Unha profunda borrasca desprázase cara a Galicia con refachos de máis de 80 km/h

A AEMET pide manter a precaución durante o mércores e o xoves polas ramas ou obxectos que se poidan desprender das zonas altas

Ventos moi intensos, acusado descenso térmico e chuvia. Ese é o escenario que vivirá Galicia a partir deste mércores. A responsable de romper a estabilidade é unha profunda borrasca que se xerará no centro do Atlántico Norte e que se desprazará rapidamente cara ao noroeste peninsular ata situarse sobre os Alpes. Os seus efectos máis pronunciados serán os fortes refachos de vento que poderán superar os 80 km/h. De feito, a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) pide manter a precaución durante o mércores e o xoves polas ramas ou obxectos que se poidan desprender das zonas altas. O venres xa será un día de relativa estabilidade, mais as chuvias regresarán a Galicia durante a fin de semana e con maior intensidade.

O mércores será un día marcado pola humidade, dado que o territorio galego estará situado nunha situación intermedia entre as baixas e as altas presións. Serán os ventos do oeste os encargados de alimentar as precipitacións, que serán ocasionais e, sobre todo, máis probables no norte e no oeste. O vento irá adquirindo forza conforme avance a xornada e haberá refachos intensos no extremo norte nas últimas horas do día.

Publicidade

A borrasca azoutará con forza durante o xoves

O episodio continuará o xoves, cando a borrasca procedente do Atlántico Norte se sitúe preto do litoral galego. Segundo trasladan dende Meteogalicia, unha fronte fría derivada das baixas presións atravesará Galicia de norte a sur durante a segunda parte da xornada. Polo tanto, as chuvias serán máis intensas durante a tarde. Un dos efectos máis notables será o brusco descenso térmico. Se durante a pasada semana as temperaturas estiveron por enriba dos 20 graos, con valores anómalos para esta época do ano, a partir deste xoves as máximas oscilarán entre os 14 e os 17 graos. Amais disto, Meteogalicia alerta dos fortes refachos de vento, que serán superiores aos 80 km/h, no litoral norte e nas zonas de alta montaña de Lugo e Ourense.

A borrasca atlántica abandonará Galicia e deixará un venres marcado pola estabilidade debida á influencia dun anticiclón centrado no Algarve. Con todo, segundo informa Meteogalicia, durante a tarde aumentarán as probabilidades de precipitación e as temperaturas manteranse sen grandes cambios. No que respecta ao resto da fin de semana, a probabilidade de precipitación será moi elevada e sitúase para sábado e domingo no 90%. Estará acompañada de temperaturas frescas, pero propias para esta época do ano. Agárdase unha nova fronte fría o domingo que, segundo o portal Meteored, podería provocar un forte baixón térmico en Galicia. A responsable sería unha borrasca cuxo centro de acción estará sobre as illas británicas.

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Canto creceron as cidades galegas nos últimos 10 anos? Descúbreo neste mapa interactivo

A plataforma World Settlement Footprint Tracker sinala que tan só o 1,56% da superficie galega está ocupada por urbes ou contornas urbanas

O tesouro micolóxico da illa de Cortegada: é o lugar do mundo con máis densidade de fungos

O micólogo Saúl de la Peña atopou no enclave das Illas Atlánticas 1.500 tipos de cogomelos, cando se estima que hai uns 2.000 en toda Galicia

O virus da encefalite transmitida por carrachas chega a Galicia: un estudo detecta anticorpos en animais

Un equipo da USC confirma a circulación do patóxeno, considerado unha ameaza de saúde pública pola gravidade dos síntomas neurolóxicos que pode causar

Un proxecto galego producirá mexilla mellorada en criadeiro para combater a falta de semente silvestre

O sector do mexillón galego é responsable de preto da metade da produción que abastece a Unión Europea