Venres 19 Abril 2024

Unha ferramenta da UVigo mide a vulnerabilidade das áreas mariñas ao cambio climático

Investigadoras do Future Oceans Lab confirmaron como afecta ás especies, hábitats e usuarios das zonas protexidas do Mediterráneo

Hai dous anos, investigadoras de Future Oceans Lab, lideradas pola súa responsable, Elena Ojea, xunto coa docente e investigadora de Departamento de Dereito Público Laura Movilla, convertíanse nas representantes da UVigo no proxecto internacional Interreg Mediterráneo Engaging Mediterranean key actors in Ecosystem Approach to manage Marine Protected Areas to face Climate change (MPA-Engage).

Coordinado polo Institut de Ciències del Mar del Consejo de Investigación Español (CSIC) e coa participación doutras 14 institucións europeas, o proxecto centrouse durante 24 meses en dar soporte e promover a función das áreas mariñas protexidas para a adaptación e mitigación dos impactos do cambio climático, deseñando plans de adaptación para as Áreas Mariñas Protexidas (AMPs) do Mediterráneo de Brijuni (Croacia), Portofino (Italia), Calanques (Francia), Zakynthos (Grecia), Karaburuni (Albania), Cap de Creus (España) e Tavolara Punta Coda Cavallo (Italia).

Publicidade

As investigadoras viguesas encargáronse de avaliar a vulnerabilidade socio-ecolóxica das Áreas Mariñas Protexidas, traballando directamente cos seus xestores, aos que lles proporcionaron unha nova ferramenta para coñecer a vulnerabilidade das súas respectivas zonas protexidas ao cambio climático. “Trátase dunha ferramenta web que desenvolvimos no proxecto para que dunha maneira rápida e sinxela puideran levar a cabo o estudo de vulnerabilidade das súas áreas, e que este sirva para deseñar plans específicos de adaptación”, detalla a investigadora do CIM-UVigo Elena Ojea en relación co traballo realizado ao longo destes dous anos, nos que, a pesares da pandemia, acadaron todos os obxectivos previstos.

Monitoraxe, ciencia cidadá e plans de adaptación, completan xunto con vulnerabilidade, as actividades de MPA-Engage

“No caso da vulnerabilidade, conseguimos que todas as áreas mariñas do proxecto realizaran a súa avaliación coa metodoloxía proporcionada e cos resultados construímos unha ferramenta web para a súa visualización e interacción de resultados”, explica Francesca Barazzetta, investigadora  do proxecto MPA-Engage no Future Ocean Labs.

Monitoraxe, ciencia cidadá e plans de adaptación, completan xunto con vulnerabilidade, as actividades de MPA- Engage, cuxos participantes, xunto aos do tamén proxecto Interreg Mediterranean MPA Networks, celebraron recentemente en Palma e Barcelona un evento conxunto de peche, no que se presentan resultados, comparten solucións e identifican prioridades.

Vulnerabilidade de especies, de hábitats e de usuarios

Ademais de demostrar que a vulnerabilidade dunha área protexida ten que ser entendida, tanto dende un punto de vista ecolóxico, como social, as investigadoras da UVigo concluíron logo de meses de traballo que este tipo de análise é aplicable a todos os espazos protexidos, adaptándose á cantidade de datos e á información da que se dispoña.

Así mesmo, este traballo de investigación tamén permitiu confirmar a elevada vulnerabilidade ao cambio climático en todas as áreas de especies coma Pinna nobilis, Paramuricea clavata, Corallium rubrum, Eunicella cavolini, Cladocora caespitosa e Savaglia savagli. “Ademais os hábitats de Posidonia oceánica e de corais teñen alta o moi alta vulnerabilidade tamén en numerosos espazos protexidos”, sinala Francesca Barazzetta, que tamén apunta que en termos de usuarios das áreas, son os bucios e os sectores náuticos os asociados con maiores niveis de vulnerabilidade aos impactos do cambio climático.

“Para o noso grupo participar no proxecto MPA-Engage foi unha grande oportunidade, porque nos permitiu ampliar a nosa rede de colaboradores e abrir unha xanela na investigación do Mediterráneo”, asegura Julia Ameneiro, xestora de Future Ocean Lab, que considera especialmente enriquecedor poder traballar directamente cos xestores das AMPs.

Un Mediterráneo que se quenta tres veces máis rápido que o resto de océanos

En canto ás conclusión xerais do proxecto MPA-Engage, o Mediterráneo confírmase como unha da zonas máis afectadas polo cambio climático.“Estase a quentar tres veces máis rápido do que o fan o resto dos océanos. Neste contexto, vimos que as AMPs xogan un papel fundamental contra o cambio climático, tanto polo seu rol como solución baseada na natureza, como pola importancia de adoptar estas ferramentas de conservación para que sigan sendo eficientes”, explica a responsable de Future Ocean Lab, que afirma que, para que a loita sexa efectiva cómpre traballar xuntos para discutir as solucións e identificar accións prioritarias.

Así mesmo ,as ferramentas de monitoraxe, vulnerabilidade, ciencia cidadá e plan de adaptación, útiles para a toda a rede de AMPs do Mediterráneo, consideran os investigadores que permitirán chegar máis aló do proxecto, para que sexa toda a rede de reservas a que promova estratexias de adaptación e mitigación fronte ao cambio climático, que permitan aumentar a resiliencia do mar e as súas actividades e servizos.

Aínda que o proxecto chegou ao seu fin e non está previsto que teña continuidade, Elena Ojea e Julia Ameneiro consideran que “se fixo moi boa rede de traballo que permitirá seguir colaborando e traballando en obxectivos comúns, como a protección e conservación do Mediterráneo, identificado xa como unha das áreas máis afectadas polo cambio climático”, sinalan.


Podes ler a noticia do DUVI na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As feces dos osos da cordilleira Cantábrica falan… e teñen boas noticias

Un estudo no que participa a USC investiga o estado actual de saúde destes exemplares para impulsar a recuperación das poboacións

Descobren características do VIH compatibles coa súa curación

Científicos de Sevilla estudaron a persoas cuxo organismo é capaz de dominar o virus sen necesidade de tomar un tratamento antirretroviral

O CSIC acha unha combinación de fármacos eficaz fronte ao SARS-CoV-2

A unión de ribavirina e remdesivir consegue eliminar de forma rápida o virus ao inducir un exceso de mutacións no seu xenoma que lle impiden multiplicarse con eficacia

Máis do 90% das crías de pardela cincenta teñen plásticos no estómago

Un estudo en exemplares xuvenís de Canarias e Azores apunta a esta especie como un biomarcador de refugallos flotantes no Atlántico norte