Minidepuradoras especializadas: a proposta galega fronte aos contaminantes emerxentes

O proxecto Presage, no que participa a USC, proba en Porto do Molle plantas máis pequenas e económicas que aproveitan o potencial enerxético das augas negras

A diario, cantidades inxente de compoñentes residuais procedentes das urbes son tratados e filtrados en plantas depuradoras. Porén, en moitos casos, os custos económicos e enerxéticos derivados destas tecnoloxías de depuración supoñen un problema de financiamento para os países. Ante este escenario xurdiu en 2021 o proxecto internacional Presage, no que participa como coordinador o grupo de Biotecnoloxía Ambiental do Centro Interdisciplinar de Investigación en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS), da Universidade de Santiago de Compostela (USC), xunto con 6 grupos de diferentes países: Dinamarca, Brasil, Portugal, Alemaña e Francia.

O proxecto está centrado no estudo dos microcontaminantes e dos contaminantes “emerxentes”, como son os antibióticos ou os virus, presentes nas augas potables, residuais e do medio natural. Deste modo, os investigadores están a desenvolver e probar diferentes plantas de tratamento de augas residuais, para medir a cantidade de substancias antibióticas a ecotoxicidade presente nas mesmas.

Publicidade

Francisco Omil, catedrático de Enxeñaría Química e investigador do proxecto, foi o presidente do comité organizador da 12º Conferencia Micropol & Ecohazard, celebrada recentemente en Santiago, e que reuniu a 300 especialistas no tratamento de augas de ata 41 países dos 5 continentes. Neste encontro, presentaron os principais avances realizados neste campo, como a construción de dúas plantas descentralizadas nas oficinas de Porto do Molle, en Nigrán, para o tratamento e separación de augas negras e grises procedentes dos edificios.

“As augas negras conteñen materia orgánica e, polo tanto, un contido importante de enerxía que se pode aproveitar para producir biogás”

Francisco Omil, investigador do CRETUS, da USC.

“En Porto do Molle estamos tratando as augas de forma separada. As augas negras son as que veñen do váter (feces e ouriña) e as grises son as que veñen das duchas, lavado de mans”, explica Fernando Omil. “Estamos acostumados a tratar todos os compoñentes das augas residuais xuntos, pero as características son moi diferentes”, engade. Mentres que as augas negras conteñen, na súa maioría, materia orgánica e, polo tanto, un contido importante de enerxía que se pode aproveitar para a produción de biogás, as grises contan cun nivel de contaminación máis baixo, agás algunhas substancias fragantes e con moi pouca materia orgánica, xustifica así o investigador. “Polo tanto, o tratamento destas augas grises debe ser menos intensivo que o das negras”, engade. Ademais, mediante a separación da ouriña, rica en nitróxeno, tamén se conseguiría reutilizar as augas como fertilizante, feito que xa se está probando en varios países europeos.

Publicidade

Francisco Omil é un dos investigadores do proxecto internacional, pertenente ao centro CRETUS, da USC
Francisco Omil é un dos investigadores do proxecto internacional, pertenente ao centro Cretus, da USC

Un dos problemas principais que aborda este proxecto é o derivado da mestura da auga limpa, procedente da chuvia, e da contaminada, xerada nas urbes. Este un aumento do caudal que chega ás plantas depuradoras complica o proceso de filtración e obriga a que estas tecnoloxías sexan máis grandes, e por conseguinte, máis caras. “O que pretendemos facer son plantas máis pequenas, confeccionadas a medida, máis eficientes e sobre todo máis baratas”, expón o experto. “Estamos xerando augas residuais moi custosas de tratar, o tratamento centralizado actual require de instalacións que supoñen gastos moi grandes e que ocupan moito espazo físico”, engade.

Neste sentido o proxecto Presage levou a cabo varios ensaios para probar o tratamento descentralizado das augas en varios hospitais. En Galicia, hai uns anos, deseñouse unha planta piloto no hospital de Santiago, coa fin de realizar estudos sobre a capacidade desta innovadora tecnoloxía de eliminar, non só os fármacos convencionais presentes nas augas residuais, senón calquera substancia orgánica, sólido ou nutriente nas mesmas. “Nos hospitais contamos con augas non moi diferentes ás augas residuais urbanas, mais cunha maior concentración de substancias farmacéuticas“, expón Omil.

“Temos que entender que os nosos residuos son un valor reutilizable e non só algo desagradable do que temos que desfacernos”

Francisco Omil, investigador do CRETUS, da USC.

Xunto cos hospitais, a industria tamén supón para os investigadores un dos puntos clave onde comezar a aplicar nas cidades a descentralización do tratamento das augas residuais. “Cae de caixón que a industria teña a súa propia depuradora, sempre é mellor tratar as augas no propio lugar onde se xeran porque a concentración destes compoñentes residuais é maior. Porén, en moitos casos, as industrias chegan a acordos coa depuradora municipal para que esta trate as súas augas”, comenta o experto.

No norte de Europa a separación das augas e a descentralización das plantas depuradoras é máis habitual e está sendo aplicado con maior intensidade que noutros países como España, onde a abundancia destes sistemas son aínda un proxecto de futuro. “Algúns países do norte teñen tazas de váter con dous buracos, un para a ouriña e outro para as feces. Temos que entender que os nosos residuos son un valor reutilizable e non só algo desagradable do que temos que desfacernos, estamos falando de auga e enerxía“, alega Francisco Omil.

Unha solución sostible e máis económica

O primeiro que se debería facer, explica Omil, sería colocar depuradoras descentralizadas, polo menos, nos puntos principais como hospitais, polígonos industriais, grandes edificacións… Ao mesmo tempo, deberíamos camiñar cara a un modelo de urbanismo diferente, seguindo os pasos europeos, onde non mesturemos as augas residuais coas da choiva. “Hai que ir pouco a pouco, evidentemente, porque non podemos levantar todas as cidades, habería que planificalo de cara ao futuro e iso é o que estamos comezando a facer con este proxecto”, di o investigador.

Neste momento, o proxecto internacional Presage está a finalizar o primeiro dos tres anos que ten de duración coa posta en marcha da planta depurativa de Porto do Molle. “Estamos encarando a parte máis importante do proxecto. O primeiro ano conclúe con todas as plantas descentralizadas do estudo en funcionamento, agora toca comparar resultados e discutir o futuro destas tecnoloxías cos demais países. A iniciativa levada a cabo en Porto do Molle é moi interesante e moi importante”, explica Omil. “En Galicia actualmente contamos cun sistema bastante bo de tratamento de augas pero deberíamos seguir avanzando na súa mellora e na redución dos seus custes”, engade.

O desafío de Presage é o de enfrontarse a un caudal cambiante, uns custos crecentes e unha situación preocupante

Por outra parte, a crise enerxética actual resalta máis ca nunca a necesidade de buscar solucións menos custosas, como a proposta neste proxecto internacional na que, entre outras cousas, se pretende transformar os compostos orgánicos das augas residuais en enerxía renovable. “Estamos tratando de forma diferenciada as augas para a produción de biogás, das augas negras, e a eliminación da pouca contaminación presente nas augas grises para reutilizala como rego dos xardíns, por exemplo”, conta o Francisco Omil.

Deste modo, o desafío actual de Presage é o de enfrontarse a un caudal cambiante, uns custos crecentes, así como unha situación preocupante provocada pola presencia de contaminantes emerxentes nas augas, entre os que destacan as substancias antibióticas, como consecuencia do excesivo uso de fármacos nas urbes. “Todos os medicamentos que tomamos se excretan ao medio pola ouriña e as feces”, comenta Omil. “Por conseguinte, o medio reacciona a estas substancias xerando bacterias resistentes aos antibióticos e se as nosas armas contra as enfermidades se debilitasen, teríamos un problema moi gordo”, engade.

O papel da cidadanía

Francisco Omil explica que a cidadanía tamén pode contribuír a mellorar e as fraquezas do sistema de tratamento de augas dende as súas casas. “O primeiro paso sería tomar conciencia social e transmitir aos gobernos que este é un problema que lles afecta e lles preocupa”, comenta o experto. “Pero para isto é preciso que a sociedade comprenda que a auga non é recurso abundante nin gratuíto“, engade.

Entender que o tratamento das augas residuais é algo necesario, tamén axudaría, entre outras cousas, a coidar o medio ambiente. “Debemos contaminar as augas o menos posible evitando, por exemplo, tirar fármacos polo váter, para evitar que acaben na nosa contorna natural”, explica Omil. No caso de Galicia, a cantidade crecente de lodo derivado das acumulacións de augas residuais na ría, está xerando un ambiente nocivo tanto para a nosa saúde como para as especies que alí habitan.

Ademais, o investigador explica que a potabilidade da auga tamén resulta un proceso de filtración custoso pero imprescindible para a nosa vida. Nalgúns países como é o caso de Estados Unidos, a cidadanía non conta con unha rede de auga limpa, que permite que en cada casa haxa unha billa de auga de calidade, lista para ser consumida. “En España si o temos e non o valoramos, non estamos dispostos a pagar pola auga, moléstanos. Se nos falta a auga fáltanos todo, fáltanos a vida”, resalta o investigador. “Ata fai 100 anos a auga era un vehículo de enfermidades, beber auga enfermaba á poboación, non somos conscientes da marabilla que temos”, conclúe.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Do formigón de Ourense aos parques de Santiago: un estudo contrasta os dous modelos de zonas verdes

A cidade do sur galego é unha das tres con peor cobertura, con 4,6 metros cadrados por habitante, moi por debaixo da media de 14,15

Un estudo da USC valida novos sistemas para eliminar contaminantes emerxentes nas augas residuais

A tese de Matías Rivadulla demostrou que algúns métodos innovadores permitiron eliminar máis do 90% dalgúns compostos farmacéuticos

Identificados novos factores xenéticos da fatiga persistente tras a radioterapia por cancro de próstata

Un estudo publicado en 'Nature Communications' e con participación galega descobre unha variante no xene ACTR3 asociada a un risco tres veces maior de desenvolver a sintomatoloxía despois do tratamento

Gumersindo Feijoo: “Os nosos fillos e netos vivirán menos se abandonan a dieta atlántica”

O catedrático de Química da USC e director científico do CRETUS ingresa na Real Academia Galega de Ciencias