“Eu falo en galego. Sabes, Siri?” Así de contundente soaba Moraima, a nena que se fixo viral pola conversación que mantivo co asistente de voz de Apple, no que aínda non está integrado o noso idioma. Mais a situación pode comezar a cambiar. O Proxecto Nós, impulsado pola Xunta en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC), acaba de arrancar. O seu principal obxectivo é situar o galego á vangarda da intelixencia artificial e das novas tecnoloxías. “Queremos que Siri e Alexa falen galego, pero iso só será unha pequena parte do que estamos preparando. Teremos liñas de traballo tan ou máis importantes ca esa”, puntualiza o director do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da USC, Senén Barro.
“Subtitular automaticamente películas ou vídeos, facer unha compra teléfonica, interaccionar cos portais da administración autonómica, recibir asistencia na navegación, tramitar papeis… E todo en galego”, continúa explicando Barro. Esas son as liñas que marcan dende o Proxecto Nós, cunha clara aposta pola novas tecnoloxías pero, sobre todo, polo idioma. “Unha lingua que non estea na economía e na sociedade dixitais ten moi difícil a súa supervivencia, incluso a curto prazo”, vaticina o director do CiTIUS. Así explica un dos dous aspectos fundamentais dun proxecto que vén revolucionar o panorama tecnolóxico galego: posicionar a nosa lingua na contorna dixital e instalar talento en tecnoloxías lingüísticas en Galicia.
Primeira fase
Polo de pronto, o Proxecto Nós atópase na súa fase inicial. Os centros e investigadores implicados están nun “proceso moi intensivo” de análise, reflexión e documentación para deseñar as liñas de traballo de aquí aos vindeiros anos. Outro dos aspectos nos que están tratando de afondar é nos recursos dispoñibles. En principio, esta fase inicial rematará a finais de ano, e traballan nela todos os centros implicados: a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica (Amtega) por parte da Xunta; e o CiTIUS e o Instituto da Lingua Galega (ILG) por parte da USC. Pero o proxecto, de momento, non ten data de finalización. “Ten que ser de natureza indefinida. Queremos que o apoio á formación e á educación en galego dure para sempre, non só catro anos”, determina Barro.
“Queremos que o apoio á formación e á educación en galego dure para sempre”
Aínda que están nunha primeira fase de definición, o director do CiTIUS xa avanza que tipo de tecnoloxías van empregar para que os asistentes de voz e texto da internet aprendan a falar galego. Basearanse nas tecnoloxías da computación neuronal ou deep learning. Segundo explica Barro, son modelos matemáticos inspirados nas neuronas naturais e nas nosas redes neuronais e, aínda que son unha imitación groseira, teñen un gran potencial computacional. “Estes modelos teñen centros de miles de millóns de parámetros que se poden sintonizar con algoritmos para que aprendan a establecer correlacións. Isto significa que poden trasladar un texto dunha lingua a outra”, detalla o director do CiTIUS.
A tradución automática
Asegura, ademais, que os algoritmos do deep learning teñen un gran nivel de competencia na tradución automática. E pon como exemplo o Google Translator e DeepL. “Funcionan con bases de datos que tes que alimentar. Se son de calidade e o suficientemente grandes e diversas, acabas tendo solucións e modelos moi potentes“, sinala o investigador. E estes serán, tamén, os modelos nos que se basee o Proxecto Nós para tratar de mellorar a presenza do galego no eido tecnolóxico. E outro dos puntos máis importantes: todo o que se desenvolva estará a disposición da sociedade. “Ou ben poderán facer un uso directo ou utilizalo para desenvolver novos servizos, produtos e aplicacións de todo tipo”, engade Barro, que incide en que o Proxecto Nós quere cambiar o panorama tecnolóxico en Galicia.
Todo o que desenvolva o Proxecto Nós pasará ao servizo da sociedade
De todos xeitos, o director do CiTIUS recoñece que é un proxecto complicado e ambicioso, e non son capaces de anticipar aínda a que tipo de dificultades se van ter que enfrontar. As dúas que teñen claras son as seguintes: en primeiro lugar, os recursos. A dispoñibilidade das ferramentas e dos cartos necesarios para desenvolver esta iniciativa pode converterse no principal factor de limitación. En segundo lugar, o talento necesario para levar a cabo todo o que teñen previsto. “Aínda que durante o proceso formemos xente, necesitamos xa profesionais. Estamos buscando investigadores noutros países, algúns deles son galegos que tiveron que marchar ao estranxeiro”, avanza Barro. Non obstante, é consciente da dificultade, posto que as tecnoloxías lingüísticas son un dos sectores “nos que máis se está investindo dentro da intelixencia artificial“. É dicir, a competencia e as ofertas de traballo con moi variadas.
Boas perspectivas
As perspectivas son boas e as ganas, máis fortes ca nunca. Pero os investigadores son conscientes de que na relación do galego coas TIC queda aínda moito por facer. “Estamos moi lonxe do castelán e doutras linguas europeas que levan anos apostando forte polas tecnoloxías lingüísticas. Pero o importante é que xa está en marcha este proxecto”, reitera Barro. Tamén aclara que o galego non ten moita presenza en certos portais, como é o caso da Wikipedia, pero si a ten o portugués. “É unha lingua cunha proximidade lingüística moi clara coa nosa e ímonos poder beneficiar disto, do quinto idioma máis falado no mundo e do seu nivel científico e de desenvolvemento tecnolóxico”, sinala o director do CiTIUS.
Polo tanto, queda menos. Só hai que seguir dando pasos para que facer unha busca de voz en galego xa non sexa un desafío. Ou para poder subtitular unha película na propia lingua. Buscar, traducir, facer consultas, obter explicacións e resumos… Todo en galego. “En última instancia, é a capacidade de que as máquinas fagan o que xa facemos as persoas cada día en galego“, apunta Barro. E non se esquece de facer especial fincapé na xente máis nova, aquela na que recae o futuro da lingua. “Os rapaces irán alí onde atopen os recursos e servizos. Se non os hai en galego mudarán de forma máis clara cara a linguas onde si encontran esas facilidades”, insiste o director do CiTIUS. Só cabe dicirlle a Moraima que teña paciencia. Pronto, Siri, tamén a entenderá a ela.
Moi interesante este artigo
Oxalá esta iniciativa se faga realidade o mais axiña posible e asi darlle forza a nosa fermosa lingua