Galicia bate un récord histórico de temperatura con 25,3 graos na Coruña en pleno novembro

Pontevedra acadou o máximo valor con 26,8 graos nunha anómala xornada de calor en todo o territorio

Galicia viviu este xoves unha xornada de temperaturas anómalas para o mes de novembro. Agás nas zonas de alta montaña de Lugo e Ourense, todo o país superou os 20 graos de máxima. Era suficiente unha manga curta e os máis friorentos tan só tiñan que poñer por enriba unha chaqueta. Nada de abrigos, nin botas, nin gorros. O 7 de novembro de 2024 en Galicia foi unha xornada ben parecida aos comezos do verán. De feito, a cidade da Coruña bateu o seu récord de temperatura máxima absoluta para o mes de novembro. Acadou 25,3 graos de máxima ás 14.50 horas; un valor lixeiramente por enriba do que, ata este xoves, ostentaba o podio: os 25 graos que se rexistraran na cidade herculina —curiosamente o mesmo día— de 2003.

Malia que A Coruña foi a única cidade que superou a súa marca absoluta, as outras urbes galegas non escaparon de valores inusuais para a época do ano. De feito, a temperatura máxima de toda Galicia acadouse en Pontevedra, na estación de Campolongo, con 26,8 graos ás 15.20 horas. Moi preto deste valor, o segundo máis alto deste xoves, rexistrouse en Abegondo, con 26,2 graos. En terceiro lugar estivo a temperatura máxima de Lourenzá, con 26, configurando así os valores máximos do día. As únicas zonas por debaixo dos 20 graos foron as de alta montaña, máis en ningún destes puntos de descendeu dos 17,5 graos, acadados no Invernadoiro (Ourense).

Publicidade

Por que tanta calor?

“As anomalías de temperatura foron altas, sobre todo no norte, onde estiveron entre seis e sete graos por enriba do normal para esta época do ano”, explican fontes de Meteogalicia. Segundo detallan dende o servizo meteorolóxico, estes valores son inusuais en novembro, mais débense a unha clara configuración atmosférica. No norte da provincia da Coruña e na Mariña lucense houbo ventos do sur, que trouxeron aire máis seco e requente, que contribúe a incrementar a temperatura. Os outros ingredientes deste cóctel foron a entrada de aire cálido procedente do norte de África e o anticiclón centrado no interior do continente europeo, que bloqueou as borrascas e favoreceu a chegada de masas de aire máis quentes do habitual.

Con todo, dende Meteogalicia non consideran que a situación global sexa anómala. “Estamos nunha época do ano onde as situacións meteorolóxicas son moi cambiantes. En otoño e primavera hai unha maior variabilidade e podemos chegar aos extremos: tanto a entradas de aire cálido como de aire frío”, continúan explicando. Debido a esta inestable configuración atmosférica pódese producir o desprendemento dunha DINA, como aconteceu coa que asolou Valencia a pasada semana. Aínda que non hai consenso entre os modelos meteorolóxicos, polo que a predición non é concluínte e tampouco se sabe a que zonas afectaría?

Publicidade

Nova DINA?

“Segundo o modelo americano, situaríase sobre Galicia e causaría precipitacións importantes no centro da península. Aquí xeraría inestabilidade, pero non tería tanto impacto. Porén, o modelo europeo apunta a unha situación diferente, cun centro de acción sobre o mediterráneo occidental, entrando o sur de Francia no seu radio de acción e desprazándose despois cara a Italia e Grecia”, sosteñen dende Meteogalicia. Malia a incerteza do escenario, e a falta de acordo entre os distintos modelos meteorolóxicos, o que parece máis seguro é que se producirá un desprendemento de aire frío en altura e, por tanto, haberá máis inestabilidade.

O recente episodio da DINA en Valencia, que deixou máis de 200 falecidos e máis de 90 desaparecidos, así como innumerables danos materiais, pode xerar temor a que se repita un fenómeno semellante. En Galicia é complicado que se produza unha situación como a do Levante, dado a tipoloxía do solo e a auga fría do Atlántico, entre outros factores. Dende Meteogalicia chaman á calma e, pese á posible chegada dunha DINA —aínda descoñecendo o seu radio de acción—, non se ten que repetir o mesmo escenario. “A nivel meteorolóxico non ten que producir unha situación complicada, nin chuvias moi intensas. Todo dependerá de a onde afecte e que é o que alimente esa inestabilidade”, apuntan dende o servizo meteorolóxico galego.

Fin de semana por debaixo dos 20 graos

En canto ao curto prazo, a situación de manga curta e chaqueta durará pouco en Galicia. Este venres interrómpese a configuración atmosférica que estaba a producir tempo seco e cálido e producirase un descenso da temperatura, que acadará valores máis propios para a época do ano. De feito, as máximas en todas as cidades galegas xa se situarán ao longo da fin de semana por debaixo dos 20 graos. “Pode que as temperaturas volvan ascender o domingo porque o anticiclón vaise colocar enriba das illas británicas e pode bloquear a chegada de borrascas e de aire frío”, indican dende Meteogalicia. Porén, o escenario aínda é moi incerto. Só cabe esperar.

Laura Filloy
Laura Filloy
Xornalista científica pola Universidade Carlos III de Madrid. Comezou a súa andaina profesional no Faro de Vigo. Con experiencia en comunicación institucional a través de Médicos sen Fronteiras e a Deputación de Pontevedra, meteuse de cheo na divulgación científica na Axencia EFE. Dende 2021 en Gciencia, onde segue a cultivar a súa paixón pola ciencia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O aire frío do Atlántico norte deixará na ponte de decembro temperaturas xélidas en Galicia

Os valores máis baixos rexistraranse o domingo nas comarcas de interior e Lugo non superará os oito graos de máxima

Julio Vilas, deportista con discapacidade: “Tiven atrapamento umbilical, pero son afortunado”

O xogador do Amfiv Vigo, que compaxina deporte de elite con traballo a tempo completo, explica como é a súa vida cunha diversidade funcional física

Galicia emprega IA e venda en farmacias para anticiparse aos virus respiratorios

Una rede de estabelecementos e un modelo matemático servirán para predicir este inverno as necesidades asistenciais derivadas das infeccións

Así é o plan para crear refuxios climáticos nos concellos e loitar contra as vagas de calor

A UVigo creará unha metodoloxía que permita identificar estas zonas en cada localidade e así protexer a poboación de episodios adversos