Zendal entrega os seus premios a proxectos sobre alzhéimer e vacinas animais

O grupo biofarmacéutico homenaxeou durante a gala a Marisol Soengas como referencia na investigación contra o melanoma

A sede de Afundación en Vigo albergou a tarde do xoves a entrega dos premios da V edición dos Zendal International Awards, á que concorreron un total de 123 candidaturas, procedentes de ata 10 países. O acto presidido polo conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez, e o CEO da biotecnolóxica, Andrés Fernández, tivo como protagonistas aos premiados desta convocatoria: Ivone Martins, do Centro de Enxeñería Biolóxica da Universidade do Minho (Portugal) polo seu proxecto HERCULES-Bacteriófagos contra o alzhéimer; e a José de la Fuente do grupo SaBio do Instituto de Investigación en Recursos Cinexéticos, IREC (CSIC-UCLM-JCCM).

Homenaxe a Marisol Soengas

Durante o acto homenaxeouse a Marisol Soengas, xefa do grupo de Melanoma do Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas (CNIO) e presidenta da Asociación Española de Investigación contra o Cancro (Aseica). Soengas agradeceu este premio “que me ilusiona porque recoñecen moito traballo, non só do meu equipo, senón tamén de colaboradores que temos aquí no CNIO, pero tamén a nivel internacional. Un premio, compartido co meu equipo en CNIO, os verdadeiros artífices dos nosos avances en melanoma”.

Publicidade

Tal e como destacou Andrés Fernández, CEO do grupo Zendal, “homenaxeamos a unha científica de referencia internacional no campo do melanoma e da oncoloxía molecular”. Unha intervención que quixo dedicar tamén a todas as persoas que “con sacrificio e paixón entregan unha parte da súa vida á procura de solucións, ferramentas para mellorar a vida do planeta e, polo tanto, de todos nós. Un obxectivo non só encomiable, senón clave no noso desenvolvemento”.

Os proxectos gañadores

Pola súa banda, a impulsora do proxecto gañador na categoría de saúde humana, Ivone Martins explicou que a súa investigación naceu para facer fronte á falta de técnicas de diagnóstico precoz do alzhéimer. “Combinando estas necesidades coa capacidade dos fagos bacterianos para atravesar a barreira cerebral e chegar ao cerebro, desenvolvemos fagos bacterianos sintéticos capaces de recoñecer os agregados responsables do alzhéimer”.

Publicidade

A procura dunha vacina que permita o control das carrachas é o obxectivo do proxecto galardoado na categoría de saúde animal. Dirixido a alcanzar unha vacina personalizada, baséase en utilizar os datos xenéticos das especies de carrachas que hai en Uganda —un dos países máis afectados por elas— e tamén dos hospedadores sobre os que se alimentan estes arácnidos. Unha iniciativa, explica o seu impulsor José de la Fuente, na que se utiliza unha tecnoloxía innovadora denominada vacunoloxía cuántica que permite identificar os antíxenos e os epítopos protectores neses antíxenos para combinalos e dese xeito mellorar aínda máis a eficacia da vacina.

Lembranza ás enfermidades esquecidas

Por último, a gala foi tamén o escenario para reivindicar a importancia de seguir investigando nas chamadas enfermidades esquecidas. Sucedeu no momento de entrega do accésit á DNDi (Iniciativa Medicamentos para Enfermidades Esquecidas), organización global de I+D creada por seis institucións líderes a nivel global que ten como misión descubrir, desenvolver e acelerar o acceso aos tratamentos para as enfermidades tropicais desatendidas e as enfermidades virais que sofren de maneira devastadora as poboacións máis esquecidas do planeta. 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os premios Zendal galardoan dous proxectos sobre alzhéimer e vacinas animais

Na súa V edición o recoñecemento do grupo farmacéutico promocionará os proxectos dos investigadores Ivone Martins, da Universidade de Miño, e José de la Fuente, do CSIC

Alicia Bruzos, talento galego recoñecido no exterior: Premio L’Oréal-Unesco en Francia

A investigadora vén de ser recoñecida co galardón de Novos Talentos da institución no país galo pola súa investigación sobre cancro en berberechos

Unha IA galega elimina erros no diagnóstico da depresión e da deterioración cognitiva

Os resultados do proxecto Sapiens, desenvolvido dende atlanTTic, demostran unha boa aceptación das novas tecnoloxías de diagnose

Convocados os V Premios Zendal para proxectos de saúde humana e animal

O prazo para a presentación de candidaturas estará aberto ata o 4 de outubro e poderanse formalizar a través da web do grupo biofarmacéutico