Sábado 20 Abril 2024

Estás sentado máis de oito horas ao día? Estes son os riscos do sedentarismo

Un estudo internacional demostra que aumenta a posibilidade de morte prematura e doenzas cardiovasculares nun 12%

Reunións que se estenden durante horas, descansos prolongados fronte á televisión ou longas viaxes en tren para chegar ao traballo. Son só algúns dos escenarios que contribúen a pasar a meirande parte do día sentado. Son moitos os estudos que ratifican os riscos do sedentarismo. Agora, unha investigación internacional revela que estar sentado entre seis e oito horas ao día aumenta o risco relativo de enfermidade cardíaca e morte prematura arredor dun 12% en comparación coas persoas que sentan menos de catro horas diarias. Esa porcentaxe pode incrementarse ata o 20% se son oito ou máis horas sentado.

O estudo, que analizou datos de máis de 100.000 persoas de 21 países, tamén demostrou que as persoas que viven en países de baixos ingresos sofren os peores efectos do sendentarismo. Malia que estar sentado se asociou a un maior risco de doenzas do corazón e de mortalidade en todas as poboacións estudadas, a súa relación foi aínda máis pronunciada en países como Bangladesh, India e Zimbabue. De feito, estar sentado máis de oito horas ao día en zonas de baixos ingresos deriva nun risco do 30% —sempre en relación con aquelas persoas que pasan catro ou menos horas sentadas—.

Publicidade

Clara redución da actividade física

Desta maneira, o estudo demostra que a redución da actividade física está claramente estendida ao longo do mundo, malia que os riscos sexan maiores nas zonas máis pobres. É difícil determinar o porque desta diferenza. “Podería explicarse en parte polos diferentes patróns de comportamento segundo os diferentes niveis de ingresos”, din os investigadores no estudo. “Pasar tempo fronte á televisión é máis común entre persoas con posicións socioeconómicas máis baixas e isto mostrou unha asociación máis forte cos resultados en comparación con outros comportamentos sedentarios”, explican.

Unha das formas de reverter estes riscos é, evidentemente, facer máis exercicio. De feito, os investigadores descubriron que a inactividade causa unha mortalidade semellante ao tabaco, cunha porcentaxe lixeiramente inferior. “Para aqueles que están sentados máis de catro horas ao día, reemprazar media hora de estar sentado con exercicio reduciu o risco nun 2%”, apunta Scott Lear, investigador na Universidade Simon Fraser, en Canadá. “Hai unha oportunidade real para que as persoas aumenten a súa actividade e reduzan as posibilidades de morte prematura e enfermidades cardíacas”, engade.

Porén, volve haber grandes diferenzas entre os países. Os investigadores concluíron que facer exercicio é un reto maior naquelas zonas con baixos ingresos, con menos acceso a áreas axeitadas para a realización de actividade física e con menos oportunidades para administrar o tempo de acceso ao exercicio. Do que non cabe dúbida é de que cada vez somos máis sedentarios e debemos esforzarnos máis por erguernos da cadeira e movernos. Un xesto que melloraría indubidablemente a nosa calidade de vida.


Referencia: Association of Sitting Time With Mortality and Cardiovascular Events in High-Income, Middle-Income, and Low-Income Countries (Publicado en JAMA Cardiology)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A UVigo lanza unha serie de podcast para concienciar sobre as doenzas cardiovasculares

As actividades, organizadas dentro do plan 'Ciencia de ida e volta', inclúen charlas en colexios e institutos

A infección polo virus do papiloma aumenta o risco de morte cardiovascular en mulleres

Investigadores coreanos constatan que as persoas infectadas coas cepas máis agresivas teñen máis posibilidades de falecer por un derrame cerebral

Uns 4.000 pasos diarios alcanzan para mellorar a saúde

Un estudo internacional demostra que canto máis se camiña, menor é o risco de morte, aínda que apenas se dean 3.967 pasos cada día

Estudan o poder da meditación para frear o alzhéimer e enfermidades cardiovasculares

A evidencia suxire que a práctica da atención plena mellora a concentración, a memoria, reduce a depresión e afeccións crónicas