A borrasca Caetano pon Galicia en alerta: estas serán as zonas máis afectadas

Meteogalicia activa o aviso laranxa no noroeste da Coruña e na Mariña lucense por temporal marítimo, con ondas de ata catro metros

Caetano. Ese é o nome da borrasca que activará as alertas en Galicia durante a xornada do xoves por intensas precipitacións, fortes refachos de vento e temporal marítimo. Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) o sistema de baixas presións está situado este mércores sobre o Atlántico Norte pero mañá desprazarase ata colocarse no oeste de Francia, o que provocará unha maior inestabilidade en Galicia e, por tanto, a activación dos avisos amarelo e laranxa en boa parte do territorio. Caetano é a terceira borrasca de gran impacto do outono, depois de Aitor e Berenice, e os seus principais efectos serán os fortes refachos de vento, que poderán superar os 80 km/h, e o temporal marítimo.

En canto ás zonas máis afectadas pola borrasca Caetano, o aviso laranxa actívase este xoves no mar. Concretamente, no litoral norte da Coruña e na Mariña lucense, onde amais de vento de forza 8 haberá ondas que poderán acadar os catro metros. As zonas máis afectadas polo mar de vento serán Bares e a Mariña Occidental. Con todo, os efectos máis duros de Caetano non durarán moitas horas e está previsto que o aviso laranxa se desactive a partir das 15 horas. Na Costa da Morte estará activada a alerta amarela. Por tanto, as Rías Baixas serán a única zona do litoral galego que non sufra os efectos de Caetano.

Publicidade

Impacto en terra

Máis alá do impacto da borrasca no mar, este xoves tamén haberá alertas amarelas en terra. No interior e no noroeste da Coruña espéranse chuvias intensas dende o mediodía ata as últimas horas da noite. Meteogalicia prevé que poida haber acumulados de ata 40 l/m2 sobre todo en Ortegal, Ferrol e Eume. Na Mariña lucense, en terra, o aviso amarelo estará activado dende as 9h ata as 18h por refachos que poden acadar os 80 km/h. De igual maneira que nas montañas de Lugo e Ourense, onde se esperan ventos intensos, sobre todo na xornada de tarde.

Os efectos de Caetano serán breves e o prato máis forte da xornada vivirase o xoves. O venres será un día estable pola influencia dun anticiclón centrado no Algarve, mais conforme avance a xornada produciranse “precipitacións febles e ocasionais”. En canto ás temperaturas, xa acadan valores propios da época do ano e non superarán os 17 graos de máxima en ningunha cidade de galega. En relación á fin de semana, o domingo entrará unha nova fronte moi activa que regará Galicia e deixará de novo abundantes precipitacións e ventos fortes. Meteogalicia prevé que o episodio tampouco dure moito e a vindeira semana comece con baixa probabilidade de chuvias.

Publicidade

Recomendacións ante episodios de fortes ventos

Debido aos efectos da borrasca Caetano en Galicia e en boa parte do norte peninsular, a AEMET fíxose eco dos avisos emitidos por Protección Civil para que a poboación tome as precaución oportunas. Sobre todo no que se refire ao vento, dado que se producirán refachos moi intensos mentres dure o episodio.

Entre as recomendacións da axencia estatal, no caso de que a persoa estea na casa, está o peche de todas as ventás e a retirada de macetas e outros obxectos das terrazas, para evitar o risco de caída. Así mesmo, aconsellan retirar os toldos e pechar as portas. No caso de estar na cidade, o mellor é evitar pasar por debaixo de cornixas, árbores, andamios, grúas ou muros que poidan desprenderse. Finalmente, no campo ou na montaña coidado co subir a lugares altos e expostos ao vento, dado que isto tamén pode favorecer a acumulación de neve e, por tanto, aumentar o risco de aludes.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Que tempo irá en Galicia en Semana Santa? Isto apuntan os primeiros prognósticos

A AEMET sinala que non se poden descartar chuvias no terzo norte pero advirte que a predición pode "variar considerablemente" nos próximos días

Galicia rexistrou o inverno meteorolóxico máis húmido do último cuarto de século

A precipitación media alcanzou 800 litros por metro cadrado entre decembro e febreiro, cun incremento do 81% respecto á media climática

Unha masa de aire africana empeora a calidade do aire en Galicia

Os modelos de Copernicus prevén un aumento das partículas en suspensión e unha posible deposición húmida durante as próximas horas

Da borrasca Regina a máximas de 22 graos: por que Galicia vivirá unha semana de tempo tan cambiante?

Unha valgada achegarase dende o Atlántico a partir do xoves e provocará un brusco descenso térmico e unha elevada probabilidade de precipitación en toda Galicia