A unión da borrasca Aitor coa humidade do Caribe deixará acumulados de ata 200 litros

Toda Galicia está en alerta por intensas precipitacións, fortes refachos de vento e temporal marítimo

Toda Galicia está en alerta pola profunda borrasca Aitor, a primeira de gran impacto da tempada. Coa previsión de que deixe ventos e chuvias moi intensas ata as primeiras horas do xoves, este mediodía xa se rexistraron refachos de 127 km/h en Viveiro. Con todo, as cifras máis elevadas correspóndense co prognóstico asociado ás precipitacións: algúns modelos apuntan a acumulados de ata 200 l/m2 nalgúns puntos da provincia de Pontevedra durante as horas que dure a influencia da borrasca.

Ante estas previsións, tanto Meteogalicia como a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) activaron a alerta laranxa en boa parte das provincias de Pontevedra e da Coruña a causa das fortes precipitacións. Espérase que a partir das 9 horas do xoves se poidan desactivar todos os avisos, agás os de temporal marítimo.

Publicidade

O río atmosférico

As potentes treboadas que está a provocar Aitor na fachada occidental de Galicia están potenciadas por un río atmosférico. É dicir, “unha autopista” que conecta o Caribe co oeste peninsular e que serve para transportar grandes cantidades de humidade tropical. Isto, sumado a que as temperaturas do Atlántico están máis altas do esperable para esta época do ano, provoca unha forte descarga de precipitacións en Galicia, sobre todo nas serras prelitorais.

Esta circulación de humidade do Caribe é a que potenciará as intensas precipitacións. Segundo a previsión do meteorólogo José Miguel Viñas, e en concordancia coas alertas emitidas por Meteogalicia, agárdanse acumulacións de ata 80 l/m2 en tan só 12 horas. Con todo, o experto de Meteored explica que se poden acadar picos de ata 15 l/m2 nunha hora no noroeste da Coruña e nas Rías Baixas. De igual modo, Viñas subliña neste artigo de Meteored que algúns puntos da provincia de Pontevedra poderían acadar os 200 l/m2 nas horas que dure este evento adverso.

Publicidade

Camiño á península

A borrasca Aitor continuará exercendo a súa influencia sobre Galicia durante o xoves, malia que se irá desprazando cara ao resto da península ao longo da xornada. De feito, as chuvias máis persistentes rexistraranse na provincia de Ourense durante as primeiras horas do día. Despois agárdanse ceos nubosos e chuvascos intermitentes. En canto ás temperaturas, as máximas roldarán os 20 graos pero irán descendendo progresivamente nos vindeiros días. A chegada dunha masa de aire frío provocará un notable descenso térmico na fin de semana.

Aitor retirarase por completo o venres e dará paso á entrada de aire frío nas capas altas da atmosfera. Iso provocará que nalgúns puntos de Galicia, como Lugo, as máximas non superen os 15 graos. Ningunha cidade galega superará os 20 graos e as mínimas quedarán en 10. De cara á fin de semana todo apunta a que Galicia irá recuperando progresivamente a influencia anticiclónica. Con todo, será unha xornada marcada pola oscilación térmica, con ata 22 graos de máxima e tan só 7 de mínima.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

▪️ Galicia rexistrou a primavera máis seca dende 1990

O último informe de Meteogalicia indica que nos meses de marzo, abril e maio houbo un 46% menos de precipitacións do habitual para o período

Galicia activa o sistema de alerta ante episodios de calor tras un mes de maio “moi cálido”

O último informe de Meteogalicia recolle o evento extraordinario de altas temperaturas rexistrado durante o mes pasado, que deixou máximas de 37,5 graos en Ourense

▪️ Que é a cúpula de calor? O fenómeno detrás dos récords de temperatura en Galicia en pleno mes de maio

MeteoGalicia establece alertas amarelas por calor na zona do Miño de Ourense e no sur de Lugo, con previsións de ata 36 graos

Unha masa de aire ártico afunde as temperaturas en Galicia na fin de semana

A circulación do vento do norte e unha fronte feble causarán chuvascos intermitentes entre venres e domingo, cando se comezará a recuperar a influencia anticiclónica