Traballar sentado en oficinas, teletraballar ou ver a televisión no tempo libre. Os datos sobre o sedentarismo en Galicia son claros: en todos os escenarios posibles, xa sexa no traballo ou no lecer, a prevalencia aumentou dende un 34,4% en 2011 ata un 40,9% en 2020. Estes datos foron recadados pola investigadora galega Julia Rey e o equipo da Área de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Universidade de Santiago (USC).
Aínda que na literatura científica non existe un consenso sobre o tempo que se debe estar sentado, reclinado ou deitado para ser considerado sedentario, o grupo de investigación estableceu un punto de corte nos 270 minutos. Isto significa que estar sentado máis de 4,5 horas ao día indica que unha persoa é sedentaria.
Para abordar esta investigación, analizaron os datos en tres situacións: a actividade principal (traballo ou clases, no caso dos estudantes), o tempo libre e, en xeral, en todos os escenarios. Os datos das comunidades autónomas analízanse neste último punto, ofrecendo distincións entre sexo ou idade.
A prevalencia do sedentarismo é alta, mais Galicia é unha das comunidades con menor taxa en comparación con outras, como Madrid, que ascende a un 68%. “Estamos mellor en comparación con outras, pero a prevalencia continúa a ser moi alta”, asegura a investigadora.
Aumento da prevalencia do sedentarismo
A fonte de información das prevalencias é a Enquisa Nacional de Saúde, que non proporciona datos de todos os anos. Están dispoñibles os do 2011, 2017 e 2020. A partir deles, o equipo observa unha tendencia: entre 2011 e 2017 case non houbo cambios nas taxas de sedentarismo, “o cambio abismal chegou entre o 2017 e o 2020, cun aumento notable”, explica Julia Rey.
Mais, cales poden ser os motivos detrás destas cifras? A investigadora suxire tres posibles explicacións. “Unha das claves é o rural”, di Rey, quen explica que a superficie rural de Galicia favorece que moita xente realice actividade física a través das tarefas do campo. En segundo lugar, o Produto Interior Bruto (PIB) está relacionado co sedentarismo: as comunidades cun PIB máis baixo, como Galicia, tenden a ter menos sedentarismo. Por último, Galicia mantén un nivel de actividade física moderado, que contrarresta en parte o sedentarismo.
Se se analiza a situación dende unha perspectiva de xénero, tamén se observa unha tendencia á alza, especialmente entre as mulleres. Mentres que a prevalencia entre os homes galegos aumentou do 36,8% ao 41%, entre elas mudou dun 32,3% a un 40,8%. Por que? A actividade principal é un dos factores que inflúe nas mulleres: “Iso débese a que comenzamos a acceder a postos de traballo de maior liderado, que xeralmente son máis sedentarios”, asegura a investigadora.
Diminución durante o tempo libre
“Durante o tempo libre, a prevalencia do sedentarismo está diminuíndo en ambos os sexos”, explica Julia Rey. En 2020, o sedentarismo no contexto da actividade principal foi do 38,4%, mentres que no lecer foi un 36,4%.
Mentres o sedentarismo na actividade principal aumentou dende o ano 1987, no tempo libre houbo “un descenso abismal”, asegura. En cifras, o descenso pasou do 55,5% ata o 36,4% actual. Polo tanto, este aumento xeral na prevalencia en España parece estar máis relacionado co ámbito laboral, aínda que o tempo libre tamén desempeña un papel importante.
Os traballos son cada vez máis automáticos e moitos son en oficinas ou a través do teletraballo, o que implica que as persoas pasan máis tempo sentadas. “Cambiou a panorámica laboral”, resume a investigadora. Con todo, hai un detalle que moitas veces non se considera: o sedentarismo e a actividade física son conceptos diferentes.
“Ti podes ser sedentario e moi activo físicamente”, asegura Julia. Ela mesma exemplifica que, ao pasar oito horas sentada diante do ordenador no seu traballo, supera o límite establecido das 4,5 horas. “Fago actividade física, mais xa son sedentaria”, declara.
As consecuencias
A saúde pública é un dos ámbitos nos que pode repercutir o sedentarismo. Este comportamento está asociado cun aumento no risco da mortalidade, caracterizado por un gasto de enerxía igual ou inferior a 1,5 equivalentes metabólicos (MET).
Estar sentado provoca diversos síntomas: a diminución da función vascular, unha redución do fluxo sanguíneo ou o aumento da presión arterial. “Aínda que non nos damos conta a medida que os sufrimos, estes van producindo danos”, explica. Isto dá lugar a problemas cardiovasculares e enfermidades metabólicas, tales como a diabetes, podendo provocar tamén obesidade e incluso cancro.
Para combater os efectos do sedentarismo, a Organización Mundial da Saúde (OMS) aconsella realizar calquera actividade física, mesmo lixeira, como pasear. Algúns estudos indican que realizar entre 60 e 75 minutos diarios de actividade física moderada eliminan o aumento do risco de mortalidade asociado a estar sentado máis de oito horas ao día.
Estratexias para reducir as cifras de sedentarismo
As elevadas cifras de sedentarismo preocupan. Por iso, Julia Rey informa: “Hai que pensar nas dúas perspectivas, a nivel laboral e de tempo libre”. Así, pódense desenvolver diversas estratexias para concienciar a poboación sobre os riscos e as posibles solucións.
No ámbito laboral, Julia lembra a campaña Móvete da Xunta de Galicia de 2018, dirixida a empresas para facer fronte ao sedentarismo laboral. Con todo, moitas non se enteraron da iniciativa e poucas a implementaron. “Unha gran difusión podería ser unha solución”, suxire, ademais de recomendar levantarse cada dúas horas para camiñar un pouco durante a xornada ou instalar mesas que permiten traballar de pé.
No tempo libre, a clave está en “fomentar a actividade física”. Aínda que cada vez máis persoas se animan a facer exercicio e deporte, o número das que pasan tempo sentadas é elevado. Por iso, é fundamental implementar iniciativas dende a Xunta que animen os cidadáns a moverse, como a redución dos prezos dos ximnasios.
E como afectou a covid ao sedentarismo? “Cambiou a nosa forma de vivir”, lembra Julia. En anos previos á pandemia, a xente desprazábase aos seus lugares de traballo, pero actualmente, “existe unha tendencia cara ao teletraballlo”. Será necesario esperar á próxima enquisa, prevista para o ano que vén, para comprobar se hai un aumento en comparación coas cifras de 2020.
Referencia: Evolución de la prevalencia de sedentarismo en la población española entre los años 1987 y 2020 (Publicado en Medicina Clínica)














