Galicia é cada vez máis sedentaria. Así o puxo de manifesto un estudo da Universidade de Santiago (USC) en 2024 sobre a evolución da prevalencia do sedentarismo na poboación galega. Un dos datos máis salientables do informe revela que a porcentaxe de persoas que permanecen sentadas máis de 4,5 horas ao día aumentou un 6,5% entre 2011 e 2020. Este fenómeno pode analizarse agora con maior detalle grazas ao Observatorio de Saúde Pública de Galicia, que permite comparar a situación segundo as distintas áreas sanitarias. Neste sentido, a área de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras presenta a maior prevalencia de sedentarismo, cun 40,42% da poboación afectada en 2024.
O indicador empregado neste portal mide a porcentaxe de persoas que, ao longo dunha semana, realizan un gasto enerxético igual ou inferior a 1.000 quilocalorías nas actividades de lecer. Segundo este criterio, a prevalencia total de sedentarismo en Galicia sitúase no 36,60%, sendo máis elevada entre as mulleres ca entre os homes.
Os datos proceden do Sistema de Información sobre Condutas de Risco en Galicia (SICRI) e baséanse en información autodeclarada por persoas de 16 ou máis anos. A recollida realízase mediante enquisas telefónicas anuais á poboación residente en Galicia, que permiten facer un seguimento continuado dos hábitos de vida.
División por áreas sanitarias
Aínda que a área sanitaria de Ourense se sitúa como a máis afectada polo sedentarismo, as diferenzas entre as sete áreas sanitarias de Galicia non son especialmente acusadas. A segunda maior prevalencia rexístrase na área de Ferrol, cun 39,05%, seguida pola de Pontevedra e O Salnés, que ocupa o terceiro posto cun 38,55%.
En xeral, os datos móvense nunha franxa comprendida entre o 30 e o 40%. Santiago de Compostela e Barbanza presentan unha prevalencia de 37,98, moi próxima á da área sanitaria de Lugo (Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos), cun 36,91%.
Por debaixo do 35% sitúanse as áreas sanitarias de Vigo, cun 34,45%, e da Coruña, que rexistra a menor prevalencia do sedentarismo en Galicia, cun 34,18%.
As adolescentes galegas teñen hábitos sedentarios?
Segundo datos do Observatorio de Saúde Pública de Galicia, a prevalencia do sedentarismo varía en función da idade, seguindo o ciclo de vida. Mozos e mozas entre 16 e 24 anos presentan a menor prevalencia, dada a vitalidade, cun 25,61%, cifra que aumenta progresivamente ata alcanzar o 44,36% no grupo de 65 anos ou máis.
Con todo, unha análise máis detallada revela outras dimensións do problema na mocidade. Un estudo realizado polas universidades de Vigo e A Coruña, baseado en cuestionarios a 430 alumnas de sexto de primaria e dos tres primeiros cursos da ESO, detectou que o 72% eran sedentarias. Paradoxicamente, o 67% destas rapazas considerábanse activas e un 32% definíase como moi activa. Estes resultados evidencian un problema de percepción sobre a actividade física real que realizan as mozas galegas.
Como combater o sedentarismo?
A saúde pública é un dos ámbitos nos que pode repercutir o sedentarismo. Este comportamento está asociado cun aumento no risco da mortalidade, caracterizado por un gasto de enerxía igual ou inferior a 1,5 equivalentes metabólicos (MET).
Estar sentado provoca diversos síntomas: a diminución da función vascular, unha redución do fluxo sanguíneo ou o aumento da presión arterial. Isto dá lugar a problemas cardiovasculares e enfermidades metabólicas, tales como a diabetes, podendo provocar tamén obesidade e incluso cancro.
Para combater os efectos do sedentarismo, a Organización Mundial da Saúde (OMS) aconsella realizar calquera actividade física, mesmo lixeira, como pasear. Algúns estudos indican que realizar entre 60 e 75 minutos diarios de actividade física moderada eliminan o aumento do risco de mortalidade asociado a estar sentado máis de oito horas ao día.
Podes consultar os datos sobre o sedentarismo do Observatorio de Saúde Pública de Galicia na seguinte ligazón.













