Científicos galegos crean unha ferramenta dixital para mellorar a sostibilidade da pesqueira do ourizo de mar

A creación do CIM-UVigo permite identificar riscos que afectan ao futuro do recurso mariño, actualmente en situación crítica

O CIM-UVigo alíase coas confrarías para crear unha ferramenta dixital que mellora a sostibilidade da pesqueira do ourizo de mar. O autor principal do estudo é o investigador do grupo Future Oceans Lab do Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo Haritz Ayarza, que deseñou o primeiro índice integral de sostibilidade para avaliar a pesqueira artesanal do ourizo de mar en Galicia. Esta ferramenta, xerada mediante un proceso de co-creación, permite identificar riscos ecolóxicos, sociais, económicos e de gobernanza que afectan ao futuro deste recurso, que se atopa actualmente en situación crítica.

O desenvolvemento do índice forma parte do proxecto SOST-Erizo, promovido polo programa Redemar da Xunta de Galicia, que fomenta a colaboración entre o sector pesqueiro e os organismos científicos galegos para compartir coñecementos, identificar necesidades e buscar solucións conxuntas aos retos do sector.

Publicidade

A pesca do ourizo de mar é unha das máis importantes do litoral galego, pero tamén unha das máis vulnerables, xa que, como explica Haritz Ayarza, “atravesa un momento crítico, con sinais claros de sobreexplotación e unha gran dependencia económica do recurso”. Por este motivo, o investigador do CIM considera que “existía unha clara necesidade de contar con ferramentas específicas que permitisen avaliar a súa sostibilidade de forma integrada”. Así, cubren un baleiro ofrecendo un instrumento adaptado á realidade galega.

Xunto con Ayarza, asinan o estudo Elena Ojea, Julia Ameneiro e Juan Bueno-Pardo, do Future Oceans Lab, xunto con Iratxe Rubio e Elena Fontán, de Mareira Bizi Sociedade Cooperativa Galega, e Pedro Cuíñas, do Centro de Investigacións Mariñas (CIMA).

Publicidade

Identificar riscos mediante a co-creación

O índice desenvolveuse mediante un proceso participativo con dúas confrarías, unha do norte e outra do sur de Galicia, a través de catro obradoiros de traballo. Os pescadores actuaron como socios do proxecto e participaron activamente na selección, definición e validación dos 19 indicadores que compoñen a ferramenta. “Os pescadores non só achegaron información, senón que orientaron as decisións metodolóxicas e axudaron a garantir que o índice reflectise fielmente a realidade do día a día da pesqueira”, subliña Haritz Ayarza. 

O estudo mostra que a sostibilidade da pesqueira depende de moitos máis factores que a abundancia do ourizo. “Entre os principais riscos detectados atópanse un declive significativo do recurso percibido de forma xeneralizada e a elevada presión extractiva asociada á demanda comercial”, afirma o investigador. Ademais, atopáronse debilidades de gobernanza, especialmente en aspectos como a participación en decisións e a coordinación dentro das confrarías, así como conflitos internos entre colectivos que afectan á cohesión do sector e desigualdades de xénero que dificultan a capacidade de adaptación das mariscadoras. “Unha das sorpresas máis relevantes foi comprobar que a dimensión de gobernanza explicaba máis diferenzas entre confrarías que os factores ecolóxicos”, subliña.

Ferramenta transferible

O índice permite avaliar de forma integrada a situación dunha pesqueira artesanal e priorizar accións de mellora. O seu deseño dixital e participativo facilita o seu uso na revisión de plans de explotación, na monitorización de cambios ecolóxicos e socioeconómicos, na identificación de tensións internas ou desigualdades emerxentes, así como no fomento do diálogo entre administración, sector e comunidade científica. A ferramenta é facilmente adaptable a outras pesqueiras artesanais de Galicia e a territorios con características similares.

O estudo tamén subliña o valor do coñecemento ecolóxico local e a necesidade de procesos colaborativos continuados para mellorar a xestión pesqueira. “A presenza continuada, a transparencia e a reciprocidade son esenciais para avanzar cara unha xestión máis xusta e sostible”, apunta.

Esta ferramenta foi xerada mediante un proceso de co-creación con pescadores e confrarías. Foto: DUVI
Esta ferramenta foi xerada mediante un proceso de co-creación con pescadores e confrarías. Foto: DUVI

Este traballo tamén ofrece aprendizaxes fundamentais para futuras iniciativas de xestión sostible. Concretamente, evidencia que o coñecemento ecolóxico local é fundamental para comprender correctamente o funcionamento do ecosistema e que a participación activa do sector aumenta a lexitimidade das ferramentas, facilitando a súa adopción real. Ademais, os procesos colaborativos permiten visibilizar desigualdades internas, tensións históricas e necesidades do sector que doutro modo pasarían desapercibidas. En definitiva, a confianza só se constrúe mediante presenza continuada, transparencia e reciprocidade, e non se alcanza con proxectos puntuais.


Referencia: Opportunities and barriers identified during the co-creation of a sustainability index for small-scale fisheries (Publicado en ICES Journal of Marine Science)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha noite máxica: estas son as imaxes da eclipse do 12 de agosto en Galicia

O evento congregou grandes grupos de persoas tanto dentro da franxa de totalidade como na de parcialidade

Un 12 de agosto histórico: a eclipse total que escureceu o día en Galicia

Miles de persoas levantaron a vista ao ceo e sentiron o silencio e frío que acompañaron os minutos nos que a Lúa ocultou por completo o Sol

EN DIRECTO | A Coruña vive a eclipse entre nubes, cunha coroa solar apenas visible

A totalidade durou un minuto e 16 segundos na cidade, mentres que noutros puntos de Galicia, como Sigüeiro, durou menos con ceos despexados

Galicia vivirá unha xornada astronómica única: o máximo das Perseidas chega tras a eclipse total de Sol

As condicións serán favorables para contemplar ata 200 meteoros por hora durante a noite do 12 ao 13 de agosto, con nubosidade prevista no norte da comunidade