o clima do planeta e proporciona alimento e recursos a millóns de persoas. Ao mesmo tempo, os cambios que experimenta teñen consecuencias directas sobre os ecosistemas e sobre os sectores económicos e sociais que dependen deles.
Probablemente o cambio climático sexa o gran desafío transversal da investigación mariña. Vai afectar a distribución das especies, a produtividade dos ecosistemas, a pesca, a acuicultura e mesmo a capacidade do océano para seguir desempeñando o seu papel como regulador climático.
Comprender a evolución futura dos ecosistemas mariños, mellorar a sostibilidade da acuicultura, anticipar fenómenos ambientais extremos, desenvolver novas ferramentas de monitorización e reforzar a observación oceánica constitúen algunhas das prioridades científicas das próximas décadas.
Neste sentido, o océano deixou de ser un obxecto de estudo afastado para converterse nun elemento central para comprender cuestións tan relevantes como a alimentación, a conservación da biodiversidade, a adaptación ao cambio climático ou a transición ecolóxica.
Ciencia para a transición enerxética azul
Xunto coa adaptación ao cambio climático, a transición enerxética representa outro dos grandes retos nos que o océano terá un papel protagonista durante as próximas décadas.
O desenvolvemento da eólica mariña flotante, unha das grandes apostas estratéxicas da Unión Europea para avanzar na descarbonización da economía, abre novas oportunidades para territorios atlánticos como Galicia. Pero tamén formula preguntas complexas sobre a súa integración nos ecosistemas mariños e a compatibilidade con actividades tradicionais como a pesca, a acuicultura ou o transporte marítimo.
Neste ámbito, o CIM contribúe á xeración do coñecemento científico necesario para garantir un desenvolvemento sostible destas tecnoloxías. A avaliación dos impactos ambientais, a planificación dos usos do espazo marítimo e a comprensión das interaccións entre as infraestruturas enerxéticas e os ecosistemas costeiros constitúen algunhas das liñas de traballo que marcarán o futuro da investigación mariña.
Porque a transición enerxética non será posible sen unha transición baseada tamén no coñecemento.
ECIMAT: unha infraestrutura europea na ría de Vigo
Boa parte desta capacidade científica sería imposible sen a ECIMAT, a principal infraestrutura do CIM. Situada na illa de Toralla, a estación converteuse nunha infraestrutura singular dentro do panorama europeo grazas á súa localización nunha das zonas mariñas máis produtivas do continente e á súa capacidade para realizar experimentación en condicións controladas.
A integración da estación na infraestrutura europea EMBRC reforzou a súa dimensión internacional e permitiu que investigadores e investigadoras de toda Europa utilicen as súas instalacións para desenvolver proxectos de alto impacto científico.
Nos últimos anos, esta capacidade viuse reforzada coa incorporación de novas infraestruturas estratéxicas como o sistema de mesocosmos, a batea experimental da ría de Aldán ou o novo buque oceanográfico híbrido CIM UVIGO, que ampliarán significativamente as capacidades de investigación costeira e oceánica da Universidade de Vigo.
Un ecosistema único de formación, investigación e innovación mariña
O liderado científico de Vigo non pode entenderse unicamente a través das súas infraestruturas de investigación. Un dos seus principais activos é a concentración nun mesmo territorio de capacidades complementarias de formación, investigación, observación, innovación e transferencia de coñecemento vinculadas ao océano.
A Universidade de Vigo desempeña un papel central neste ecosistema a través da Facultade de Ciencias do Mar, pioneira en España na formación universitaria especializada en ciencias mariñas, e da Facultade de Bioloxía, que achega unha sólida base científica en ámbitos relacionados coa biodiversidade, a ecoloxía e os recursos naturais. A esta oferta súmase a Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas, herdeira dunha longa tradición de formación de profesionais vinculados ao sector marítimo-pesqueiro, ao transporte marítimo e á navegación.
Esta capacidade formativa compleméntase coa presenza de institucións científicas de referencia internacional como o Instituto Español de Oceanografía (IEO-CSIC) e o Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC), dous organismos que contribúen de maneira decisiva ao avance do coñecemento sobre os océanos e os recursos mariños.
Xunto a eles, organismos da Xunta de Galicia como o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (INTECMAR) e o Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR) desempeñan un papel fundamental na observación, seguimento, xestión e transferencia de coñecemento cara aos sectores produtivos vinculados ao mar.
A colaboración continuada entre estas institucións, xunto coas administracións públicas e os sectores económicos da economía azul, permitiu construír ao longo das últimas décadas unha das maiores concentracións de coñecemento mariño do sur de Europa.
Neste contexto, o CIM actúa como un dos nodos vertebradores desta rede de capacidades científicas e tecnolóxicas. O recoñecemento da súa excelencia investigadora vese ademais reforzado pola súa integración na rede CIGUS, que agrupa os centros de investigación do Sistema Universitario de Galicia acreditados polos seus elevados estándares de calidade científica, impacto internacional e capacidade de captación de talento e financiamento competitivo.
A ETEA e o seguinte salto estratéxico
Se a ECIMAT representa os alicerces da investigación mariña viguesa, a ETEA aspira a converterse nun dos seus principais motores de futuro.
Este espazo está chamado a integrar infraestruturas científicas, grupos de investigación, empresas innovadoras e entidades vinculadas á economía azul nun mesmo ecosistema de innovación e coñecemento.
Non se trata simplemente de construír novos laboratorios ou novos edificios. O verdadeiro desafío consiste en crear un espazo capaz de atraer talento, fomentar a innovación, acelerar a transferencia do coñecemento científico cara á sociedade e fortalecer a conexión entre ciencia, empresa e administracións públicas.
Nun contexto global no que os océanos ocupan un lugar central nos debates sobre sostibilidade, enerxía e alimentación, a consolidación dun gran campus mariño permitiría reforzar a posición de Vigo como nodo estratéxico da economía azul europea.
Unha comunidade científica preparada para o futuro
A evolución do CIM e da ECIMAT non pode entenderse sen a colaboración entre investigadores, institucións e administracións. A excelencia científica acadada ao longo destas dúas décadas é o resultado dun esforzo colectivo que permitiu construír un auténtico ecosistema de coñecemento mariño no que converxen universidades, centros de investigación, organismos públicos e empresas.
Máis alá das súas infraestruturas, o principal valor construído durante estes anos é a consolidación dunha comunidade científica, tecnolóxica e formativa capaz de conectar coñecemento, innovación e sociedade arredor dun recurso estratéxico para Galicia como é o océano.
O máis importante é que hoxe contamos cunha comunidade científica preparada para responder as preguntas que o océano nos vai formular no futuro. E esas preguntas serán determinantes non só para Galicia, senón tamén para o conxunto da sociedade.
Porque comprender o océano será unha das grandes tarefas científicas, tecnolóxicas e sociais do século XXI. Da saúde dos ecosistemas mariños dependerán cuestións tan diversas como a alimentación, a biodiversidade, a adaptación ao cambio climático, a transición enerxética ou o desenvolvemento das futuras enerxías renovables mariñas.
Poucas cidades europeas reúnen nun espazo tan reducido unha combinación tan singular de condicións naturais, tradición marítima, capacidades científicas e potencial innovador como Vigo. O futuro do océano aínda está por escribir. E unha parte importante desa historia estase investigando hoxe desde a ría de Vigo.














