Venres 29 Marzo 2024

Mestrelab: axudar á I+D no sector biotech mundial

A compañía gañadora do Selo de Calidade nos Spin-Off PuntoGal, que convoca GCiencia, traballa coas empresas e universidades máis prestixiosas do mundo

O proxecto de Mestrelab Research arrancou no ano 2004 como unha spin-off da Universidade de Santiago e dende entón a evolución do seu software para investigación bioquímica permitiulle situarse como unha das principais empresas do sector no ámbito internacional. Hoxe en día conta con preto de 60 empregados (43 en Galicia) despregados en tres continentes. Un dos últimos fitos foi a colaboración coas grandes farmacéuticas  (Pfizer, Astrazeneca) que desenvolveron as vacinas contra a covid-19. Por todo elo o xurado dos V Premios Spin-Off PuntoGal, que organiza e organiza GCiencia, decidiu concederlle o galardón do Selo de Calidade na súa última edición.

Santiago Domínguez, CEO da empresa, explica dende Inglaterra, onde reside dende hai anos, que nun primeiro momento os tres fundadores da empresa (Carlos Cobas, Javier Sardina e el mesmo) xa tiñan claro que o obxectivo era ser competitivos no ámbito internacional. De aí que dende un primeiro momento a web da empresa estivese en inglés e que as ferramentas que desenvolvían fosen axeitadas para chegar a un negocio global. Cobas e Sardina son químicos e Domínguez é economista e se dedica ao negocio. Os tres proceden da USC, que segue a ser a principal procedencia dos traballadores de Mestrelab xunto ás outras dúas universidades galegas, aínda que tamén incorporan talento doutras partes do mundo.

Publicidade

Un software para procesar datos

A actividade de Mestrelab consiste en desenvolver software que permita aos investigadores do sector bioquímico procesar os datos que saen do laboratorio e entender ben o que eses datos están dicindo sobre o experimento que se está a realizar. Nun sector tan especializado e competitivo a empresa aposta pola calidade dos seus produtos e pola mellora continua dos mesmos a través do feedback dos propios clientes. Ademais a empresa ten moi en conta a necesidade de que o seu software sexa accesible para estudantes e institucións educativas, incluso nos países máis pobres.

Ademais de traballar coas empresas máis importantes do sector químico e farmacéutico, Mestrelab colabora con case a totalidade das universidades situadas no Top 20 Mundial no ámbito da investigación. “Temos presencia nos países máis importantes neste sector como son Estados Unidos, Reino Unido, Xapón, Francia, China, India, Canadá e España”, engade Domínguez.

Apoio ás start-ups galegas

Un dos aspectos nos que se está a traballar dende Mestrelab nos últimos tempos e o apoio a start-ups galegas que operen noutros sectores, a través dun vehículo inversor de capital-semente que se está a poñer en marcha. “O noso obxectivo é que en Galicia haxa nos próximos anos cen Mestrelabs ou empresas aínda mellores que poidan competir a nivel internacional e xeren alto valor engadido”, explica Domínguez.

“Creo que Galicia é un lugar moi bo para emprender porque hai acceso a persoal con moi boa formación. As institucións educativas galegas están a garantir iso e se pode formar un equipo de traballo moi bo a longo prazo porque é máis fácil reteñer o talento que en Boston ou San Francisco onde hai moita competencia. As dificultades teñen que ver co acceso aos mercados, que segue a ser máis fácil noutros lugares e tamén cos problemas para obter capital privado porque desde o sector público si que está a haber apoios suficientes”, sinala Domínguez.

Mestrelab conta con 3.000 clientes espallados polo mundo e ten presencia en EE UU, Xapón, Reino Unido, Canadá, Francia, España China e India

Cara aos próximos anos, Domínguez explica que Mestrelab orienta tódolos seus proxectos cara ao que será o laboratorio do futuro que consiste, basicamente, en utilizar as capacidades dixitais para interconectar toda a I+D que hai no sector farmacéutico e bioquímico a nivel mundial. “Coa pandemia da Covid viuse a necesidade de que as investigacións saían adiante o antes posible para desenvolver as vacinas ou medicamentos o antes posible e isto e aplicable a outros sectores da medicina, como a oncoloxía ou a cardioloxía”, indica Domínguez.

Mestrelab facturou o ano pasado 6,1 millóns de euros e este ano agarda superar os 8,5 millóns. Un 97 por cento dos seus ingresos proceden da exportación, o que da unha idea do seu nivel de internacionalización. A empresa conta cun total de 3.000 clientes espallados polo mundo e practicamente a totalidade das cen primeiras universidades do ranking mundial son clientes da empresa galega.

Os premios Galicia Spin-off, que este ano acadan a súa quinta edición, entréganse este martes na Coruña.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Gciencia celebra o Día da Lingua Materna cun relatorio sobre a divulgación en galego

A xornalista Laura Filloy abordou a importancia de trasladar o coñecemento científico á sociedade nun acto celebrado no Campus de Lugo da USC

LIA (2), pioneiros galegos no desenvolvemento da intelixencia artificial na astronomía

O grupo da UDC recibiu o Premio Spin-Off PuntoGal na edición 2023 pola súa traxectoria de éxito

Desmontando Mitos en catro minutos, o novo pódcast da colaboración de Gciencia coa Fecyt

O xornal da ciencia estrea este sábado a cuarta temporada da serie creada para combater falsas crenzas

Saega, innovación permanente para destacar no sector dos drons

A empresa de Serra de Outes foi a gañadora na categoría Idea Emerxente dos Premios Spin-Off PuntoGal 2023