BioFarma, a procura permanente da excelencia na investigación farmacéutica 

O grupo dirixido pola investigadora Mabel Loza obtivo o Premio GCiencia Galicia Spin-Off na categoría Grupos de Investigación

Dende finais do século pasado no que comezou a traballar o xerme do grupo BioFarma ata o de agora, a investigación farmacéutica percorreu un largo camiño que situou Galicia entre as comunidades autónomas máis avanzadas neste campo. Concretamente BioFarma, un dos grandes grupos de investigación europeos do sector. Este foi un dos factores que levou ao xurado dos Premios GCiencia Galicia Spin-Off a elixilo como gañador na categoría Grupos de Investigación nesta última edición. O xurado tamén destacou no seu veredicto “o feito de seren un grupo de investigación dirixido por unha muller, o que pon de relevo o crecente protagonismo das mulleres na ciencia e na investigación en Galicia”. A entrega do premio celebrarase este xoves 21 de novembro no Pazo de San Roque, en Santiago.

A prestixiosa investigadora Mabel Loza, actual coordinadora do grupo, explica que o seu nacemento chegou coas investigacións por parte da actual catedrática emérita de Farmacia, Maribel Cadavid. O grupo BioFarma creouse formalmente no ano 2004 pero dende 1998 xa se viña traballando na definición dun novo paradigma da investigación farmacolóxica en Galicia que permitira achegar aos cidadáns os resultados das investigacións realizadas en forma de novos fármacos. 

Publicidade

Unha traxectoría de dúas décadas

Ao longo dos últimos 20 anos BioFarma medrou constantemente e desenvolveu unha tecnoloxía áxil e eficiente que o situou na vangarda europea na procura de novos fármacos. Permitiulle, ademais, reducir os custos destas onerosas investigacións. “Somos un grupo académico pero un pouco atípico porque temos incorporado investigadores con capacidades moi diversas e que teñen experiencia a pesar da súa xuventude”, indica Mabel Loza. 

A coordinadora do grupo apunta que un dos aspectos fundamentais no seu traballo é a colaboración con compañías biotecnolóxicas e cos médicos que levan a cabo os ensaios cos fármacos deseñados polos investigadores do grupo. “É necesario contar cun ecosistema axeitado para dar valor ao que fas. Actualmente coordino tamén o Plan Complementario de Biotecnoloxía en Galicia e fágoo porque creo moito nisto. Se non houbera un ecosistema todo sería só flor dun día”, sinala Loza. 

Publicidade

Apoio á creación de novas empresas

Os fitos acadados por BioFarma nestes 20 anos de traxectoria son moi destacados, entre eles atopamos os máis de 50 millóns de euros xestionados en distintos proxectos —cun 60% de financiamento público e un 40% privado—, o descubrimento de 15 novas entidades químicas que chegaron a ensaios clínicos ou o desenvolvemento do primeiro fármaco oral contra o covid-19 que se probou en Galicia e Cataluña simultaneamente. Ao longo destes anos BioFarma participou tamén na creación e desenvolvemento de novas empresas biofarmacéuticas nacidas en Galicia como Pharmatools, Oncostellae e Celtarys

“Neste anos tamén houbo outras iniciativas destacadas como a creación dunha unidade mixta coa empresa farmacéutica Esteve, que funcionou durante varios anos e que serviu de base para desenvolver o programa de unidades mixtas da Xunta e contribuír a atraer investimento estranxeiro”, indica Loza, quen considera que o crecemento experimentado polo sector biotecnolóxico en Galicia nestes últimos 25 anos é “espectacular”.

Entón apenas había unha ou dous empresas do sector na comunidade autónoma e agora hai moitas compañías, diversos grupos de investigación, unidades mixtas e centros de investigación como o Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da Universidade de Santiago, no que se integra o propio grupo BioFarma. “Distintos gobernos e institucións galegas apoiaron este crecemento e agora temos un ecosistema no que ademais hai unha boa atmosfera de colaboración entre todos”, indica Loza. 

Proxección de futuro

No que se refire aos plans de futuro, a coordinadora do grupo prevé que BioFarma ten moitas posibilidades de seguir ampliando a súa destacada traxectoria xa que soubo especializarse nun xeito de traballar moi áxil dentro dun proceso tan longo e custoso como é o da investigación preclínica. “Actualmente somos un dos grandes grupos de investigación europeos neste sector e traballamos con estándares de calidade internacional”. Se o futuro de BioFarma segue na liña do xa acadado a continuidade do éxito semella garantida.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha nova Unidade Mixta da USC impulsa terapias innovadoras en cancro e enfermidades inflamatorias

A colaboración con SunRock Biopharma integra grupos do CiMUS para validar candidatos terapéuticos en fases temperás

Un equipo galego descobre que algúns fármacos contra a obesidade teñen efectos beneficiosos no fígado

O CiMUS e a Universidade de Toronto investigan as aplicacións de substancias baseadas en GLP-1 en enfermedades hepáticas, o que permitiría elaborar tratamentos personalizados

O grupo de Santiago que investiga os segredos do párkinson: “A cura definitiva é moi complicada”

O equipo do CiMUS liderado por José Luis Labandeira analiza a morte neuronal e desenvolve estratexias de neuroprotección para frear a enfermidade

O CiMUS lanza seis contratos formativos para atraer talento mozo

A iniciativa está destinada a estudantes predoutorais e o prazo para a presentación de solicitudes remata o 19 de abril