Son 17 elementos que fan posible a revolución tecnolóxica que estamos a vivir e xeran, ao tempo, tensións xeopolíticas en medio mundo. Están en moitos dos aparellos que nos rodean: nos auriculares, nos coches híbridos, nas resonancias magnéticas que se realizan para detectar cancro e ata nos billetes, para evitar falsificacións. E en máis cousas estarán, en canto a electrónica siga avanzando. As aplicacións das terras raras, polas súas propiedades (moi bos condutores de electricidade e imáns, entre outras) xa están marcando un antes e un despois na historia do humanidade.
Escandio, itrio, lantano, cerio, praseodimio, neodimio, prometio, samario, europio, gadolinio, terbio, disprosio, holmio, erbio, tulio, iterbio e lutecio; 17 nomes dun mundo apaixonante no que se mergullou o científico do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC, Ricardo Prego, nun libro que acaba de publicar, editado polo CSIC e Libros de la Catarata.
“Dependemos destes metais pero poucas personas escoitan falar deles. En Xapón ou Corea do Sur si que se fala máis, porque son vitais para a súa industria tecnolóxica, pero aquí apenas os coñecemos”, conta Prego. “Están omnipresentes na sociedade de alta tecnoloxía na que vivimos. Poderiamos dicir que estamos na Idade das Terras Raras, tal e como estivemos unha idade de Bronce ou de Ferro”.
O investigador do CSIC percorre a historia das terras raras a través de catro capítulos e 144 páxinas. A portada é unha imaxe dun chisqueiro baseado na aleación de ferro con algunhas terras raras (cerio e lantano, entre outros) inventado, como lembra o científico galego, polo científico Carl Auer von Welsbach, tamén creador da camisa incandescente coa que se alumearon as cidades en Europa ata a chegada da luz eléctrica, e tamén baseada en torio ou cerio.
A orixe das terras raras

No primeiro capítulo lémbrase o achado deste grupo de elementos en Ytterby, unha vila sueca en cuxa mina se atoparon algunhas das primeiras terras raras, e que foron bautizadas en homenaxe ao lugar (erbio, iterbio, itrio e terbio). Foi alí onde se deron os primeiros pasos no estudo de elementos que tamén foron clave no desenvolvemento da enerxía atómica, por exemplo.
As súas peculiaridades obrigaron tamén a buscarlles un sitio na táboa periódica, segundo conta Ricardo Prego noutro dos capítulos, “xa que son compostos moi parecidos, e foi un traballo apaixonante”. Así, 15 das 17 terras raras (agás o escandio e o itrio) forman parte do grupo dos lantánidos, un dos grupos de elementos de transición interna que se adoitan situar á marxe do corpo da táboa, na zona inferior. O investigador galego tamén explica no libro como se encadraron na obra iniciada por Mendeleev.
As aplicacións das terras raras
“Nun coche híbrido hai arredor de 11 quilos de terras raras: son precisas para que funcionen as baterías, os imáns que hai nos motores, etc.”, explica Prego. É un dos exemplos dos usos cotiáns destes elementos. Outro é o do gadolinio, “que se inxecta en vea para usar como contraste nas resonancias magnéticas e detectar tumores”, ou o neodimio, presente nos auriculares.
Un mineral de tanto valor para a industria ten, como explica prego noutro dos capítulos, unha gran relevancia xeopolítica. “En China, as terras raras son tan importantes para eles como o petróleo para Arabia Saudí: hai un conflito continuo con Estados Unidos e Xapón, entre outros países. Ao ter tantas reservas (un 90% do total do planeta), China tirou os prezos, afundiu o mercado e tiveron que pechar minas por todo o mundo”.
A Serra do Galiñeiro é un dos lugares da península máis ricos en terras raras
O resto repártese en pequenas cantidades polo globo. En Galicia, na Serra do Galiñeiro, puxo os ollos hai uns anos unha multinacional mineira para a posible explotación dun xacemento de terras raras, aínda que a probable contaminación, ademais da presenza de torio, un elemento radiactivo, xeraron unha rexeitamento veciñal que deixou en suspenso o proxecto. “É un dos lugares máis ricos neses elementos na Península; e isto inflúe no sedimento do río Miño e a ría de Vigo, que son os máis abundantes en terras raras de toda a costa galega”.
Este foi o asunto que impulsou a Ricardo Prego a escribir o libro: “Eu investigo sobre intercambios bioxeoquímicos entre terra e océano, e na ría de Vigo as terras raras son un elemento clave para comprender este proceso”. Prego, especializado en Química Inorgánica, traballa no CSIC desde 1990, e actualmente é director do grupo de Bioxeoquímica Marina. Investiga tamén sobre contaminación por metais e eutrofización. Publicou máis de 210 artigos científicos sobre nutrientes, elementos traza e terras raras nas rías galegas, os fiordos chilenos, esteiros do Ártico e lagoas do Pacífico mexicano; o afloramento de Galicia durante o Holoceno e os metales presentes no petróleo do Prestige.
Podes mercar o libro nesta ligazón.
O Doutor Ricardo Prego non debe saber, non é xeólogo claro, que os sedimentos os levan os ríos ao mar. Se na Ría de Vigo atópanse Terras Raras é porque os ríos que van ter a ela atravesaron algunha zona de rochas con esta mineralización. O que di o manual de prospección xeoquímica e que hai que procurar o mineral que se quere beneficiar na bacía de drenaxe dos ríos que van ter á Ría de Vigo. E ningún deles procede do Galiñeiro. Así que millor sinale para outro lado, por favor.