A profunda borrasca Aitor deixa ata 137 litros por metro cadrado e ventos de 120 km/h

As intensas choivas e os fortes ventos causaron na noite do mércores máis de 300 incidencias na comunidade

Este ano a chegada do outono foi máis que evidente: ata 12 comunidades manteñen activas as alertas polos fortes ventos e as chuvias intensas. A borrasca Aitor, a primeira da tempada, deixouse notar a noite do mércores en Galicia, producindo unha chea de desfeitas por toda a comunidade. Os servizos de emerxencias atenderon na pasada noite máis de 350 chamadas por distintos tipos de incidencias, a meirande parte delas ocasionadas polos fortes refachos do vento e a caída de árbores. O vento tamén soprou forte no litoral: ata 127.3 km/h no caso do Penedo do Galo, en Viveiro.

Segundo os datos de MeteoGalicia, no concello pontevedrés de Fornelos de Montes acumulouse unha cifra de 137.9 litros por metro cadrado en cuestión de horas. En Muralla de Lousame e Entrimo, municipios da Coruña, tamén se recolleron máis de 100 litros por metro cadrado. Durante a noite, a cidade de Vigo deixou imaxes inéditas que os usuarios de X recolleron baixo o hashtag #BorrascaAitor, como unha escaleira reconvertida en fervenza na rúa Cachamuiña. En Santiago de pouco serviron os paraugas: o vento acadou máis de 80 km/h na tarde do mércores. Na cidade da Coruña, os parques permanecerán pechados ata a tarde deste xoves.

Publicidade

Alertas na comunidade

A borrasca está a ocasionar en Galicia unha combinación de fenómenos adversos que inclúen choivas intensas, fortes refachos de ventos e un temporal marítimo tan só uns días despois das grandes mareas, as máis espectaculares en 19 anos. Na noite do mércores a alerta laranxa mantívose na montaña de Lugo, en toda a provincia da Coruña e no interior de Pontevedra a causa das fortes choivas, deixando unha acumulación de máis de 80 litros en tan só 12 horas.

Durante este xoves mantense a alerta amarela no litoral norte da comunidade debido aos fortes ventos. Unha situación que, segundo prognostica MeteoGalicia, deixará de ser problemática cara a fin de semana. A acumulación de auga comezará a baixar ao longo do xoves nas zonas máis afectadas de Galicia, nas provincias de Ourense e Pontevedra: aínda así, as cifras seguen roldando os 80 litros por metro cadrado en localidades como Entrimo.

Publicidade

MeteoGalicia establece a alerta amarela polos fortes ventos no litoral norte de Galicia este xoves 26 de setembro.

Galicia está sendo a comunidade máis afectada pola borrasca Aitor e, aínda que segundo os distintos servizos meteorolóxicos xa comeza a afastarse cara o Mediterráneo, aínda deixará acumulacións de auga significativas durante as vindeiras horas, sendo persistentes no caso da provincia de Ourense. Nas tres provincias restantes, informe MeteoGalicia, iranse abrindo claros conforme avance a xornada, con chuvascos intermitentes e localmente máis intensos. As temperaturas roldarán os 20 graos de máxima na totalidade da comunidade. En canto ao vento e ao temporal na costa, a súa influencia será notable ata a fin de semana.

O que virá despois

Coa chegada do venres, Aitor comezará a súa retirada cara o leste da Península, dando paso a unha masa de aire frío nas capas altas da atmosfera. Esta configuración atmosférica deixará temperaturas bastante baixas, especialmente no caso de Lugo, onde as máximas non superarán os 15 ºC.

A fin de semana virá marcada por unha oscilación térmica grande, con máis de 20 graos de máxima e tan só sete de mínima. Agárdanse ceos parcialmente cubertos e con chuvascos máis frecuentes nas primeiras horas da mañá. No norte da comunidade poderían darse aínda as últimas tormentas ocasionadas pola borrasca. Xa o sábado, Galicia irá recuperando a influencia anticiclónica: a néboa irá disipándose, deixando os ceos descubertos na meirande parte da comunidade. O vento forte abandonará o litoral norte. Cara a vindeira semana, agárdase que regresen as choivas en toda Galicia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Percepción do piropo entre a mocidade galega: só o 25% dos rapaces se sente mal cando o emite

Unha tese doutoral investiga a obxectivización do corpo das muller a través desta antiga práctica en 232 adolescentes de Pontevedra e Ourense

Do cambio climático aos patóxenos: as claves do acusado declive da zamburiña en Galicia

Un grupo do IIM-CSIC inicia unha investigación no único banco natural explotable en Galicia que apunta unha combinación de múltiples factores

▪️ Galicia rexistrou a primavera máis seca dende 1990

O último informe de Meteogalicia indica que nos meses de marzo, abril e maio houbo un 46% menos de precipitacións do habitual para o período

Cinco motivos polos que a Unesco tumba a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade

Un informe do Icomos sinala deficiencias na representatividade, na metodoloxía, no descenso demográfico e nos efectos das infraestruturas sobre o valor da paisaxe