Mestrelab Research inaugura o seu novo centro de investigación en Santiago

A empresa compostelá, líder no mercado de datos científicos, abre as portas dun complexo que requiriu un investimento de 9,4 millóns

A empresa compostelá Mestrelab Research, líder no mercado de datos científicos, inaugurou esta mañá o novo Centro de Investigación Mestrelab en Santiago. O novo complexo, de máis de 2.300 metros cadrados de superficie, requiriu un investimento de 9,4 millóns de euros realizado a partes iguais pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) e por capital privado.

O acto de inauguración contou coa presenza de Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia; Román Rodríguez, conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional; Goretti Sanmartín, alcaldesa de Santiago de Compostela; e Carmen Cotelo, directora da GAIN. Foi presidido por Falko Busse, presidente de Bruker BioSpin, e Santiago Domínguez, presidente de SciY.

Publicidade

Ponte de comunicación

Bruker é unha sociedade suízo-americana e unha das principais empresas de instrumentalización analítica do mundo, cuxa facturación é de 3.000 millóns de euros. A compañía apostou por Santiago e Galicia para importar e exportar valor e coñecemento.

No centro de Mestrelab, Bruker dará aos científicos a posibilidade de realizar descubrimentos innovadores e desenvolver novas aplicacións que melloren a calidade de vida. Desta maneira, convértese nunha ponte de comunicación entre a Universidade de Santiago (USC) co resto de universidades de Galicia e a industria. O potencial do ecosistema universitario e de HUBS de innovación que se forxou en Galicia durante o últimos 20 anos propicia a actividade do novo centro e a colaboración activa entre industria e coñecemento.

Publicidade

Desta maneira, bríndase a oportunidade de canalizar o coñecemento cara aos problemas reais da industria científica, que poderán ser solucionados polo ecosistema de coñecemento e investigación do centro, que tamén atraerá talento e a solución a problemas da industria científica global. Dende Mestrelab aseguran que, no futuro, esta sede poderá ser equiparable a ecosistemas de investigación e innovación científica que xa existen en Boston ou Zúric, ou, noutra dimensión, en Silicon Valley.

Presentación das instalacións

Alfonso Rueda manifestou que “Mestrelab nunca perdeu a súa referenza galega e pensan que paga a pena seguir medrando desde aquí. Estes centros permiten que medre o tecido empresarial do futuro e a nosa obriga é poñer as condicións para que isto sexa posible”. O mandatario expuxo que “aquí hai moitísima ciencia e talento e aprecio moitísimo que ou Mestrelab siga facendo estas cousas desde aquí”.

Goretti Sanmartín, alcaldesa de Santiago, concedeulle moita importancia “a centros deste tipo, que significan que moita xente con talento non terá que marchar fóra e abre as portas a que xente doutras partes do mundo veña a Compostela”. A rexedora sinalou que “o CIM é importante para a nosa cidade porque a tecnoloxía ao servizo das persoas é unha ferramenta moi poderosa”.

Falko Busse mostrouse moi “ilusionado” co centro de Santiago. “Bruker non podería facer isto en ningún outro lugar do mundo. Mestrelab ten tres piares: a calidade do equipo que sae da USC, que entende de innovación e que son moi boa xente. Agora, as nosas empresas traerán investimentos e investigación a Santiago”, afirmou.

Santiago Domínguez, presidente de Mestrelab Research, explicou que “o CIM empeza coa idea de resolver problemas e os problemas tenden a ser complexos, polo que é importante resolvelos para seguir avanzando como sociedade”. “O obxectivo do centro é converterse nun nexo entre toda a investigación que se fai en Galicia e a industria. Ademais, queremos que outras empresas que están no punto que estabamos nós hai 20 anos teñan un espazo para traballar”, engadiu.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A física Yolanda Prezado, premio Wonenburger 2026 polos seus estudos en radioterapia

A Unidade de Muller e Ciencia da Xunta concede por unanimidade o galardón á investigadora galega, considerada unha referencia europea en protonterapia

Radiografía do piropo galego: da sedución á complicidade a través do humor

A investigadora Estela Fidalgo realizou un estudo con 100 persoas para coñecer como mudan as estratexias comunicativas nas relacións afectivo-sexuais

O alzhéimer canino existe: a galega que analiza cerebros de cans para anticipar o diagnóstico

A investigadora Belén Larrán estuda unha doenza que causa desorientación e ansiedade, e afecta máis da metade dos individuos maiores de 15 anos

Así é o rato colilongo, o pequeno roedor clave na transmisión do hantavirus dos Andes

Estudos revelan taxas de infección entre o 5% e o 10%, con maior incidencia nos machos adultos pola súa conduta territorial durante a reprodución