O eucalipto ocupa xa 409.026 hectáreas en Galicia, case a terceira parte do total da Península Ibérica. Malia as denuncias sociais para reducir a extensión desta especie alóctona que xa representa o 30% da superficie arborada na comunidade, a tendencia na actualidade é crecente. E o peor aínda non chegou: as condicións metereolóxicas e a degradación do solo favorecerán a expansión da invasora. Segundo un informe presentado no 8º Congreso Forestal Español, “as proxeccións futuras predín un incremento significativo do hábitat óptimo nas áreas interiores de Galicia”. Nun mapa elaborado para o evento, e que resume os primeiros resultados do vindeiro Inventario Forestal Continuo de Galicia, pódese apreciar a implantación masiva da especie foránea no litoral galego.
“Trátase dun problema holístico, e para solucionalo temos que ter unha visión na que non solo teña peso o aspecto económico, xa que o impacto do eucalipto no patrimonio cultural e na biodiversidade de Galicia é inmenso”, resume Rebeca Blanco Rotea, arqueóloga e coordinadora da Comisión técnica temporal do Consello da Cultura Galega que elaborou un informe en 2023 sobre o impacto destes cultivos de rápido crecemento.
Neste sentido, a creación dunha nova pasteira en Galicia sería como ver chover enriba dun chan mollado. Segundo os datos estimados, para satisfacer as necesidades dunha nova industria da celulosa serían necesarias entre 80.000 e 190.000 ha adicionais de eucalipto, o cal causaría unha fractura total no territorio, según un novo informe do Consello da Cultura sobre o proxecto de Altri en Palas de Rei. En 48 anos, dende o ano 1966 ao 2014, a extensión ocupada por eucalipto na comunidade multiplicouse en Galicia por 11.
A inasumible perda da nosa paisaxe
A día de hoxe, a plantación de eucalipto en Galicia representa máis da metade do total de España: “Dende logo, batemos o récord en canto á extensión desta especie. Se sumamos o eucalipto de Galicia e o do norte de Portugal, veremos que a súa superficie ocupa arredor das 1.480.000 hectáreas, mentras que no resto de países europeos apenas supón unhas 100.000 hectáreas no seu conxunto”.
A normalidade coa que moitas veces se asume a presenza do eucalipto en Galicia choca dun xeito frontal coa historia recente da comunidade: a comezos do século XX o noso territorio era completamente distinto. Cuns montes desarborados, e adicado a unha gandería e unha agricultura de carácter minifundista. O que non se pode negar e o éxito que tivo a especie para implantarse no solo e, xa de paso, no imaxinario colectivo.
Segundo o Consello da Cultura Galega, o monocultivo de eucalipto amosa un modelo de explotación “completamente destrutivo”, o cal substitúe o bosque nativo —especialmente os bosques de ribeira, as carballeiras e os de encostas—, causando a metamorfose da paisaxe galega, tanto a niveis de patrimonio natural como cultural. O impacto é total: perda de biodiversidade, uniformación da masa arbórea, alteración dos recursos hídricos, empobrecemento do solo… e proliferación dos incendios.
E a todo isto súmase a chegada dunha nova subespecie, o Eucalyptus nitens, que é capaz de prosperar en rexións con maior altitude e temperaturas menos tépedas. Se cadra, dentro de 10 anos será posible ver eucalipto na Serra do Xistral.
A ordenación do territorio, unha problemática aínda vixente
Segundo Rotea, Galicia enfróntase a varios problemas endémicos da rexión: un deles é o da ausencia de planificación e ordenación do territorio, unha xestión onde a miúdo só se estuda o aspecto económico. “Temos unha riqueza incrible e, aínda así, levamos quince anos coa ampliación da Rede Natural 2.000 paralizada”. Os mesmos anos que leva sen actualizarse o Inventario Nacional Forestal (IFN4) sobre a superficie arbórea de Galicia.
Así mesmo, a investigadora critica que non se está a aplicar a normativa xerada pola Xunta para evitar que se expandan especies alóctonas nos espazos protexidos e que, ademais, non existen medidas de recuperación destes espazos. “A presenza masiva do eucalipto ten que verse dentro dun ámbito maior, que é a cuestión da ordenación do territorio. Esta uniformación nas plantacións permite que os sucesos como os incendios forestais que estivemos vendo estes días en Portugal cada vez sexan máis comúns e duren máis días”, engade.
Segundo o informe, o monocultivo forestal é unha das causas principais, xunto co despoboamento, o abandono da actividade agraria e a agricultura intensiva que máis contribúen á degradación e a afectación dos valores culturais e naturais de Galicia.
A economía, o de sempre
Segundo o informe do CCG, a xestión forestal do territorio está baseada unicamente na produtividade, no crecemento e na cantidade sen calidade: “Penso que non hai un exemplo como o galego“, advirte a experta.
E para tentar comprender a supeditación do noso solo á economía, só hai que ver a superficie ocupada por eucalipto nas distintas comarcas galegas e maila súa proximidade ás pasteiras de Lourizán e Navia. Na mariña lucense, no 2023, a cifra de hectáreas ocupadas pola especie acadou a cifra de 62.820: é máis do que se estima para a comunidade completa de Cantabria. Ferrol, as mariñas coruñesas… o norte cóbrese de eucalipto por completo. A día de hoxe, a comunidade é a principal responsable das cortas de eucalipto en España: entre o 70% e o 90% provén de Galicia.
Ante a posibilidade de implantar unha nova industria de celulosa, os expertos do CCG advirten: “En Galicia, actualmente, non hai madeira para abastecer o proxecto de Altri“. Segundo os cálculos levados a cabo por Eduardo Corbelle, enxeñeiro de montes e autor do informe do CCG sobre o impacto do proxecto Gama no territorio, “para satisfacer as necesidades da nova pasteira serían necesarias entre 80.000 e 190.000 ha adicionais de E. nitens“. Isto iría en contra do actual Plan Forestal de Galicia, o cal insta a reducir nun 5% a actual superficie de eucalipto para o ano 2040.
“Temos que ser capaces de pensar no impacto que poden ter as nosas accións de hoxe no futuro e sentarnos para falar de que como queremos que sexa este futuro”, reflexiona a coordinadora do CCG.
ALTRI no. No en mí nombre. Quiero eliminar los dos comentarios anteriores por error de transcripción.
Sería tremendamente perjidicial sobre todo para Galicia esa nauseabunda fábrica.
Traducción erróna de mi comentario. Quise decir: Altri no, no en mí nombre
Altri NON no meu nome
Mucho bulo periodístico y poca base científica ni técnica…la crítica al eucalipto es criticar al sector forestal productivo de Galicia veo muchos juicios de valor falsos