Comeza a Semana da Ciencia nos Museos Científicos da Coruña

Entre o 15 e o 21 de novembro, o acceso á Casa das Ciencias, Domus e Aquarium Finisterrae será gratuíto, sendo recomendábel a previa reserva

Con motivo do día de San Alberto Magno, patrón das ciencias, este luns 15 de novembro dá comezo a Semana da Ciencia nos Museos Científicos Coruñeses que, até o 21, contempla a gratuidade da entrada á Casa das Ciencias, Domus e o Aquarium Finisterrae.

Para facilitar o acceso mais, especialmente, en previsión dunha importante afluencia de público, é recomendábel a reserva previa das entradas, que poderá facerse cun máximo de tres días de antelación. Sen a mesma, o acceso estará permitido unicamente se o aforamento do museo nese momento non está completo. No que respecta ás sesións do Planetario, as invitacións dispoñíbeis entregaranse media hora antes de cada sesión.

Publicidade

Programación dos Museos

Entre as exposicións que se poderán visitar, a Casa das Ciencias conta con “Ceos Galegos”, unha colección de fotografías do ceo nocturno e diúrno, ou “Arriba e máis aló”, a mostra instalada no espazo exterior que repasa algúns dos fitos da astronomía.

Na Domus, “Bocados” explora a nutrición e os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) da ONU, mentres que “Xogo de neuronas. Pezas da intelixencia humana” é unha exposición na que se exploran a anatomía e o funcionamento do cerebro.

Publicidade

Xa no Aquarium Finisterrae, a Sala Humboldt acolle “Sexo azul”, unha exposición interactiva que trata sobre a reprodución sexual dos seres vivos que viven na auga, se ben o gabinete do capitán Nemo na Sala Nautilus segue sendo a máis espectacular.

Outros actos

Xunto a gratuidade dos museos, a programación da Semana Científica complétase con varios actos. O sábado 20 de novembro, o salón de plenos do Concello da Coruña será o escenario da Entrega dos XXXIV Prismas Casa das Ciencias á Divulgación Científica. Así mesmo, a Domus acollerá a HispaCón, a convención anual organizada pola Asociación Española de Fantasía, Ciencia Ficción e Terror. No marco deste evento terán lugar as charlas «Conversación con Conchi Regueiro», autora de galega de ciencia ficción, ás 16.00 horas, e «Crónicas (científicas) marcianas», cos divulgadores Borja Tosar, Uxía Vales e Estíbaliz Espinosa, ás 17.00. Para poder asistir a ambas, o reparto de invitacións até completar o aforo comezará unha media hora antes. Finalmente, o Aquarium Finisterrae e a contorna da Casa das Ciencias son os lugares escollidos para o Festival Cecía Fest, que contará con danzas e actuacións de numerosos coros.

Acceso libre

Desde o 29 de outubro, o acceso á Casa das Ciencias, Domus ou Aquarium Finisterrae, que recuperaron o aforamento do 100%, pode facerse directamente, abonando a entrada correspondente e sempre que o museo non estea completo. Con todo, a reserva previa de entradas mantense, permitindo a quen desexe asegurar o seu acceso.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Jinzi, a nova incorporación do Aquarium Finisterrae para recuperar as crías de foca

A Coruña convértese no fogar dunha foca macho que chega a Galicia despois dun intercambio co Oceanogràphic de Valencia.

Dúas décadas de Gastón, o tiburón touro que vive na sala Nautilus do Aquarium Finisterrae

O exemplar, que vive no tanque do acuario da Coruña, é un dos principais reclamos do museo científico herculino desde hai dúas décadas

Os Museos Científicos Coruñeses celebran este sábado unha xornada de portas abertas

A Casa das Ciencias, o Aquarium Finisterrae e a Domus festexan o Día dos Museos con entrada libre e gratuíta ás súas salas e actividades
00:00:45

O Aquarium Finisterrae incorpora dous tiburóns á sala Nautilus

Os exemplares foron cedidos como parte dun programa de conservación e cría en catividade desta especie no que colabora o acuario coruñés