A exposición ao radon causa entre o 10% e o 15% dos casos de cancro de pulmón en Galicia e atribúenselle ata o 7% das defuncións por este tipo de tumor. A Consellería de Sanidade cualifica estes datos como “un importante problema de saúde pública”. Dado que Galicia é a comunidade autónoma máis afectada polo radon debido á súa composición xeolóxica, a Dirección Xeral de Saúde Pública presentou esta mañá o plan Estratexia Galega Reduce Radon, coa que pretenden reducir os niveis de exposición a este gas entre 2025 e 2030.
Cinco puntos clave
Segundo precisou o conselleiro, Antonio Gómez Caamaño, a iniciativa artellarase ao redor de cinco eixos de actuación nos que se desenvolveran medidas específicas. En primeiro lugar, buscarase identificar os niveis deste gas en distintos lugares da comunidade para facilitar o deseño de medidas de protección colectivas. Para isto, realizaranse medicións en centros educativos e sanitarios, fomentando tamén a medición dos fogares e centros de traballo privados.
O segundo dos eixos centrarase na vixilancia epidemiolóxica e da saúde para orientar dun xeito máis eficaz a prevención de riscos e realizar así unha planificación e avaliación sanitaria. Con esta finalidade, implantarase un novo sistema de recollida de información sobre a exposición ao radon para, de seguido, incorporalo á historia clínica dos pacientes.
Outro dos apartados fundamentais que contempla a estratexia será a xestión do coñecemento sobre os efectos na saúde deste gas, co ánimo de conseguir a integración de todos os sectores implicados, procurando solucións holísticas. Nesta liña, impulsarase a investigación interdisciplinar en colaboración coas universidades galegas.
En cuarto lugar, prestarase especial atención ao desenvolvemento dunha comunicación eficaz co deseño dun plan informativo sobre os riscos para a saúde, e para o que se elaborarán novas guías para reducir a exposición nas edificacións máis vellas. E, por último, o quinto eixo atenderá a xestión do risco da exposición ao radon coa creación dunha comisión interdepartamental que, adscrita á Dirección de Saúde Pública, coordinará todas as políticas públicas vencelladas a esta temática.
Creación da Oficina Técnica de Control do Radon
Durante o acto desta mañá, Gómez Caamaño tamén avanzou que a Xunta ten previsto crear a Oficina Técnica de Control do Radon, un ente que se encargará de poñer en marcha todas as medidas anteriormente citadas. A estratexia insírese dentro da liña de acción global que está a levar a cabo a Xunta para combater o cancro de pulmón, e na que destacan iniciativas como o Plan Inspira Saúde ou o proxecto piloto do cribado poboacional de cancro de pulmón. Todas estas actuacións, incidiu o conselleiro de Sanidade, perseguen un obxectivo claro, como é o “reducir as taxas do cancro de pulmón en Galicia”, ao tempo que “se protexe a saúde dos cidadáns e se mellora a súa calidade de vida”.