Cada vez máis estudos asocian a falta de diversidade nas nosas bacterias intestinais cunha maior gravidade doutra doenzas. Unha revisión desenvolvida por científicos da Universidade de Georgetown, en Estados Unidos, revela que un microbioma menos diverso está relacionado con maior risco de morte e hospitalización nos pacientes con insuficiencia cardíaca. Os resultados da investigación acaban de ser publicados na revista Heart Failure Reviews.
Un ecosistema variado
Máis polo miúdo, o microbioma intestinal é un ecosistema composto principalmente de bacterias, así como de virus, fungos e protozoos. Para analizar e describir a súa relación coas enfermidades cardiovasculares —unha das principais causas de morte en todo o mundo— os investigadores fixeron unha revisión dos estudos científicos publicados sobre este tema nos últimos sete anos. Máis especificamente, centraron a súa atención nun metabolito nocivo, o N-óxido de trimetilamina (TMAO), que pode producirse ao consumir produtos lácteos enteiros, xemas de ovo e carne vermella.
“Para diagnosticar e controlar a insuficiencia cardícada baseámonos en certos achados e resultados de probas, pero non sabemos como a función cardíaca deficiente inflúe nas actividades do intestino, incluída a absorción de alimentos e medicamentos”, di a profesora Kelley Anderson, autora do estudo. “Agora existe unha relación de ida e volta entre o corazón e o intestino, xa que o os sistemas non funciona de maneira illada: a saúde dun pode influír directamente noutro, pero aínda non está claras as conexións”, engade a investigadora.
Máis de 500 artigos analizados
O equipo da Universidade de Georgetown analizou 511 artigos publicados entre 2014 e 2021 que conectaban o microbioma coa insuficiencia cardíaca, centrando a súa atención nos 30 artigos máis relevantes. Nos últimos anos, grazas ao avance nas tecnoloxías, en especial das ferramentas que poden examinar de preto as funcións biolóxicas do ADN e o ARN no corpo, proporcionaron información máis detallada sobre a relación intestino-corazón. Malia que os investigadores non determinaron os efectos da dieta na interacción microbioma-sistema cardiovascular, si acharon que a nutrición é un compoñente importante e instan a seguir investigando nesta liña.
De cara a posibles intervencións para mitigar os impactos negativos do microbioma na enfermidade cardíaca, Anderson anotou que hai estudos en curso que avalían o uso de antibióticos, prebióticos e probióticos, todo eles con capacidade para afectar o microbioma, así como outros elementos intestinais que se adhiren e axudan a transportar os elementos nocivos fóra do intestino.
Referencia: The heart and gut relationship: a systematic review of the evaluation of the microbiome and trimethylamine-N-oxide (TMAO) in heart failure (Publicado en Heart Failure Reviews)